Homenaxes e unha manifestación en Vigo centran os actos do Día da República

Manifestación pola república en Vigo © http://federacion.republicanos.info/

Varias cidades e vilas galegas acollerán este martes actos conmemorativos con motivo do aniversario da proclamación da Segunda República, o 14 de abril de 1931. Destaca a manifestación que convoca a Asemblea Republicana de Vigo na cidade olívica e que se celebrará por cuarto ano consecutivo. A marcha partirá ás 20 horas dende a farola de Urzaiz e chegará ata a rúa da II República. Alí haberá distintas intervencións, entre elas a do xornalista Eduardo Rolland, que lerá un comunicado. O acto rematará coa interpretación do himno galego e do himno de Riego.

Destaca a manifestación que convoca a Asemblea Republicana de Vigo na cidade olívica e que se celebrará por cuarto ano consecutivo

Na Coruña, o Ateneo Republicano de Galicia celebrará a partir das 19 horas un acto no Campo da Rata no que intervirán o presidente da entidade e Carmen Negrín, neta de Juan Negrín, presidente da República entre 1937 e 1945. Previamente, este luns ás 20 horas, a librería Lume acollerá un coloquio ao redor do libro Juan Negrín: A República en guerra, coa participación do seu autor, Ricardo Miralles, do profesor Lourenzo Fernández Prieto e da propia Carmen Negrín.

Na Coruña, o Ateneo Republicano de Galicia celebrará a partir das 19 horas un acto no Campo da Rata no que intervirán o presidente da entidade e Carmen Negrín

Este martes celebraranse actos tamén en Boiro e Marín. Na vila do Barbanza, ás 12 horas, levarase a cabo unha ofrenda floral no o monumento aos republicanos caídos na loita contra o franquismo, sito na rotonda de Cimadevila de Boiro. De igual xeito, en Marín, na chamada Pedra da Liberdade, situada nos xardíns ao lado do edificio do Concello haberá un acto público ás 20 horas, que comezará cunha ofrenda floral seguida da lectura dun texto de lembranza e reivindicación. O acto estará acompañado da música da banda "Amigos da República" e dos compoñentes do "Grupo de Gaitas Picuiña".

 

Actos ao longo da fin de semana

Ao longo da fin de semana celebráronse actos en Ferrol, Cedeira, Rianxo, Ourense ou Oleiros. En Ferrol, por exemplo, as celebracións adiantáronse ao venres, cun acto organizado no Ateneo pola Plataforma pola República, apoiada por Anova, Espazo Ecosocialista, EU, PSdeG-PSOE, Terra Galega, e a asociación Fuco Buxán. Mentres, en Cedeira, este domingo Memoria Histórica Democrática levou a cabo, co apoio de BNG, EU e PSdeG-PSOE, unha homenaxe e ofrenda floral ás persoas represaliadas no Campo de Concentración que existiu no lugar despois da Guerra Civil.

En Cedeira, Memoria Histórica Democrática levou a cabo unha homenaxe e ofrenda floral ás persoas represaliadas no Campo de Concentración que existiu no lugar despois da Guerra Civil

Mentres, en Ourense a Asociación de Amigos de la República iniciou o sábado os actos do 14 abril; no cemiterio de San Francisco levou a cabo unha homenaxe ás persoas represaliadas. En Oleiros, pola súa banda, as actividades principais celebráronse o venres, organizadas por Esquerda Unida, que organizou un acto público no que participaron Yolanda Díaz, vicevoceira parlamentaria de AGE e coordinadora nacional de EU, e de Javier Couso, eurodeputado da Esquerda Unitaria europea.

Finalmente, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica de Barbanza escolleu este ano Rianxo para conmemorar o Día da República. O sábado levaron a cabo unha ofrenda floral no antigo campo de concentración da vila. Tamén se celebrou un debate titulado "Segunda transición ou primeira ruptura".

 

Manifesto do BNG

O BNG publicou este luns un manifesto titulado "Erguer os soños e as esperanzas", no que reivindica "a república para Galiza"

O BNG publicou este luns un manifesto titulado "Erguer os soños e as esperanzas", no que reivindica "a república para Galiza", vinculando a mudanza na forma de goberno coa "necesidade de que o pobo galego se dote de instrumentos políticos propios que creben a situación de dependencia". O BNG reivindica “unha república nosa, galega, social e democrática, que aposte no benestar, na xustiza e na igualdade; na educación, a sanidade, a vivenda e a cultura como dereitos; no laicismo, na defensa da terra e no respecto dos dereitos das persoas e dos dereitos nacionais de todos os pobos do mundo”.

O manifesto sinala que “unha simple mudanza na forma do estado non resolverá os problemas que padecemos”, determinados "pola relación de dependencia e subordinación de Galiza con respecto ao estado español, concretada no impedimento para desenvolver as nosas potencialidades económicas, na eliminación de sectores produtivos e postos de traballo, na emigración xuvenil ou na asimilación lingüística e cultural". "Esta situación só se pode resolver dispoñendo de capacidade para decidir en función dos nosos intereses, fórmula que concreta na reivindicación da soberanía para Galiza", indican.

Manifestación pola república en Vigo © http://federacion.republicanos.info/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.