“O nivel de conciencia que se estaba a acadar arredor do cambio climático e do ecoloxismo foi freado brutalmente por unha crise que se nos inocula que non se nos acaba de explicar; temos un medo atroz e a escala de valores e de preocupacións muda; o que antes era inminente agora aparece afastado. Ante unha ameaza créase outra maior, como o desemprego, a falta de traballo”. Quen así reflexiona é María Xosé Porteiro, xornalista, escritora e membro do Consello Consultor do Instituto Galego de Análise Documental.
A súa reflexión xorde da súa achega ao Encontro Latino Americano de Mulheres,Terra, um planeta mulher, celebrado en Brasilia nesta semana e na que a galega colaborou a través dun vídeo enviado a unha das mesas de debate, centrada na sustentabilidade e as relacións de xénero.
"O que antes era inminente, agora aparece afastado; créase unha ameaza maior como o desemprego"
Como previa ao importante cumio Rio+20, unha conferencia das Nacións Unidas sobre o desenvolvemento sostible que se celebrará o 13 de xuño, María Xosé Porteiro contribuíu a un debate que pretende achegar propostas de resolución que se incluirán na Carta Brasilia e que, á súa vez, engadirá ao debate global “unha mirada de xénero tan necesaria”.
A xornalista e escritora galega resume nun documento (Dez por ques e unha conclusión) as súas achegas no que ella considera a relación entre ecoloxismo e feminismo, “dúas visións da humanidade que non sempre van da man e que non sempre se atopan, senón que se desencontran”. Así, Porteiro incide na necesidade do “diálogo” e na interrelación entre esas diferentes visións, sobre todo entre estas dúas que, tal e como explica a Praza, son para ela “os dous movementos máis transformadores dos séculos XIX e XX, porque son os que máis preocupan aos sistemas capitalistas e neoliberais, porque afectan o modo no que se entenden a relación de consumo e dos mercados”.
"O feminismo e o ecoloxismo son os dous movementos máis transformadores dos séculos XIX e XX, os que máis preocupan ao capitalismo"
“O feminismo cambia totalmente o sistema que funcionou até hai 50 anos, acabando cun reparto de roles preestablecidos e achegando unha visión diferente á convencional”, aclara Porteiro, que engade que o ecoloxismo preocupa tamén ao capitalismo porque “para salvar o planeta hai que cambiar a forma de producir e de consumir e ir cara a unha orde socioeconómica e política totalmente diferente; unha nova orde para que haxa mañá”.
É por iso polo que María Xosé Porteiro achega o seu punto de vista sobre a integración destes dous movementos, unha integración “que aínda ten moito que andar en Galicia e en España”.
Ademais, repara tamén na curiosa coincidencia de que “toda esta crise última coincida coa alarma espertada en moitas conciencias pola ameaza do cambio climático e pola necesidade doutras forma, non só de producir enerxía, senón de utilizala”. “O que antes era inminente, agora afástasenos”, engade Porteiro, que pide na súas conclusións da achega ao debate “empezar de novo”.
“Na situación actual, iso pode significar renacer”, asegura a xornalista e escritora galega, que cre que estamos “volvendo ao punto de partido para reinventarnos como habitantes do planeta terra e para ser parte dunha patria común con alma, alento e intelixencia incluínte por todas as mulleres de todos os territorios, etnias e culturas”. “A Terra será Matria ou non será; é o momento de agruparnos todos; esta podería ser a loita final”, remata.