Interior estuda o terceiro grao para David Reboredo a petición do cárcere da Lama

David Reboredo Dominio Público Praza Pública

David Reboredo, o ex drogodependente vigués que se atopa na prisión da Lama desde o 10 de decembro condenado por dous papelinas, podería quedar en réxime de semiliberdade. A xunta de tratamento do cárcere pontevedrés vén de propor que se lle outorgue o terceiro grao penintenciario, petición que lle foi enviada á Secretaría Xeral de Institucións Penais, en Madrid, dende onde deberán ratificar a solicitude.

Fontes penais sinalan que a resposta do órgano, dependente do Ministerio do Interior, tardaría entre mes e medio e dous meses en ser comunicada

Fontes penais sinalan que a resposta do órgano, dependente do Ministerio do Interior, tardaría entre mes e medio e dous meses en ser comunicada. Foi o seu educador na Lama quen lle transmitiu directamente esa posibilidade, despois de que a xunta estudase o seu caso, dado que Reboredo aínda ten pendente que se lle asigne un grao penal.

A concesión do terceiro grao preséntase así como unha solución a medio camiño entre a súa situación actual e a posta en liberdade que reclama. A pesar diso, David reincorporaríase á vida civil con condicións. Neste réxime penintenciario, o preso debe xustificar as horas que non pasa entre reixas. O propio Reboredo indicoulle á xunta cales serían as súas ocupacións.

Pasaría as noites no Centro de Inserción Social (CIS) de Vigo Carmen Avendaño, mentres que o día o repartiría entre o programa PFIS, da organización Érguete e o centro Imán-Cedro

Pasaría as noites no Centro de Inserción Social (CIS) de Vigo Carmen Avendaño, mentres que o día o repartiría entre o programa PFIS, da organización Érguete fundada precisamente por Avendaño, e o centro Imán-Cedro, onde viña exercendo como interlocutor para a desintoxicación doutros drogodependentes antes da súa condena. David podería durmir as fins de semana no seu domicilio familiar, que se atopa por outra banda moi preto do CIS. A familia amósase expectante ante esta posibilidade, pero mantén a cautela.

É inusual que se conceda o terceiro grao tras cumprir menos da metade da condena, como advirte o seu avogado Guillermo Presas, aínda que recoñece que é unha vía aberta

O Goberno xa denegou en dúas ocasións as súas peticións de indulto. Ademais, é inusual que se conceda o terceiro grao tras cumprir menos da metade da condena, como advirte o seu avogado Guillermo Presas, aínda que recoñece que é unha vía aberta.

O seu bo comportamento e a súa desintoxicación probada no módulo seis da Lama, un dos módulos de convivencia, así como a súa participación activa na radio da prisión, entre outros proxectos, suman puntos para que obteña a semiliberdade. Conta tamén cun amplo e crecente apoio social, mobilizado ante o que consideran unha inxustiza e un castigo desproporcionado para unha persoa que leva dez anos loitando por desengancharse.

Este xoves volverán concentrarse fronte ao museo MARCO de Vigo, onde darán as costas en símbolo de protesta pola falta de "xustiza e equidade" do Consello de Ministros. O acto coincide co aniversario do nacemento da xurista e escritora Concepción Arenal, que dedicou parte da súa vida a visitar presos. Nel, ademais, soará a canción David contra Goliat, adaptada polo grupo moañés de hip hop Ocekaos para apoiar a causa de Reboredo.

Este xoves volverán concentrarse fronte ao museo MARCO de Vigo, onde darán as costas en símbolo de protesta pola falta de "xustiza e equidade" do Consello de Ministros

Doutra banda, de serlle concedido o terceiro grao, suporía o segundo aval institucional á súa causa, como recoñece o seu irmán Marcos Reboredo, á espera de que o Executivo acepte a última petición de indulto. O anterior produciuse a finais do ano pasado, cando o Tribunal Supremo resolveu a favor o recurso á súa primeira condena de 2007, rebaixándoa a dous anos.

Con todo, Reboredo ten aínda por diante cinco anos e medio de prisión, dos sete aos que foi sentenciado pola Audiencia Provincial de Pontevedra. Queda de novo en mans do Goberno que David poida, xa sexa en liberdade ou baixo o terceiro grao, volver a casa.

David Reboredo Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.