“Habería que pensar un outro xeito de organizar o mundo, a familia; un outro xeito de relacionarnos, de amar, de entender a amizade, o Estado, a economía. É normal que non lles interese nin escoitarnos. Xa terán que facelo. Tempo ao tempo. O patriarcado é un sistema case perfecto, pero non contaba con nós”.
Andrea Momoitio é a subdirectora de Pikara Magazine, un medio en liña “antipatriarcal e en busca un cambio social” que acaba de presentar a súa edición en papel por terras galegas. Con algún exemplar do primeiro número da revista, practicamente esgotado, baixo o brazo fixo parada no Mentireiro e no Patachim da Coruña, na libraría Lila de Lilith en Santiago de Compostela e no bar Embruxos de Ponteareas.
Descríbese como periodista masterizada, adicta ás Pantera rosa e aos macarróns con tomate. Pero, sobre todo, lesbiana e feminista. Por esta orde. En Pikara é unha prolixa articulista de opinión sobre actualidade en temas de xénero. Entre outras cuestións, investigou sobre a presenza das lesbianas en series de televisión e foi tamén autora do video Ez dut barkatuko _ No perdono canda a Lorena Conde, Itoitz R.Josué e Xara Sacchi, unha intervención artística-política contra as expresións cotiás da lesbofobia. A través del manifestan a fartura contra a violencia que padecen e os discursos desculpatorios: “é a Igrexa, é o Estado, é a Sociedade”. As súas voces din “non te perdoo que me deas de lado por ser lesbiana. Non perdoo que creas que as nosas demandas son secundarias” ou “non perdoo que non deixases que a túa filla levase á escola un conto sobre dúas princesas que se querían”.
"Dámoslles igual. Estamos por unha banda totalmente asexualizadas e por outra sexualizadas para satisfacción do home"
Houbo unha pintada moi bonita nas paredes de Compostela: “Nom somos amigas, comemo-nos a cona”. Semella que as lesbianas nunca existiron. Ou son amigas, ou son maroutallos ou –se pasan o casting físico- resultan adaptadas ao ideario erótico do porno masculino. Segue a ser así?
Non estou tan segura de que continúe a ser así. A conclusión non é que somos invisíbeis, é que somos irreverentes, irrelevantes. Dámoslles igual. Estamos por unha banda totalmente asexualizadas e por outra sexualizadas para satisfacción do home. Fixen a miña tesiña sobre lesbianas en series de televisión. As lesbianas están moito máis presentes na ficción que no mundo real. Nas series hai moitísimos exemplos. Pero o feito de que esteamos en series de moda ten un punto positivo e outro negativo.
"Agora estamos en ficción, si; pero no mundo real seguimos sufrindo unha lesbofobia atroz. Pero abrir a televisión, por exemplo, ao cambio é unha boa estratexia para seguir alimentando o espello da igualdade"
O negativo é que tenden a ofrecer unha imaxe allea a calquera conflito real?
Si, o malo é que pode negar a lesbofobia, que é algo moi cruel co que convivimos. Que, por exemplo, en Hospital central lle vaia tan ben á parella de lesbianas, pode a ollos da xente facerme parecer unha histérica cando me queixo das agresións vividas. É positivo e é negativo. Parece obvio, pero é importante que diferenciemos entre ficción e realidade. A ficción está cambiando e en pouco tempo a apertura será evidente, pero no mundo real, nada de nada. No mundo real, se unha moza di abertamente que se vai tirar ao xefe, esa moza é unha puta (en referencia ao anuncio de Desigual da campaña 2012 #tengounplan). Xa está. Non hai música de fondo, ninguén baila, non é divertido. É unha puta e sabemos ben o estigma que acompaña a esta profesión. Pasa igual co tema da lesbianas: Agora estamos en ficción, si; pero no mundo real seguimos sufrindo unha lesbofobia atroz. Pero abrir a televisión, por exemplo, ao cambio é unha boa estratexia para seguir alimentando o espello da igualdade.
Dentro do colectivo LGTB hai tamén teitos de cristal e chans pegañentos para as mulleres?
Nos colectivos, por suposto, se hai un tío á beira sempre imos estar na sombra. Tamén no feminismo continúa a haber ese medo histórico a integrar as reivindicacións das lesbianas. “Imos deixar de lado este tema, non vaian crer que as feministas somos todas as da tesoira”. Por iso o seu é que creemos espazos propios. Descoñezo a situación xeral, pero en Bilbo estase reactivando moito o movemento lesbiano. Queremos falar de nós desde nós.
"Tamén no feminismo continúa a haber ese medo histórico a integrar as reivindicacións das lesbianas: Imos deixar de lado este tema, non vaian crer que as feministas somos todas as da tesoira”
Fálenos do nacemento de Pikara.
Pikara xorde en 2010 porque catro xornalistas vascas -June Fernández, Lucía Martínez Odriozola, Maite Asensio, e Itziar Abad- deciden que, ademais de traballar en prensa con visión de xénero, queren montar un medio feminista. O resultado é Pikara, o medio onde lles apetecía escribir.
Como se financia?
Non é unha empresa. Ningunha estamos contratadas, pero cada unha cobra sempre pola súa peza e págase ben. Ademais de feministas somos xornalistas e temos claro que este traballo ha de ser remunerado. Son cinco temas á semana. A intención é financiarse mediante as achegas das amigas e amigos de Pikara, e, en menor medida, coa publicidade.
Porque escasean os anunciantes ou porque decidiron ser selectivas nisto?
Temos moitos debates sobre que publi si e que publi non. Non queremos publicidade agresiva nin de sitios que non nos gustan. O que nos gustaría é vivir das achegas das socias e os socios de Pikara. Intentamos coidalos, mandamos un carnet, sorteamos libros... Ademais recibimos unha pequena subvención do Instituto Vasco da Muller - Emakunde.
"Co crowdfunding que fixemos en Verkami para obter fondos para a edición enpapel logramos oitocentos e pico mecenas e a primeira tirada de 1.000 exemplares voou"
Levan tres anos en dixital e agora saen tamén en papel cunha periodicidade máis espazada. É unha fórmula de combinar formatos pola que optan algúns novos medios. Que tal a experiencia?
Sobre o papel sorprendida. Co crowdfunding que fixemos en Verkami para obter fondos para a edición enpapel logramos oitocentos e pico mecenas e a primeira tirada de 1.000 exemplares voou. Precisamente hoxe pedíronme un lote nunha librería e só puidemos dar cinco.
Neste número en papel inclúen o Glosario de termos feministas en Lingua de Signos Española (LSE), que vai na liña de proclama do Foro de vida independente “nada sobre nós sen nós”. No Glosario xa non só se eliminou calquera paternalismo asistencialista, senón que se transcendeu o discurso tradicional sobre a necesidade de visibilizar ás persoas xordas para facer “un novo discurso que aúna a diversidade funcional auditiva co xénero e a linguaxe inclusiva”, conscientes de que ningunha lingua é allea ao sexismo. Como foi o proceso?
Unha das autoras, Itziar Abad, decatouse de que a LSE pode usarse tamén de forma sexista e de que hai palabras frecuentes no feminismo e na teoría de xénero que non teñen un signo específico durante unha conferencia. Concretamente atopouse cunha intérprete que a traducía e á que lle preguntou como era o signo para a palabra patriarcado. Ela respondeulle que non o había e que o que ela fixera en signos era "home poder sobre muller". O Glosario, realizado por Abad, Mayte Greco Sanabria e Raquel Lucas Espinosa contén máis de 60 entradas que ao redor de 25 feministas expertas en diversos ámbitos definiron para este proxecto. Hai moito que facer aínda. Por exemplo, achegar as definicións aos termos en LSE. Pedimos unha subvención para esa segunda fase e esperamos poder avanzar pronto.
"O movemento feminista non pode estar a favor da cadea perpetua nin da pena de morte, non pode pretender que papá Estado nos coide. Por que? Porque as feministas sabemos dabondo que o Estado non nos protexe"
Hai un texto seu no que di que –malia xurdirlle moitas dúbidas- lle revolve ler a feministas radicalmente en contra da derrogación da Doutrina Parot porque deixou fóra a violadores. “Se o facemos –escribe-, polo menos, deberiamos ser honestas e admitir que estamos a favor da cadea perpetua e da pena de morte”.
Insisto nas dúbidas e as contradicións. O artigo escribino porque estaba lendo comentarios durísimos, claramente en contra dos Dereitos Humanos. Tal e como eu entendo o feminismo, esas posturas non teñen cabida. O movemento feminista non pode estar a favor da cadea perpetua nin da pena de morte, non pode pretender que papá Estado nos coide. Por que? Porque as feministas sabemos dabondo que o Estado non nos protexe, que nin as leis nin os cárceres evitan a violencia que exercen contra nós. Todo o contrario. Dígoo no artigo, pero insisto: Estamos máis protexidas porque eses tipos estean en prisión? Baixo o meu punto de vista, non.
Acaba de ser Fitur e, entre outras cousas, puidemos ver que uso se fai dunha determinada imaxe de muller, como no stand da Marca Gandía, pero non só. Un machismo cotián á orde do día, televisado cada semana nas carreiras de motos e de coches, por exemplo. Por que cre que continúa a ser rendíbel?
O de Gandía paréceme a punta do icerberg. A cousificación da muller segue sendo altamente rendible. É unha mostra evidente do sistema patriarcal no que nos movemos. A muller é un obxecto para ser consumido. Isto non é necesariamente malo; a condición de que sexa a muller-obxecto a beneficiaria do lucro que xera. É a mesma historia de sempre e, de tanto repetilo, parece que vai até perdendo forza. Pero a realidade é que estamos como ao principio: As mulleres, reducidas ao corpo. O corpo da muller, atractivo turístico.
"Creo que a crise está colocando todo o que non é económico nun segundo plano. “Xa falaremos disto cando acabe a crise”, dinnos desde todas as frontes"
Xa sabemos que a estratexia do capitalismo é fagocitalo todo, inxerir os movementos e emitir simulacións adaptadas, reconvertidas en valores de mercado. Pero, parécelle a vostede que calan na poboación con igual eficacia que antes?
Creo que a crise está colocando todo o que non é económico nun segundo plano. “Xa falaremos disto cando acabe a crise”, dinnos desde todas as frontes. O outro día lin por aí que alguén comentaba que o aborto era unha cortina de fume do Goberno. Como podemos chamar cortina de fume a este atentado contra a igualdade? As feministas pretendemos poñer patas para arriba o mundo. Imaxine como sería o mundo si gañamos esta guerra –porque sete mortas nunha semana é motivo máis que suficiente para chamar a isto guerra-. Se gañamos habería que pensar un outro xeito de organizar o mundo, a familia; un outro xeito de relacionarnos, de amar, de entender a amizade, o Estado, a economía. O obxectivo do feminismo é destruílo todo e volver empezar. É normal que non lles interese nin escoitarnos. Xa terán que facelo. Tempo ao tempo.
Non se renuncia á revolución porque se intenten apropiar dela.
Non. Por suposto que non. É importante que teñamos en mente que iso está a acontecer. Agora, por exemplo, co tema do aborto. É curioso. Moitos intelectuais están a falar da reforma, de que se o aborto é un dereito e bla, bla, bla; pero ninguén nomea ás feministas. Foron as feministas quen pelexaron polo dereito ao aborto e somos as feministas as que o estamos a facer aínda que os medios parece que só poñen o foco cando un grupo de mulleres “da cultura” asinan un manifesto. Non recoñecer a importancia do feminismo é outro gran logro do patriarcado. Hai moitos sectores intentando apropiarse do noso discurso para baleiralo de contido. Temos que estar alerta.
"Non recoñecer a importancia do feminismo é outro gran logro do patriarcado. Hai moitos sectores intentando apropiarse do noso discurso para baleiralo de contido. Temos que estar alerta"
Neste momento histórico, tras saírmos da anestesia do ladrilllo, recén acordados do KO, como sociedade, estamos sendo capaces de recuperar ou desenvolver un pensamento crítico, ecuánime e formado ou aínda é demasiado pronto?
Probablemente estaranse formulando pensamentos brillantes e outros que non vallan para nada. Creo que é pronto para que o saibamos, pero seguramente así sexa. No caso de feminismo, non creo que a crise sexa un factor que determine demasiado a nosa produción de pensamento porque as mulleres sempre estivemos en crises. Sempre falamos desde aí.
Existe unha historia descoñecida de activismo feminista en coiros, Femen non é pioneiro. Pero parece que unha cousa son aquela mestura de mulleres feas, guapas, novas, maiores, cos peitos turxentes ou até os xeonllos, que non interesan en cámara, e outra é Femen, que de momento se adapta á imaxe requirida polos canons. Xórdenme moitas preguntas: Considera que é un movemento inclusivo, irmás de todos os feminismos, dunha mesma loita? Cre que representa Femen á chamada esquerda caviar? Hai unha estratexia intencionada de desprestixio?
O feminismo está deostado. Dá igual o que fagas porque estás condenado a recibir criticas, pero as feministas estamos xa máis que afeitas a lidar con iso. O patriarcado é un sistema case perfecto, pero non contaba connosco, que aos poucos o iremos dinamitando. En canto a Femen, non coñezo o suficiente como para responder. A min, a verdade, non me interesan moito. Algunhas compañeiras de Pikara escribiron sobre o tema así que animo a que a xente entre na web (www.pikaramagazine.com) e bote un ollo ao que publicamos sobre elas.
"O feminismo está deostado. Dá igual o que fagas porque estás condenado a recibir criticas, pero as feministas estamos xa máis que afeitas a lidar con iso"
Un tema sobre o que volvemos ler estes días é a vella historia do vello nas mulleres. Ten algunha opinión sobre que se faga agora tendencia a opción de non rasurarse o vello púbico ou que a firma de lencería American Apparel o inclúa nas súas manequíns?
Buf, outra vez! Quen dita a moda? Quen di que é o que se leva e que é o que non se leva? Quen son os grandes magnates do mundo da moda? Quen é o canon? Pois como sempre, como en todo: eles. Agora faralles graza que se volva a levar o vello púbico e póñeno de moda. Nós estamos educadas para gustar e eles para encorsetarnos. Saltarse os canons é moi difícil, pero non imposíbel.