Incendios en toda Galicia deixan ao descuberto a desorganización do dispositivo de Medio Rural

Incendio en Arcos (Manzaneda), nunha foto de arquivo Dominio Público Praza Pública

Incendios en Muíños, en Cervantes, en Lalín, en Manzaneda, en Mazaricos, en Pol ou en Antas de Ulla. Algúns moi importantes, coma o que queimou máis de 300 hectáreas na Serra do Xurés, e moitos outros máis pequenos, dos que a Xunta non ofrece información, ao ser inferiores ás vinte hectáreas. Demasiado lume para decembro. Veciños e os propios sindicatos que representan os traballadores das brigadas denuncian que os equipos de extinción chegaron moi tarde en case todos os casos, e con moi poucos efectivos, e en xeral critícase a "desorganización" e "improvisación" do dispositivo.

No Xurés, por exemplo as dúas brigadas que foron enviadas a apagar o lume contaban unicamente con dúas persoas cada un, ademais dunha motobomba que non funcionaba. CC.OO. acusa a Consellaría de Medio Rural de "irresponsabilidade" e de ter "case desmantelado o Servizo Público de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais. Afirman que "a día de hoxe, non dispón de casi ningunha brigada fixa completa; o máis habitual é que entren a traballar as brigadas con únicamente 2 ou 3 compoñentes" e lemban que o sindicato xa denunciou hai semanas "a temeridade de Medio Rural por envíar ao desemprego a 610 traballadores fixo/discontínuos o pasado 30 de novermbro, en plena vaga de lumes de outono favorecidos pola seca e polas fortes xeadas que converten o matorral en isca incendiaria nos nosos montes".

"Virán as augas e calmará todo, pero se non hai persoal para facer prevención, cando chegue a primavera e o verán volverá haber lumes graves, moito máis graves do que deberían ser"

CCOO denuncia así mesmo que a Consellería ten previsto despedir a máis traballadores o 31 de decembro e ínstaa "a que proceda a cubrir as vacantes que hai nas brigadas e que non sigan deixando unha e outra vez todo á improvisación". Neste senso, Óscar Rodríguez, delegado do sindicato no servizo, denuncia que "están liquidando o servizo de extinción e prevención, porque as brigadas tamén fan prevención, ou deberían facela" e sinala que "non é normal que os incendios acaden as dimensións que están tendo estes días". Conclúe que "virán as augas e calmará todo, pero se non hai persoal para facer prevención, cando chegue a primavera e o verán volverá haber lumes graves, moito máis graves do que deberían ser".

 

Incendio na Serra do Candán

Tamén se rexistrou un incendio a noite deste mércores en Lalín, na parroquia de Vilatuxe, nunha zona da Serra do Candán incluída na Rede Natura. O lume quiemou arredor de 30 hectáreas e iniciouse ás once da noite. Porén, non foi até as dez da mañá deste xoves cando se achegaron ao lugar os primeiros medios de extinción da Xunta, procedentes de Moraña. O monte estivo ardendo toda a noite sen control e algúns veciños achegáronse até o lugar para tentar afastar o lume dos seus terreos.

Nicolás González, secretario xeral do PSdeG-PSOE en Lalín e secretario de Medio Rural e Medio Ambiente do seu partido na Provincia de Pontevedra, denuncia que nos últimos anos, e neste mesmo 2013, houbo varios incendios no mesmo lugar; por exemplo, o ano pasado arderon 200 hectáreas, este ano outras cen, e todas ao redor da parroquia de Vilatuxe. González sinala que "é evidente que aí pasa algo, hai alguén que quere queimar esa zona e o Concello de Lalín non fai nada por este problema, saben que arde e non fan nada". Engade que se trata dunha zona "de moito valor para o Concello de Lalín, tanto a nivel forestal, como polo seu potencial turístico".

Incendio en Arcos (Manzaneda), este xoves Dominio Público Praza Pública
Incendio en Arcos (Manzaneda), este xoves Dominio Público Praza Pública
Incendio en Arcos (Manzaneda) Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.