Intérpretes acusan a Xunta de dificultar a impartición de xustiza ao precarizar o seu labor

Alfonso Rueda, nunha visita aos xulgados de Ferrol © Xunta

A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (Agpti) acusa a Xunta de "dificultar a impartición da xustiza" en Galicia e de perpetuar os problemas vinculados ao seu labor que xa denunciaron varios xuíces. E fano con motivo da licitación dos servizos que estes profesionais deben prestar nos xulgados do país.

A Agpti amosa a súa "preocupación" e denuncia as condicións para a adxudicación de servizos de tradución e interpretación nos xulgados galegos que veñen de ser publicadas en procedemento aberto. Os profesionais destacan que o Goberno vén de propoñer unhas tarifas máximas para o seu labor "que non chegan nin ao 15% das do mercado real na autonomía", o que "fomenta a precariedade laboral que é incompatible cun servizo de calidade nun cometido de tal responsabilidade como o de intérprete xudicial".

Tradutores e intérpretes denuncian que as tarifas que ofrece a Xunta "non chegan nin ao 15% do mercado real en Galicia" e "fomentan a precariedade laboral"

Segundo a Agpti, as condicións impostas pola Xunta incumpren a Directiva europea 2010/64/UE, que obriga aos Estados membros da UE a ofrecer a toda persoa xulgada servizos de interpretación na súa lingua  materna para garantir o seu dereito a un proceso xusto, unha garantía "que inclúe uns servizos de interpretación e tradución de calidade", algo que non cumpriría este proceso do Goberno galego.

Ademais, denuncian tamén o feito de que a Xunta exixa na convocatoria a obrigatoriedade de responder á chamada dos xulgados nun prazo máximo de dúas horas, o que "dá mostra da escasa importancia que se dá desde a Administración á profesionalidade e calidade do traballo final". Os tradutores lembran que "se multiplican as queixas de xuíces por problemas relacionados coas interpretacións durante os procesos" e recomendan á Administración que "consulte aos profesionais do sector" para informarse sobre a realidade do seu traballo.

"As queixas de xuíces por problemas coas interpretacións multiplícanse", lembran

A Agpti ve neste proceso "unha clara mostra de falta de respecto" polo seu traballo "especializado e complexo" e pídelle ao Goberno que sexa consciente de que, "coa súa actuación, arríscase a destinar diñeiro público a entidades mercantís privadas que, coas condicións do actual procedemento, non necesariamente poderán nin quererán estar á altura das necesidades". "Arríscase tamén a dificultar innecesariamente a impartición de xustiza e a que se volvan producir casos con consecuencias tan negativas como as que se teñen visto", conclúe.

Alfonso Rueda, nunha visita aos xulgados de Ferrol © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.