“Un país sen medios públicos decentes non é un país democrático”

Tareixa Navaza © Consello da Cultura Galega

"En solidariedade cos compañeir@s de TVE, pola situación que están a padecer, pola decadencia que está a sufrir unha televisión como a TVE que atinxira cotas moi altas de credibilidade, bo facer e altas audiencias". Estes son as razóns, claras e rotundas, que Tereixa Navaza ofreceu -a través dun escrito- para comunicarlle á Xunta a súa renuncia a aceptar o premio que o Goberno galego lle concedera con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. O galardón, que Navaza compartiría con outras mulleres "relevantes no exercicio dunha profesión desenvolvida maioritariamente por homes" sería entregado nesa data nun acto público na Cidade da Cultura.

Navaza explica que sería "unha contradición" aceptar o premio na situación de degradación que está a sufrir a televisión pública de forma xeral e, especialmente, os seus servizos informativos

No escrito agradece tamén o recoñecemento e destaca que "é para min un orgullo que despois de tantos anos de non estar en activo se pense en min para un premio de comunicación. E conclúe que "saben que como cidadá contan comigo para todo aquilo que sexa valioso para ó noso País".

Despois de iniciar a súa actividade como xornalista na Cadena SER nos anos sesenta, Navaza traballou en Televisión Española entre 1973 e 2007 (cando se prexubilou no marco dun ERE). Converteuse neses anos nun dos rostros máis coñecidos e respectados da canle en Galicia e do seu labor como xornalista é especialmente lembrada a retransmisión que realizou da chegada dos restos de Castelao en 1984. 

Navaza explica, en conversa con Praza, que para ela sería "unha contradición" aceptar o premio na situación de degradación que está a sufrir a televisión pública de forma xeral e, especialmente, os seus servizos informativos. Denuncia o control político ao que se ven sometidos os seus contidos e os seus traballadores e traballadoras, "botando por terra" o bo facer realizado nos anos anteriores polos seus e as súas profesionais, unha "credibilidade" e "calidade" que se van desbaratando. "Están botando os e as mellores xornalistas e aos que non botan os relegan a papeis escuros ou a facer programas de cociña, como digo eu".

Critica que o actual Goberno entrou nos medios públicos "como se fosen a súa propiedade". "E non o son. Son propiedade de todos e todas", destaca

“Un país sen medios públicos decentes, obxectivo, honestos, de calidade, que dean voz a todo o mundo e con participación cidadá non é un país democrático ou cando menos é un país cunha democracia de moi baixa calidade". Tareixa Navaza critica tamén a aplicación da Lei Mordaza ou a campaña mediática dirixida contra os titiriteiros detidos en Madrid a pasada semana, elementos que en conxunto supoñen un grave ataque "contra a liberdade de expresión". Navaza sinala que o actual Goberno entrou nos medios públicos "como se fosen a súa propiedade". "E non o son. Son propiedade de todos e todas", destaca. "Para eles a democracia é o exercicio das ideas dunha suposta maioría, pero a democracia é, ante todo, o respecto ás minorías", engade.

Estende a análise á TVG e a todas as canles autonómicas

Engade que aínda que está a falar en concreto de TVE, dada a súa experiencia laboral no ente e o seu coñecemento directo das súas redaccións e profesionais, estende a análise á TVG e a todas as canles autonómicas (Navaza foi, ademais, membro do Consello de Administración da CRTVG entre 1994 e 2002 en representación do BNG). "En TVE conseguiuse formar, hai anos, uns servizos informativos imparciais, cun director xeral elixido polo Congreso, e que acadaron multitude de premios internacionais que recoñeceron a súa calidade. Hoxe non queda nada diso", conclúe.

 

Tareixa Navaza © Consello da Cultura Galega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.