Gustavo García: "O ataque non foi obra de ningún grupo fascista organizado"

O despacho de Gustavo García, tras o ataque CC-BY-SA Gzvideos.info

Un despacho esnaquizado, con centos de libros ciscados, símbolos nazis pintados na parede, mensaxes ameazantes de corte ultradereitista, excrementos sobre diversos obxectos, cadros acoitelados e ata sangue. Todo iso foi o que se atopou o avogado vigués Gustavo García o pasado luns, logo de que a Policía descubrira o ataque sufrido polo seu lugar de traballo nesa madrugada. O letrado, vinculado no pasado á CIG e secretario da Fundación Galega contra a Impunidade, viviu un duro trago ao descubrir o resultado dunha desfeita que ten todas as características para ser considerada como un ataque dun grupo fascista. Pasadas as horas, o xurista resta importancia aos feitos e di ter "a case certeza" de que o atentado non é obra "de ningún colectivo facha organizado".

Entre as diversas mensaxes mesturábanse lemas fascistas, ameazas e referencias ao PKK curdo

"Le vamos a exprimir los huevos", "rojo hijo de puta", "viva el fascio", "rojos paredón", "cerdo" ou "viva la muerte" foron algúns dos lemas que apareceron nas paredes do seu despacho, xunto a varias esvásticas, pero tamén pintadas contra o PKK curdo -suponse que en alusión ao traballo que Gustavo García desenvolve a prol da causa deste pobo e polo que chegou a estar detido- ou de grupos fascistas portugueses. Os variados, simples e mesturados lemas aparecidos fan crer ao avogado que detrás deste ataque "non hai ningún grupo fascista organizado", senón máis ben "algunha xente amolada" polo traballo que desenvolve este letrado. "Non descarto nada e sospeito que é por algún tema do traballo ou pola actividade da Fundación Galega contra a Impunidade, que non se centra en reivinidicar só ás vítimas, senón en lembrar que non foron mortos que apareceron por xeración espontánea, senón que foron asasinados por homes que son familias importantes e cuxos descendentes seguen estando entre as elites e detrás de importantes empresas", explica.

"Se fosen fascistas organizados, dubido que empregasen certos lemas e certos símbolos; poden ser familiares destes represores enfadados ou persoas que se cren prexudicadas por algún conflito que eu levo como avogado, pero todas estas mensaxes que deixaron son ridículas, unha trapallada", di Gustavo García. O feito de que os que atacaron o seu despacho fixesen referencia ao movemento curdo ou a outros aspectos fundamentais no seu labor habitual como letrado fan pensar que os atacantes coñecían -e moito- a súa traxectoria. Pero non cre que detrás haxa unha organización fascista nin moito menos que sexa obra de paramilitares turcos. "Esa xente matou non hai moito tres rapazas curdas en París e eu durmín varias veces na sede estes días e non atacaron ata que marchei; se quixesen matarme, faríano e hai grupos que fan iso sen problema ningún", explica con claridade.

"Non creo que fose un grupo fascista organizado; todo parece un pouco mentira, unha trapallada", di o avogado

"En Galicia hai un grupo fascista denominado Resistencia Aria; son rapaces que incluse se definen como independentistas e que admiran a Castelao, pero os cadros de Castelao tamén acabaron esnaquizados", conta García, que non cre que exista "unha extrema dereita organizada en Galicia" que levase a cabo este atentado, aínda que a asociación A Revira de Pontevedra sufriu pintadas semellantes hai unhas semanas.  "Foi xente enfadada polo traballo que desenvolvo na Fundación ou polo meu labor como avogado", insiste, tras quitarlle ferro á acción. "Todo parece un pouco mentira, un paripé", conta, tras aclarar que non ten "medo ningún".

Gustavo García agradece, no entanto, todos os apoios recibidos, tamén os que chegaron desde AGE e BNG no Parlamento, pero insiste en que, malia a petición de investigación que chegou dos nacionalistas, non sospeita dun ataque organizado do fascismo ou da ultradereita. "Como avogado, entendo que as cousas deben responder a unha lóxica, pero isto non tería lóxica ningún", engade. O letrado non dubida en que todos estas mensaxes de solidariedade, incluídos os do Consello Xeral da Avogacía e dunha morea de compañeiros, estano beneficiando. "Ao final fanme publicidade, fixéronme un favor grandísimo", di como para restar relevancia a un feito que, de fixarse só no resultado do ataque, non semella tan pouco importante.

Desde logo, García seguirá, e aínda con máis forza e apoios, coa súa loita "contra a impunidade de todos os crimes contra a humanidade". Por iso, o vindeiro 20 de novembro presentará cunha festa na sede da Fundación -que tamén foi atacada e que comparte local co seu despacho- outra nova, a Fundación Adriana Calvo e que teimará na loita por condenar os autores de tantos asesinatos políticos e ideolóxicos en todo o mundo. "Sexa por ditaduras fascistas ou comunistas, porque aquí non hai ideoloxías, aquí hai criminais e asasinos", di quen non se cansa de lembrar que a represión franquista en Vigo "matou máis xente da que morreu no corredor de Boston". Pero seguen impunes. Como, de momento, os que atacaron a súa sede.

 

Gustavo García, no seu despacho, tras o ataque CC-BY-SA Gzvideos.info

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.