“Quen garanten a independencia dos medios de comunicación deben ser os cidadáns e non os cartos”

Pascual Serrano © El Diario

En 1964 a cidade de Valencia viu nacer un xornalista dos que nadan a contra corrente e que deciden correr co vento de fronte no canto de a favor. Pascual Serrano é un home convencido de que o único modo de derrubar unha casa en ruínas e construír unha nova é cambiar os alicerces. E se a casa é a propia, é posible que haxa que tirar pedras contra o propio tellado. Serrano é un xornalista crítico cos medios de comunicación. Así o reflicte no seu último libro Periodismo Canalla, no que repasa a situación do sector e sinala que a crise non é tanto dos xornalistas coma dos medios de comunicación.

Que entende vostede por Periodismo canalla?

Periodismo Canalla pretende referirse a todas as circunstancias que hai ao redor do xornalismo que favorecen converter o resultado en algo precisamente canalla. No propio subtítulo do libro queda claro que o que converte o xornalismo en algo canalla non é outra cousa que as empresas de comunicación.

Que é o que se fai mal desde os medios?

Noutros libros tentei explicar os métodos de traballo, algúns ideolóxicos e outros estruturais, cos que se desinformaba, pero neste libro non trato tanto que é o que fan mal os xornalistas, senón qué miseria rodea os medios de comunicación, a economía de mercado, os directivos... é dicir, trato de explicar como, segundo a miña opinión, o principal inimigo do xornalismo e da información son as empresas de comunicación.

"Quérese ser espectacular, frívolo e morboso, e todo isto impide un contexto adecuado para explicar o mundo"

Fala de que máis que informar, se desinforma. Esa desinformación a que se debe?

Débese a dúas razóns: a primeira, a do formato que non permite informar, pola brevidade, pola inmediatez, pola necesidade de ser o primeiro en contar a noticia. Quérese ser espectacular, frívolo e morboso, e todo isto impide un contexto adecuado para explicar o mundo. En segundo lugar, están os motivos ideolóxicos, claro, a liña editorial de cada xornal que polo seu posto nunca vai en contra da fonte dos seus ingresos.

"Xa non son rendibles os grandes medios de comunicación, o capital é meramente especulativo e aos accionistas xa non lles interesan os medios e aos anunciantes tampouco"

E que é o que manda entón? A publicidade?

Até agora mandaba primeiro o capital, é dicir, quen eran os donos das empresas de comunicación. Despois obviamente os anunciantes. Que é o que sucede agora? Que as dúas cousas están ao pairo. Xa non son rendibles os grandes medios de comunicación, o capital é meramente especulativo e aos accionistas xa non lles interesan os medios e aos anunciantes tampouco. Pretenden facernos crer que hai unha crise nos medios, pero eu trato de demostrar que non, que a crise está nun modelo polo cal pretenden facerse ricos.

E os grupos políticos? Tamén marcan a folla de ruta dos medios?

Os políticos hai moito tempo que non pintan tanto. Hai xa moito tempo que son os mercados os que marcan a política e os medios. Sempre son os mercados, ben mediante os seus accionistas ou por vía dos seus acredores. En España, aínda que aparentemente os bancos non sexan donos dos medios de comunicación, realmente si están detrás dos fíos, porque aquí todos deben moito diñeiro aos bancos.

"O seu negocio está a afundirse e como alternativa son moitos os xornalistas que saen destes grandes medios para xuntarse, montar unha cooperativa e alóxanse por exemplo nun portal en internet ou nunha publicación periódica escrita"

Pero pode existir outro modelo de prensa que non teña que depender dos ingresos publicitarios nestes tempos que corren?

Agora mesmo mellor que noutros tempos. Ás probas remítome, hai unha chea de proxectos novos que están a xurdir como alternativas aos grandes medios de comunicación. Os investidores necesitarían unha gran cantidade de diñeiro proveniente da publicidade para seguir facendo o seu negocio. Isto agora non pasa, o seu negocio está a afundirse e como alternativa son moitos os xornalistas que saen destes grandes medios para xuntarse, montar unha cooperativa e alóxanse por exemplo nun portal en internet ou nunha publicación periódica escrita. Paradoxalmente, o peche de Público foi o detonante para que xurdisen moitísimos experimentos xornalísticos que aínda que non todos funcionarán, creo que agora é máis viable crear un proxecto que dea para comer a dez xornalistas, que non un que sexa rendible para os accionistas da bolsa.

Hai pouco, coñecidos medios internacionais acusaban a prensa española de ocultar deliberadamente a situación critica do país. De enganar os cidadáns. Estas cousas pasan?

Totalmente de acordo. É unha mentira relativa, porque os medios agora non queren, ou non poden, enganarnos co feito de que existe unha crise, pero antes de 2008 xa era evidente que esa crise se estaba fraguando, que estabamos metidos nunha burbulla inmobiliaria absurda, que os nosos bancos non tiñan ningunha garantía... Entón todos estaban calados, e iso que os analistas son os mesmos que agora. Por que estaban calados? Porque eles non forman parte do saqueo, forman parte dos saqueadores. É unha oligarquía financeira a que nos levou a esta situación, e os medios forman parte dese sistema. Agora que a crise non se pode ocultar... Cal é a función dos grandes medios? Contarnos que non hai ningunha alternativa que non sexa a de aceptar recortes, austeridade... e por suposto asumir a necesidade de salvar aos bancos.

"Cal é a función dos grandes medios? Contarnos que non hai ningunha alternativa que non sexa a de aceptar recortes, austeridade... e por suposto asumir a necesidade de salvar aos bancos"

E os cidadáns, déixanse enganar? Ou venlle as orellas ao lobo?

Eu cada día levántome cunha impresión diferente. Cando vexo que o partido máis votado a día de hoxe seguiría sendo o PP non podo evitar pensar que si que se deixan enganar, pero creo que aos poucos vai cambiando. Os cidadáns non cren os medios de comunicación. Desde os xornais téntannos convencer de que xa non os compran por culpa de internet, pero tampouco os compran porque non cren nada do que contan e non están a achegar ningunha información valiosa. Os cidadáns xa non se fían dos medios e vanse inmunizando ante eles. O que nos corresponde agora aos que apostamos por un modelo alternativo é dar outras claves de comportamento desde os medios. Unha das máis importantes é precisamente que os novos proxectos necesitan o apoio dos cidadáns. Agora hai que convencer os cidadáns de que con este xornalismo participativo, non lles van a regalar unha cubertería ou un DVD as fins de semana e non só iso, senón que ademais mesmo hai que pagalos, porque para existir, necesitan o seu apoio. Os cidadáns teñen que entender que hai que apoiar estas novas propostas que non queren vivir de bancos nin accionistas.

"Agora hai que convencer os cidadáns de que con este xornalismo participativo, non lles van a regalar unha cubertería ou un DVD as fins de semana e non só iso, senón que ademais mesmo hai que pagalos, porque para existir, necesitan o seu apoio"

Este modelo de desinformación ten volta atrás? Por onde hai que empezar para cambiar isto? Precisamente por esta concienciación?

Nunca hai unha volta atrás. Cambian os escenarios e témonos que recolocar. Internet cambiou todo o panorama, nalgúns casos ben, noutros mal e noutros regular. Para empezar, como digo, hai que entender que o negocio xa non é rendible, o cal non é ningún motivo de preocupación. Agora con todo isto debemos empezar a consolidar este novo paradigma do xornalismo que promove que os que xestionen os medios xa non sexan os anunciantes nin accionistas senón os propios xornalistas, e que quen garantan a independencia deses medios sexan os cidadáns e non o diñeiro. É a única saída que vexo. Os cidadáns teñen que entender agora que o xornalismo necesita o seu apoio, pero deben empezar a esixir un tipo de xornalismo máis profundo, máis contextualizado, e non o frio, rápido, inmediato e breve.

Pascual Serrano © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.