Liga e Comités rexeitan a suba das taxas universitarias para as matrículas sucesivas

Manifestación estudantil ante a Xunta Dominio Público Praza Pública

O Consello Galego de Universidades aprobou este luns os prezos para o vindeiro curso, cunha conxelación das taxas para a primeira matrícula, pero subas do 20 % para a segunda matrícula, un 66 % para a terceira e un 90 % para a cuarta, que se aplicarán de maneira progresiva durante tres anos. É dicir, os estudantes pagarán un terzo da suba este ano, dous terzos do incremento o curso seguinte e o total da suba dentro de tres anos.

Xosé Luis Armesto, reitor da UDC, criticou o decreto do Goberno, ao igual que os reitores de Santiago e Vigo e cualificouno de "recadatorio"

Xosé Luis Armesto, reitor da Universidade da Coruña, criticou o decreto do Goberno, ao igual que os reitores de Santiago e Vigo e cualificouno de "recadatorio". Porén, matizou que oito de cada dez estudantes se matriculan por primeira vez e non van ter incremento nas taxas, e afirmou que o 5% dos alumnos si teñen que matricularse por terceira e cuarta vez nunha materia, polo que van sufrir os "efectos perversos" do decreto.

Pola súa banda, o responsable nacional de Universidade dos Comités, Daniel Candal, indicou o acordo acadado no Consello Galego de Universidades é "inaceptábel" e "preocupante" posto que se prevé "un aumento alarmante das taxas universitarias de aquí a tres anos”. Os Comités centran as súas críticas no forte aumento de prezos nas matrículas sucesivas e afirman que “podendo entender que exista unha penalización para estas matrículas, que de feito xa existía, é abusivo que sexa destas características e que se faga recaer toda a responsabilidade dos suspensos sobre o estudantado”.

O mesmo pensa a Liga Estudantil Galega, que critica que se faga "recaer nos ombreiros do estudantado a responsabilidade da non superación académica dunha materia coa penalización abusiva das taxas da mesma, sen aparentemente ter en conta que existen moitas en todas as carreiras e áreas de coñecemento onde existen gran cantidade de suspensos que non son sempre achacábeis ao pouco estudo do alumnado".

Candal engadiu que a a esta medida se suma o recente anuncio por parte do Ministerio de Educación no que se endurecen as condicións de acceso para unha bolsa

Candal engadiu que a a esta medida se suma o recente anuncio por parte do Ministerio de Educación no que se endurecen as condicións de acceso para unha bolsa que supón “un desmantelamento sen precedentes do sistema de bolsas para a axuda ao estudo”. Os Comités denuncian que se está "camiñando cara unha elitización da universidade pública que provocará que se pechen as portas da mesma a aqueles estudantes con menos recursos económicos”.

Así, a Liga Estudantil lembra que no vindeiro curso 2012-2013 a nota media para obter unha bolsa manterase no 5,5; mais haberá que ter aprobados o 65% dos créditos nas carreiras de Enxeñaría e Arquitectura, o 80% nas carreiras de Ciencias e Ciencias da saúde, e o 90% nas titulacións de Humanidades, e Xurídico-social. Como gran novidade, de non aprobar o 50% dos créditos, haberá que devolver a bolsa na súa integridade.

Manifestación estudantil ante a Xunta Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.