Homenaxeados os guerrilleiros mortos en 1949 na batalla de Repil

Unha das casas de Repil na que foron abatidos os guerrilleiros © Castro de San Lourenzo

O 20 de abril de 1949 a Garda Civil rodeou a coñecida como Casa do Facha, unha vivenda no lugar de Repil -no límite entre Monforte e A Pobra do Brollón- que era empregado por guerrilleiros antifranquistas como acocho temporal. Tras un intercambio de disparos, seis guerrilleiros foron abatidos e a familia propietaria da casa, detida, finalizando deste xeito unha das últimas grandes batallas entre a guerrilla e as forzas do réxime no sur da provincia de Lugo. Este sábado os seis homes foron homenaxeados no marco dunha xornada que tamén incluíu charlas de expertos e unha explicación sobre os avances das investigacións que dende hai dous anos se desenvolven neste lugar, nas dúas vivendas empregadas como refuxio polos guerrilleiros.

Tras un intercambio de disparos, seis guerrilleiros foron abatidos e a familia propietaria da casa, detida, finalizando deste xeito unha das últimas grandes batallas entre a guerrilla e as forzas do réxime no sur da provincia de Lugo

A guerrilla, unha das máis activas das que loitaban en Galicia, estaba comandada polo berciano Evaristo González Pérez, alcumado Rocesvinto ou Roces, que morreu. Tamén morreron ese día Guillermo Morán García ("Asturiano"), Gregorio Colmero Fernández ("O Porreto de Torbeo") e Julián Acebo Alberca ("O Guardiña). Resultaron gravemente feridos Fermín Gutiérrez Lada ("O Segura") e Samuel Mayo Méndez. Na súa persecución participaban ao redor de 150 axentes da Garda Civil, chegados mesmo dende outras provincias.

 

A memoria recobrada

Logo deste suceso, moi traumático para a veciñanza da zona, a casa foi abandonada e esquecida. Pero non a esqueceu Antonio Díaz Amaro, descendente dos propietarios e que mantivo viva a memoria do lugar. En 2016 o lugar foi recuperado polos arqueólogos cunha perspectiva de "Arqueoloxía do Conflito" e cunha finalidade de converter o espazo nun recurso para a Educación na Paz e na Convivencia. O enclave foi dende 2016 obxecto de diversos estudos de distintas disciplinas incluíndo dende o baleirado documental de revistas e outros documentos da época, a entrevista cos veciños e descendentes dos protagonistas ou o estudo dos materiais arqueolóxicos atopados.

Nunha segunda campaña, que vén de comezar, ademais da excavación en si, incorporaranse novos métodos como a utilización dun gradiómetro co que se realizará un estudo magnético do subsolo puidendo revelar estruturas non visibles en superficie. O uso do gradiómetro é idóneo neste momento xa que o lugar se atopa limpo de vexetación logo dos devastadores incendios de 2017. Durante a vaga de lumes o inmoble foi cercado polo lume mais salvado polo esforzo dos brigadistas. Xurxo Ayán, director de intervención, destaca que “se os incendios foran dous anos antes, a Casa de Repil seguramente sería arrasada, pero no 2017 o lugar xa era un lugar con significado para os mozos brigadistas que participaron na extinción”.

En 2016 o lugar foi recuperado cunha perspectiva de "Arqueoloxía do Conflito" e co obxectivo de converter o espazo nun recurso para a Educación na Paz e na Convivencia

Ayán incide na importancia desta segunda intervención arqueolóxica polo deterioro do propio lugar arqueolóxico e pola curta duración da primeira campaña. A intervención, que está promovida pola Asociación de Veciños María Castaña de Cereixa e o Concello da Pobra do Brollón está conectada á outra gran aposta arqueolóxica do territorio: O Castro de San Lourenzo. “Temos unha visión integral do territorio e da historia”, comenta Ayán. “O que estamos a facer no castro é unha peza máis; o que queremos é reconstruir as formas de vida da parroquia de Cereixa: O castro, María Castaña, a emigración, a Casa de Repil, etc, todo son pezas do mesmo puzzle”, di.

 

Xornada guerrilleira na Pobra do Brollón

Ademais da homeaxe -que incluíu unha ofrenda floral e unha pequena actuación musical- durante todo o sábado desenvolveuse na Pobra do Brollón unha Xornada Guerrilleira con charlas a cargo de expertos e expertas da historia da guerrilla galega, comezando polo propio Xurxo Ayán ("Arqueoloxías da guerrilla"). Interviron tamén Manuel Gago ("Corrían espidos entre o millo: a guerrilla galega entre a realidade, a lenda e aficción"), Celtia Rodríguez e Mario Saturnino Pereiro ("Arqueoloxía da Cidade da Selva") e Xiana Vilar ("Turismo memorial da guerrilla en Galicia"). A xornada finalizou coa conferencia de Alejandro Rodríguez e Xurxo Ayán titulada "A guerrilla antifranquista en Galicia-León (1944-1952). Que pasou en Repil?".

 

Entrega de dous corpos recuperados

Na mesma Pobra do Brollón, o vindeiro sábado 28 terá lugar o acto de entrega dos corpos de dous homes asasinados pola represión franquista

Ademais, na mesma Pobra do Brollón, o vindeiro sábado 28 terá lugar o acto de entrega dos corpos de dous homes asasinados pola represión franquista varios anos antes do enfrontamento de Repil. Trátase de José Rodríguez Silvosa e Ramón Somoza Álvarez, xastre un e tratante o outro, mortos polas súas ideas. Os seus restos foron recuperados pola Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH). A ARMH, o Concello da Pobra do Brollón o Concello de Monforte organizan un acto solemne no que participarán autoridades, poetas, músicos e veciñanza, e que terá lugar na Casa da Cultura 'Olga Novo' ás 12.30 horas.

Unha das casas de Repil na que foron abatidos os guerrilleiros © Castro de San Lourenzo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.