Con case tres décadas de vida, Andaina pode presumir de ser a revista feminista galega máis antiga que se publica hoxe en día no país. Na semana de celebración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, Ana Arellano, membro de Andaina de Mulleres e do Consello de Redacción da Revista Andaina, repasa cales foron os camiños andados polo feminismo galego e os que lle quedan por andar nunha loita pola igualdade que na actualidade, asegura, “segue a ser unha utopía”. Arellano chama a deixar de ver os homes como “o inimigo” e critica as políticas “de volta atrás” postas en marcha pola dereita, tanto en Galiza, como a nivel estatal.
Como naceu Andaina?
A revista comezou a saír á rúa en xaneiro de 1983, promovida por un grupo de mulleres feministas, que naquela época estabamos integradas en AGM (Asociación Galega da Muller). É, polo tanto, a revista feminista galega viva máis antiga. Nun principio eran unhas poucas follas editadas de forma moi sinxela, feita con máis ilusión que medios. Número a número a revista foi mantendo vivo ese primeiro obxectivo que se marcou ao comezo: “…Difundir e animar o debate en torno ás posicións e teorías feministas existentes, á vez que denunciar as situacións de violencia e discriminación que lles acontecen ás mulleres…”. É un traballo non profesional, que se fai no tempo de lecer, non retribuído, tanto no caso das mulleres do consello coma das colaboradoras. Sempre publicamos en galego.
Ao longo destas case tres décadas, Andaina pasou por diferentes etapas...
Pasou por diversas etapas e de feito volveuse a numerar despois dos primeiros 24 números. En decembro de 1991 mudou a cabeceira e incorporouse o subtítulo de ‘Revista galega de pensamento feminista’, aumentando o número de páxinas e cun novo deseño para facela máis atractiva, a vez que tamén se procurou abrila para que escribisen máis mulleres e con diferentes temas e posicións feministas. O último número (59) é de Decembro de 2011 e estamos preparando o número 60 que saíra na primavera de 2012. A través dos números de Andaina ao longo destes 29 anos pódese seguir como evoluíu o feminismo, as diferentes tendencias que existiron e existen e os cambios de posicións nalgúns temas. A tirada da revista é de 400 exemplares. Conta con 200 subscritores e o resto distribúese en librarías e principalmente por venta directa. Ao non contar con subvencións, nin case con publicidade, a revista mantense grazas a colaboración dalgunhas persoas que aportan o seu apoio económico e/ou o seu traballo voluntario.
O feminismo, ao igual que o resto dos movementos sociais, pasou nestes últimos anos por unha merma da actividade nas rúas, pero non así no que se refire aos avances teóricos e a difusión de ideas
O activismo feminista semella que aminorou nos últimos anos en comparación coa actividade da década anterior, por exemplo.
O feminismo, ao igual que o resto dos movementos sociais, pasou nestes últimos anos por unha merma da actividade nas rúas, pero non así no que se refire aos avances teóricos e a difusión de ideas. En moitas facultades hai seminarios sobre feminismo. No ensino, tanto en primaria como en secundaria, unha parte importante do profesorado ten presente o tema á hora de impartir as clases. Non hai xa grandes manifestacións reclamando dereitos, atrás quedan as multitudinarias polo dereito ao aborto, contra a violencia sexista, ou mesmo as citas do 8 de marzo, pero agora hai unha maior conciencia da diversidade que abrangue o termo muller e tamén do que temos en común todas como xénero.
Como é a relación entre os diferentes colectivos feministas?
Desde Andaina mantemos desde sempre relación cos diferentes colectivos feministas galegos. Estamos dentro da redefeministagalega e participamos nas convocatorias da Marcha Mundial de Mulleres. Por riba de diferentes enfoques e posicións que mantemos respecto a algúns temas como o da prostitución -nos estamos a favor de que as traballadoras do sexo poidan exercer o seu traballo con liberdade e de forma digna- son moitos máis os puntos que temos en común e nestes momentos pensamos que hai que unir todas as forzas para frear a involución de dereitos que semella virnos enriba. Por este motivo participamos nas convocatorias do 8 de marzo que promoven conxuntamente os diferentes colectivos feministas galegos.
Desde as institucións pódese facer moito para achantar ou para dificultar este camiño
Moito se ten avanzado; pero a igualdade continúa a ser unha utopía?
Máis que de igualdade eu falaría de equiparación de dereitos e de posibilidades para toda a diversidade de xéneros e de persoas. E si claro, continúa a ser unha utopía, pero, como todas as utopías, é o que marca o camiño a seguir. Desde as institucións pódese facer moito para achantar ou para dificultar este camiño, con programas de promoción e axuda aos colectivos máis necesitados (casas de acollida, centros de información sexual...) coa introdución do tema nos programas escolares, coa difusión nos medios das ideas que poñan en valor as mulleres e tamén, por que non, con propostas e actuacións de discriminación positiva que permitan avanzar máis rapidamente nesa equiparación.
O modelo de familia que promove a lei do Goberno galego é unicamente o de corte nuclear e heterosexual
Como valoras o actual papel que están a xogar, no medio da crise, as Administracións públicas neste eido?
Coa chegada da dereita, tanto en Galicia como no goberno do Estado, hai unha clara volta atrás. Véxase por exemplo a Lei da Familia do goberno galego. O modelo de familia que promove a lei é unicamente o de corte nuclear e heterosexual, chegando a lamentar a existencia de “grupos de convivencia que se constitúen con certa analoxía a esta institución” evidenciando a diferenza entre esta e os que denomina “núcleos ou grupos de convivencia”. Pero tamén a supresión dos centros Quérote de información sexual, as subvencións da Xunta que priman as entidades antiabortistas... E a nivel estatal aí está a proposta de eliminar a lei de aborto e volver a contemplar só despenalización nalgúns supostos, os intentos de reclamar a receita para a píldora do día despois, a consulta ao Constitucional da lei que permite casar a persoas do mesmo sexo...
Como se racha coa idea de que ser feminista é ser ‘mala’?
Hai unha consigna feminista que di: “Somos malas, podemos ser peores”. E outra moi vella que aínda me gusta máis: “As rapazas boas van ao ceo, as malas a todas partes”. Así que non temos problema en que nos chamen “malas”. Sobre todo se ser mala significa rachar coa idea de muller submisa que acepta sen chiar as ordes ou as apetencias do marido, do pai ou do xefe, e da muller como vítima que precisa da “protección” dos homes ou das leis.
Cal é a principal loita á que ten que atender o feminismo a día de hoxe?
A maiores de evitar a volta atrás no conseguido ata hoxe, hai moito camiño aínda que percorrer. Tanto no interior das casas: eses sutís machismos que relegan as decisións das mulleres ao que decidan os homes da casa e que ven como “normal” que sexan as mulleres as que principalmente se ocupen do traballo doméstico e do coidado da familia. E tamén no terreo laboral: as altas taxas de desemprego reducen a fenda pero non rematan coa discriminación e continúa a haber máis mulleres nos postos máis baixos. A retribución das mulleres é un 22%, de media, menor que a dos homes e as mulleres máis formadas soportan máis desigualdade retributiva.
Debemos pasar de ver aos homes como os nosos inimigos a velos como parte implicada na loita feminista
E hai tamén outros amplos camiños polos que temos que avanzar, debemos pasar de ver aos homes como os nosos inimigos a velos como parte implicada na loita feminista. Este é un longo camiño para nós e para eles pero xa hai moitos homes conscientes de que o que perden como privilexios fronte as mulleres o gañan como persoas. Porque hai que rachar coa visión dunha realidade dicotómica, homes-mulleres, boas-malas, hetereosexual-homosexual. A realidade é moito máis diversa, rica e complicada, non nos valen os estereotipos se queremos cambiala.