"Hai moita xente que aínda está atrapada e que non puido chegar aos centros sanitarios"

Felipe Noya © Médicos do Mundo

O terremoto que devastou Nepal o pasado sábado causou inmediatamente máis de cinco mil mortes, unha cifra que se vai incrementando a medida que pasan as horas e os días, e que podería achegarse ás dez mil, segundo as estimacións ofrecidas este mércores polo primeiro ministro nepalí, Sushil Koirala. É nestes momentos nos que se fai especialmente importante o labor humanitario realizado por países veciños (nomeadamente China e India) e por entidades non gobernamentais chegadas de todo o planeta.

"As primeiras horas tras o impacto son cruciais para o rescate das vítimas" -explican dende a Coordinadora Galega de ONGs para o Desenvolvemento (CONGD). "A coordinación nos labores humanitarios é esencial nos días posteriores ao sismo. O débil sistema sanitario do país está desbordado e gran parte das súas infraestruturas están absolutamente destruídas. ONG que traballan na zona reforzaron os seus equipos e están a apoiar os labores urxentes de rescate e atención ás necesidades da poboación: auga potable, saneamento, refuxio, medicamentos e alimentos de emerxencia ante o enorme número de persoas feridas", din.

15 entidades con actividade en Galicia, e que forman parte da CONGD están mobilizadas para axudar a poboación do Nepal, en intervencións urxentes de rescate de superviventes, tratamento de feridos e feridas e outras accións humanitarias: ADRA, Axuda en Acción, Acción contra a Fame, Cáritas, Cruz Roja Española, Entreculturas, Farmamundi, Fontilles, HelpAge International España, Médicos do Mundo, Médicos sen Fronteiras, Oxfam Intermón, Plan Internacional, Save the Children e Unicef.

Médicos do Mundo enviou este mércores dende Madrid un primeiro equipo médico-quirúrxico, integrado por un coordinador, un loxista, un cirurxán, un traumatólogo, un anestesista e un enfermeiro

Ademais da axuda económica e material enviada dende Galicia, tamén algúns profesionais se están desprazando ata Nepal para colaborar no labores de rescate dos afectados e afectadas polo terremoto. Médicos do Mundo enviou este mércores dende Madrid un primeiro equipo médico-quirúrxico, integrado por un coordinador, un loxista, un cirurxán, un traumatólogo, un anestesista e un enfermeiro, todos e todas con ampla experiencia en xestión de emerxencias. Acompáñaos, ademais, un fotoxornalista que ofrecerá cobertura informativa.

Traballarán ao longo de dúas semanas, nun principio no val de Katmandú, para despois se cadra decidir outros destinos

Nese equipo viaxa Felipe Noya, traumatólogo no Hospital Clínico de Santiago, que leva seis anos colaborando en Médicos do Mundo. Falamos con el este martes pola noite, unha vez que rematou a xuntanza de coordinación, na que os distintos profesionais foron informados das últimas noticias sobre os efectos do terremoto, os principais obxectivos da súa intervención e as condicións nas que van levar a cabo a súa actividade, que se desenvolverá ao longo de dúas semanas e se centrará nun principio no val de Katmandú, para despois se cadra decidir outros destinos. Neste senso, o martes pola tarde chegou á capital nepalí un avión fretado pola Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) con 30 toneladas de axuda humanitaria e catro kits de Médicos do Mundo que lles permitirán realizar operacións cirúrxicas mesmo nas situacións máis precarias.

O traballo de Médicos do Mundo e doutras entidades viuse dificultado nos últimos anos polos constantes recortes orzamentarios que sufriu a axuda á cooperación e que afectaron especialmente ás ONG. O propio Felipe Noya denunciaba nun artigo recente, publicado polo Día Internacional do Voluntariado, que "a regresiva supresión de apoios públicos fai que as organizacións, e especialmente as asociacións, teñan menos recursos e posibilidades para levar a cabo a súa misión no plano da intervención social, pero tamén, e non é menos importante, no plano da interlocución política e a incidencia". E sinalaba que "a situación económica e social presente fai que a misión da nosa asociación sexa aínda máis pertinente que nunca".

"Dende Médicos do Mundo puxémonos en contacto co Goberno nepalí e o que nos pediron foi que enviásemos un equipo autosuficiente"

Será a primeira vez que Noya participará nunha operación humanitaria nun escenario tan devastado por unha catástrofe natural, aínda que si ten experiencia de voluntariado en Gaza e noutros lugares. Recoñece que non dispoñen de moita información sobre o que van atopar: "Dende Médicos do Mundo puxémonos en contacto co Goberno nepalí e o que nos pediron foi que enviásemos un equipo autosuficiente. Cando cheguemos comezaremos a traballar, sempre en colaboración coas autoridades sanitarias do país, aínda que os primeiros momentos, os dous ou tres primeiros días teremos que gastalos en buscar información e organizar o noso traballo, saber onde podemos actuar".

Subliña as dificultades do propio terreo, nun país montañoso, con vales illados entre si e con malas comunicacións, moi deterioradas agora a causa do sismo, elementos que complican non só os labores de rescate, senón mesmo a información sobre a situación real dun e doutro lugar e as súas necesidades. "Hai moita xente que aínda está atrapada e que non foi quen de chegar aos centros sanitarios", di.

"Hai moita xente que aínda está atrapada e que non foi quen de chegar aos centros sanitarios"

Felipe Noya destaca o traballo realizado por Médicos do Mundo e outras organizacións que están colaborando nos labores humanitarios no Nepal, pero prefire ampliar os méritos a moitos outros colectivos e persoas que tamén ofrecen a súa axuda nestes momentos, de maneira máis directa ou indirecta: "Todas as vontades suman. Máis alá do labor de Médicos do Mundo, eu sempre digo que o labor humanitario é un labor da humanidade, comezando polos meus compañeiros no hospital, que están cubrindo o meu posto de traballo e as miñas funcións, ou polas facilidades que me ofreceron no propio centro e na Consellaría". "O valor de Médicos do Mundo" -resume- "é ofrecer a súa experiencia para que axuda que todas as persoas emprestesn nestas situacións teña impacto".

Os efectos do terremoto en Katmandú © Axuda en acción
Felipe Noya © Médicos do Mundo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.