"Jesús Vázquez non se decata de que pode apuntarse un gran tanto político con Conservación"

Mobilización de alumnado e profesorado, en 2013 © Escola de Conservación e Restauración

Os alumnos e profesores da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais intensifican as súas mobilizacións, nunha semana que pode ser clave para as súas reivindicacións. Este luns convocan unha nova manifestación fronte á Subdelegación do Goberno en Pontevedra. E o martes partirán nunha marcha a pé até Compostela, que chegará a Santiago o venres, onde se celebrará unha manifestación ante a sede da Xunta en San Caetano. A súa esixencia máis inmediata é que o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, acceda a recibilos, un encontro que lles vén negando dende antes do verán. O obxectivo final é que a súa titulación sexa recoñecida como universitaria, e que a propia escola se integre na Universidade de Vigo. Algo que permite a actual lei de educación e que no proxecto da LOMCE queda aínda máis asegurado, pero que depende en última instancia dos gobernos autonómicos.

Levan semanas realizando cazoladas ante a sede da Subdelegación do Goberno en Pontevedra e ante a delegación da Xunta en Vigo, peches no centro, aulas na rúa e enviándolles cartas ao presidente da Xunta e ao conselleiro de Educación. Denuncian un agravio comparativo con respecto a outros países do continente (en Portugal, por exemplo, os estudos profesionais artísticos teñen a consideración de universitarios) e o propio abandono e esquecemento do actual centro, un referente en toda España dende hai anos. "Dende o comezo de 2012 estamos nunha mobilización constante, pero esta é unha reivindicación moi vella para os conservadores e restauradores, que vén de hai trinta anos", lembra Fernando Carrera, director da Escola.

"Durante o verán reunímonos co Director Xeral de Educación, pero a decisión é política, depende do conselleiro, e el aínda non accedeu a reunirse con nós. A decisión é terriblemente fácil, pero é unha decisión política"

"Durante o verán reunímonos co Director Xeral de Educación, pero a decisión é política, depende do conselleiro, e el aínda non accedeu a reunirse con nós. A decisión é terriblemente fácil, pero é unha decisión política", salienta Carrera, que sinala que hai uns días mantivo un encontro informal con conselleiro: "abordeino á saída dun acto oficial, e pedinlle que tivésemos un encontro, aínda que non fose oficial, unha charla amigable ao redor dun café. Díxome que si, que tiña boa disposición para que tivésemos unha entrevista". Carrera destaca que "iso é bo, pero por outra banda, deixou ver que non tiña intención de integrar Conservación da universidade de Vigo".

Os estudos técnicos superiores, equiparables legalmente aos graos e postgraos universitarios, pero non están integrados no sistema universitario, e teñen maiores dificultades para que os alumnos e docentes vexan recoñecida esta condición á hora de solicitar bolsas, Erasmus ou residencias universitarias. Hai tres anos os e as estudantes, docentes e profesionais da conservación e a restauración e doutras disciplinas acadaron un obxectivo que viñan procurando dende había tempo. Que as ensinanzas artísticas superiores se integrasen no Sistema Universitario, con categorías de grao e postgrao. Durante tres anos tres promocións de estudantes comezaron uns estudos que eran recoñecidos como grao. Porén, en 2012 unha sentenza do Tribunal Supremo devolveunos á condición anterior de titulacións equiparables a graos.

Durante tres anos tres promocións de estudantes comezaron uns estudos que eran recoñecidos como grao. Porén, en 2012 unha sentenza do Tribunal Supremo devolveunos á condición anterior de titulacións equiparables a graos

Nas Facultade de Belas Artes hai tempo que se imparte unha licenciatura en Belas Artes especializada en Conservación e Restauración, e agora, co proceso de Boloña, convertéronse a grao universitario en Conservación e Restauración. Polo de agora ningunha das seis escolas superiores que impartimos a titulación de Conservación e Restauración ensinanzas en España se integrou na universidade. Fernando Carrera destaca que "en Madrid, en Baleares, en Aragón, en Galicia..., todos os estamos reivindicando, pero aínda ningún dos gobernos tivo a valentía de facelo. O conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, non se decata de que pode apuntarse un tanto político de primeira magnitude, por ser o primeiro que pon as ensinanzas artísticas superiores onde teñen que estar, que é no ámbito universitario". Carrera sinala que "a Universidade de Vigo non fixo declaración pública ningunha, pero en privado si que nos asegurou que defendía a nosa posición". Manis engade que "o Reitorado cre que non debe interferir nunha decisión política".

"Jesús Vázquez non se decata de que pode apuntarse un tanto político de primeira magnitude, por ser o primeiro que pon as ensinanzas artísticas superiores onde teñen que estar, que é no ámbito universitario"

"En Portugal xa está todo na universidade, e no resto de Europa as situacións varían: nalgúns países está todo integrado nas universidades, noutros os centros non están no marco universitario, pero os títulos si están adscritos a elas. Pero a tendencia xeral é a ordenar a natureza xurídica das ensinanzas artísticas no marco universitario", salienta Carrera. "Parece que España vai quedar soa nisto. E o problema vai ser non só que os titulados en Conservación non poderemos ir fóra, porque estaremos en inferioridade de condicións cos titulados que calquera outro país, senón que os titulados europeos poderán vir a España a competir por prazas con nós, e terán puntuacións moito máis altas", di. "A situación é grave. Non é un problema menor, non é un problema de denominación", conclúe.

Fernando Carrera, á esquerda, director da Escola CC-BY-NC-SA Pontevedra Viva

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.