Hai outras formas de ter enerxía

Asemblea de Som Energia © Som Energia

España non é un país punteiro en demasiado ámbitos, se cadra si nalgúns deportes, pero non (con honrosas excepcións, hoxe en grave perigo) no mundo da innovación, as novas tecnoloxías e o medio ambiente. Si o era en materia de enerxías renovables. Hai uns anos chegou a ser o cuarto país en potencia eólica instalada e o quinto en número de patentes, tiña un alto nivel de investimento en I+D e chegara a crear 45.000 postos de traballo, unha parte moi importantes deles en Galicia. Todo despois dun traballo de moitos anos e dun investimento de 25 mil millóns de euros.

En boa medida todo iso veu abaixo, sobre todo despois da reforma enerxética aprobada polo Goberno este verán, que lle deu o golpe de graza a un sector eólico galego paralizado dende hai anos. Porén, o traballo previo, e o a experiencia doutros países demostrou que outra enerxía é posible. E con ese espírito, buscando primar as enerxías renovables, o consumo responsable e o control democrático da enerxía que empregamos, naceron hai algúns anos as cooperativas de produción e consumo enerxético, seguindo os exitosos exemplos que podemos observar, por exemplo, en Alemaña, onde existen máis de catro mil cooperativas de enerxía limpa.

A cooperativa Som Energia superou os dez mil socios e socias

O 11 de decembro de 2010 naceu en Catalunya Som Energia, unha cooperativa que funciona, de momento, como comercializadora de electricidade e garántelles aos seus socios que o 100% da enerxía que distribúe é "verde" ou , noutras palabras, "limpa", mediante os certificados de enerxía verde avalados pola Comisión Nacional da Enerxía, rachando ademais co interesado mito de que a enerxía procedente de fontes renovables é máis cara. Naceu con 150 socios, vencellados na súa meirande parte á Universidade de Girona, e xa conta con 10 mil socios en toda España, nomeadamente en Cataluña, Illas Balears, Madrid, Andalucía, Valencia e o País Vasco. O obxectivo declarado (ambicioso, pero polo que se ve, posible) é superar os cen mil socios e socias e comezar a producir tamén a súa propia enerxía. Este mesmo ano puxo en marcha instalacións fotovoltaicas en Lleida e Riudarenes (Girona) e está a executar máis proxectos de enerxía solar fotovoltaica e unha planta de biogás en Torregrossa, tamén en Catalunya.

Dende hai uns meses comezou a traballar Nosa Enerxía Sociedade Cooperativa Galega, na que colaboran ao redor de 120 persoas

Iso si, de momento, da calidade do subministro eléctrico, da distribución da electricidade até o contador da nosa casa, seguirá a ocuparse a empresa distribuidora da zona na que vivamos. Som Energia non é a única iniciativa: a vasca Goiener, a cántabra Enerplus, a andaluza Zencer ou a valenciana Nercoop traballan co mesmo obxectivo. En Galicia tamén hai alternativas. A propia cooperativa Som Energia conta cun grupo territorial no noso país, grazas ao impulso da Federación de cooperativas Sinerxia. Ademais, dende hai uns meses comezou a traballar Nosa Enerxía Sociedade Cooperativa Galega, na que colaboran ao redor de 120 persoas. Neste momento buscar reunir os 3000 euros necesarios para dar de alta a cooperativa. O seu obxectico idea é darse de alta antes de que finalice este anos e xa no 2014 comezar a comercializar enerxía renovable. No actual grupo promotor actual hai unhas 17 persoas e buscan xuntar uns 30 socios promotores que acheguen uns 100 euros cada un.

Ao igual que os proxectos semellantes que está a xurdir en todo o Estado, búscase "cambiar o modelo enerxético actual e democratizar a enerxía, consumir enerxía verde e tamén apostar pola economía social e verde". Destacan que os socios e socias participantes obterán como contrapartidas "consumir enerxía verde o mesmo prezo ou mais barata co prezo de mercado" e tamén contar con "poder de decisión no eido da enerxía que consumimos". Para participar, tanto en Som Energia coma en Nosa Enerxía, abonda con facer unha achega de 100 euros para o capital social, das cooperativa, unha cantidade que ademais dá dereito a participar na toma de decisións, e que en calquera caso é reenbolsable se se decide abandonar a cooperativa.

 

Unha reforma contra as renovables

"A reforma enerxética que vén de aprobar o goberno constitúe o ataque definitivo contra o modelo enerxético limpo e ao servizo da cidadanía"

"A reforma enerxética que vén de aprobar o goberno constitúe o ataque definitivo contra o modelo enerxético limpo e ao servizo da cidadanía". Deste xeito rotundo valoraban este verán as cooperativas de enerxía verde os cambios no mercado eléctrico impulsados polo Executivo de Rajoy, vistos como "un intento de manter o status quo das grandes empresas enerxéticas e de obstaculizar calquera avance cara á eficiencia e a democratización da enerxía". O Decreto non so encarece os prezos a través dun brutal aumento dos custes fixos, desincentivando o aforro enerxético, senón que penalza gravemente as enerxías renovables e o autoconsumo.

O Decreto derroga definitivamente os anteriores que garantían primas ás renovables e propón un novo sistema de cálculo de rendibilidade para os investimentos realizadas e por realizar, aumentando a inseguridade xurídica e obstaculizando os novos proxectos de plantas e instalacións eólicas ou solares. Ademais, impón o cobro dunha peaxe pola enerxía producida que non saíu á rede e non regula un Balance Neto, regulación necesaria para facilitar pequenas instalacións domésticas. Pola contra, crea un rexistro para as instalacións de autoconsumo, moi difícil de fiscalizar, co único fin de establecer un maior control sobre estas plantas, acompañado de grandes sancións económicas para aqueles que non legalizaron a súa instalación de autoconsumo.

"Os cidadáns temos o poder do consumo, ou do non consumo. Non nos imos render"

A Asociación de Produtores de Enerxías Renovables (APPA) e as principais asociacións do sector solar consideran que o novo mecanismo de retribución para as renovables incluído na reforma enerxética supón unha "expropiación encuberta" que detraerá un 15% dos ingresos do réxime especial e que "levará á quebra a numerosas instalacións". De igual xeito, a Plataforma por un Novo Modelo Enerxético, asegura que "ignora a realidade do cambio climático e a escaseza de recursos fósiles". As cooperativas conclúen que a reforma enerxética "apunta directamente aos cidadáns". E neste senso Som Energía, na súa valoración final, sentencia que "os cidadáns temos o poder do consumo, ou do non consumo. Non nos imos render".

Presentación de Nosa Enerxía en Valadares Dominio Público Praza Pública
Paneis solares © Ecooo Revolución Solar
Asemblea de Som Energia © Som Energia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.