'Loba', filme sobre o parto natural convertido en fenómeno social, chega a Galicia

Cartaz da película © Loba film

"É posible parir de forma natural nun mundo tan artificial?". Loba é un documental realizado pola francesa Catherine Béchard que parte desta pregunta, reivindicando o parto natural e criticando o exceso de "medicalización" no proceso de dar a luz e facendo fincapé en que no mundo se realizan 20 millóns de cesáreas cada ano, unha cifra que xulga excesiva. O filme converteuse en todo un fenómeno social dende a súa estrea a comezos de 2015. Grazas ao impulso de entidades locais pro-parto respectado e en defensa da lactación materna e de canles alternativas de distribución, a película foi sumando proxeccións en todo o territorio español e tamén noutros países, cun enorme éxito de público. De feito, o documental é a produción máis vista na rede de Screenly

A proxección prevista en Compostela está aínda pendente de acadar o quorum necesario

Loba chega a Galicia a vindeira fin de semana. As proxeccións terán lugar o sábado 20 en Ribadeo (Multicines Cinelandia, 18 horas) e o domingo 21 en Compostela (Sala Númax 11.30, horas) e Vigo (Multicines Norte, 17 horas), nos tres casos coa presenza da súa directora, que manterá un coloquio co público asistente. Os tres pases están organizados a través de Screenly, seguindo o funcionamento habitual desta plataforma: proxeccións impulsadas localmente por persoas ou colectivos, que necesitan reunir un número mínimo de espectadores para poder levarse a cabo. En Vigo  xa se acadou ese mínimo (están confirmados 69 asistentes) e en Ribadeo falta apenas unha persoa (hai confirmadas 72). Porén, a proxección prevista en Compostela está aínda pendente de acadar ese quorum necesario (son precisas 59 espectadoras e polo momento só se inscribiron 39). Este domingo 14 é a data límite para reunir esas 20 persoas e poder confirmar o evento.

En Galicia entidades como Aloumiños de leite, Compostela Miúda, Lactamor ou Luna de Brigantia, defensoras da lactación natural, están a realizar campañas de difusión e promoción do filme

Catherine Béchard comezou o proxecto en 2011, realizando en Barcelona as primeiras entrevistas. Quería coñecer como viven as mulleres o parto e as condicións nas que se levaban a cabo estes procesos nos hospitais. Púxose en contacto con comadronas, viaxou a México, Cuba e Francia, onde realizou outras entrevistas, investigando as posibilidades existentes para poder realizar partos na casa. Con 60 horas gravadas, contactou con Laia Manresa e Sergi Dies, que realizaron o guión dun filme documental convertido en road-movie.

A película comezou presentarse nos últimos meses de 2014, con varios pases por toda España, ademais de Francia e Bélxica, nos que colaboraron diversas entidades sociais e que serviron para completar o proceso de crowdfunding iniciado. E, xa en 2015, o filme foi encadeando máis e máis proxeccións, funcionando o boca-orella e as redes sociais como gran ferramenta de difusión. En Galicia, por exemplo, entidades como Aloumiños de leite, Compostela Miúda, Lactamor ou Luna de Brigantia, defensoras da lactación natural, están a realizar campañas de difusión e promoción do filme e dos tres pases previstos para a vindeira fin de semana.

Estrea do filme en Girona, o pasado ano © Loba film
Cartaz da película © Loba film

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.