“A nosa obriga moral é perder o medo e rebelarnos contra o sistema”

Arcadi Oliveres © El Diario

Arcadi Oliveres (Barcelona, 1945) non pode reprimir a indignación cando fala do actual sistema político e económico, de como se “dilapidan” os cartos en axudar a salvar bancos mentres se permite que miles de familias afundan. Este profesor de Economía Aplicada da Universidade Autónoma de Barcelona e presidente da ONG Justícia i Pau participou nas xornadas sobre enerxía organizadas pola Plataforma Fracking Ez, en Vitoria. Ademais de falar sobre a situación e as desigualdades enerxéticas Norte-Sur, Oliveres concedeu unha entrevista ao Diario Norte na que avoga por “perder o medo e rebelarse” contra o sistema político actual, ao que considera enfermo e caldo de cultivo para a corrupción. 

"Se o capitalismo non permite esta supervivencia, fagámolo desaparecer e dotémonos dun sistema que facilite a cobertura de necesidades básicas da cidadanía e o sostemento do planeta"

Parece que eliminar as disfuncións da crise pasa por basear a economía nunha menor rendibilidade e nunha repartición máis xusta da pobreza. Estes preceptos son compatibles co capitalismo?

Non sei se son compatibles, pero si sei que é absolutamente necesario para a humanidade. Se non é compatible, será o capitalismo o que teña que desaparecer porque está en xogo a supervivencia da humanidade. Se o capitalismo non permite esta supervivencia, fagámolo desaparecer e dotémonos dun sistema que facilite a cobertura de necesidades básicas da cidadanía e o sostemento do planeta.

E cal é a alternativa ao sistema capitalista?

Nunca na historia houbo alternativas preparadas. Cando desapareceu o feudalismo e chegou o capitalismo non avisaron que ás doce terminaba un e ás doce e un minuto comezaba o outro. Foron cambiando as estruturas económicas, os señores feudais foron perdendo o seu poder, os burgueses das cidades fórono gañando. Naceu o capitalismo comercial, despois outro financeiro e industrial. E estamos nese proceso cara a un capitalismo máis humano que permita que a xente poida cubrir as súas necesidades.

"Os medios de comunicación metéronlle o medo aos cidadáns e a xente aínda ten o temor a perder as pequenas cousas que lle quedan"

Con máis de seis millóns de parados, como é posible que non se produza un estalido social?

Os medios de comunicación metéronlle o medo aos cidadáns e a xente aínda ten o temor a perder as pequenas cousas que lle quedan. Se a historia da humanidade funcionase así, nunca se progresaría. Se os primeiros obxectores de conciencia ao servizo militar non asumiran a vontade de ir tres anos ao cárcere, o servizo militar seguiría vixente na actualidade. Se as persoas de cor en Estados Unidos non se rebelaran contra a discriminación racial, os negros aínda irían de pé nos autobuses. A nosa obriga moral é perder o medo e rebelarnos contra este sistema enfermo, caldo de cultivo para a corrupción e con políticos e bancos que tanto dano están a facer.

A desobediencia civil pode ser unha forma de rebelión?

Si, sempre que sexa pacífica e non violenta.

Está preparada a sociedade para ese movemento?

Si. Creo que agora as circunstancias son moi favorables para que isto se emprenda. Deteriorouse tanto a situación que non hai outra alternativa. Voulle contar un caso que ocorreu en Barcelona hai uns anos. Cando concluíu a guerra de Iraq formouse un consorcio de 24 bancos a nivel mundial para captar fondos para a súa reconstrución. Curioso, non si? Que os que máis axudaron a destruír Iraq agora tamén se queren lucrar coa súa reconstrución. La Caixa formaba parte do consorcio e en Barcelona non gustou nada esa idea. Así que organizamos unha campaña en tres fases. Na primeira, repartimos adhesivos coa lema “A Caixa gaña diñeiro co sangue dos iraquís”. Nun segundo momento, un grupo de 80 voluntarios visitaron oficinas da Caixa para entrevistarse cos seus directores e preguntarlles por Iraq. E a terceira fase consistiu en que un grupo de 25 persoas se achegaban en horas punta ás oficinas da Caixa e se puñan a berrar que rompían as súas contas coa entidade pola súa actitude en Iraq. Ao cabo dunhas semanas, chamáronnos os responsables e pedíronnos que deixásemos a campaña. A cambio de que?, preguntámoslles. Uns días máis tarde abandonaron o consorcio. Sempre se pode conseguir que a sociedade secunde iniciativas organizadas de desobediencia civil, de resposta ao poder establecido.

"Dentro de dous anos celebraremos unhas primarias para formalizar unha candidatura. Así, quitámonos a mala conciencia de dicir que hai que cambiar as cousas e non tentalo"

Vostede xa buscou unha fórmula para Cataluña, unha plataforma que reúne cidadáns indignados e movementos de esquerda co que pretende participar nas próximas eleccións ao Parlamento catalán.

Eu crin niso, pero podo equivocarme. Hai tanta xente que protesta que sería positivo que se unise. Á crítica fáltalle dimensión política para tirar cara a adiante. A esquerda debería aprender e preparar máis este tipo de actuacións, porque coa dereita é imposible, xa que só mira a carteira. Eu non pertenzo a ningún partido, por iso en Cataluña expuxen unha fórmula de coalición electoral: movementos sociais, persoas individuais e correntes de esquerda. Todos subsumidos nunha candidatura de protesta con vistas ás eleccións en Cataluña. Xa se adheriron máis de 30.000 persoas e empezamos por reunións en pequenos grupos locais. Dentro de dous anos celebraremos unhas primarias para formalizar unha candidatura. Así, quitámonos a mala conciencia de dicir que hai que cambiar as cousas e non tentalo.

Arcadi Oliveres © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.