'Luzes' para saciar a "fame de xornalismo"

Capa no número 0 de 'Luzes' Dominio Público Luzes

"Estamos un tanto a escuras (...) Nós pensamos que o que vemos non nos gusta, ou nos nos recoñecemos niso (...) Pretendemos unha publicación que recolla a mellor tradición do xornalismo. Aquel que estabelece que as historias hai que contalas tal como foron e co alento que se precise, non como conveña ou onde caiban". Está a piques de nacer un novo medio informativo en Galicia: chámase Luzes, será mensual, editarase en papel, en galego, e verá a luz en outono. Esta tarde presentouse na Feira do Libro da Coruña o seu número 0, un exemplar, un prototipo que se podía ver "e tocar", como ben salientou algún dos seus responsables, unha mostra dun proxecto aínda aberto, en marcha, pendente de recibir novos apoios e achegas, pero xa moi avanzado.

Entre os nomes que xa impulsan a revista atopamos de forma moi destacada a Xosé Manuel Pereiro, Iago Martínez e Manuel Rivas; o proxecto gráfico é responsabilidade de Antonio Doñate e Xosé Carlos Hidalgo; e tamén se conta coa colaboración de Hércules Ediciones e Tórculo. O comité de redacción está formado, inicialmente, por Belén Regueira, José Manuel Sande, Juan Janeiro, Antón Lado, Manuel M. Barreiro, Tati Mancebo, Julio Gómez e María Yáñez. E o Consello Editorial confórmano Fermín Bouza, Lino Braxe, Xabier Seoane, Antón Patiño, Jonathan Dunne, Martine Silber, Ramón Chao, Débora Campos, Xoán Antón Pérez-Lema e Suso Iglesias.

Dise que os medios de comunicación nacen buscando un oco, unha necesidade nos lectores. Pero se cadra é máis axustado dicir que nacen dun sentimento. "Hai fame de xornalismo". Así se podería resumir o sentimento do que parte o proxecto deste Luzes, cuxo nome remítenos directamente a aquel Luzes de Galicia dirixida polo propio Rivas, pero que máis recentemente nos leva ao desaparecido suplemento cultural de El País Galicia. Alén dos referentes, o que se busca é un espazo que afonde na realidade, que reivindique o xornalismo comprometido e creativo ("para solucionar a crise do xornalismo o que hai que facer é mais xornalismo", díxose na presentación), para fuxir desa "prensa atrincheirada e previsible" que denunciou Pereiro no propio Parlamento. "Unha revista para un público ao que lle interesan máis as historias de fondo que o ruído formal do día a día", ou como sinalou Rivas na propia presentación: "contra o xornalismo tranxénico, xornalismo ecolóxico e loita contra a vulgaridade".

As súas páxinas queren contar a actualidade galega co pouso que permite un mensual, e cun estilo xornalístico e unha presentación gráfica moi coidadas. O proxecto contará cun suplemento dedicado á cultura e á creación (República) e terá unha pequena estrutura profesional que garanta a súa calidade e que se propón pagar todas as súas colaboracións externas. O financiamento procederá da publicidade, pero sobre todo das subscricións e da venda ao número dos exemplares, cun custe de 6 euros. Terá unha fiestra na web para ofrecer algúns dos seus contidos e versións en castelán en portugués.

"Hai moi bos xornalistas fóra das redaccións", di Pereiro, "e tamén dentro das redaccións, pero que non poden escribir coa extensión e o tempo que lles gustaría. Que vas contar en 60 liñas? Nós non queremos facer un xornalismo de 60 liñas". "O xornalismo pode combatir a suspensión das conciencias", engadiu Rivas na presentación.

No seu manifesto/editorial de nacemento sinalan, xusto antes de chamar a "prender as luzes do xornalismo" que "os temas que hai que tratar non son os que interesan aos editores nin aos periodistas, senón aos lectores, que son os verdadeiros donos dun medio de comunicación (...) O que pretendemos non é satisfacer a demanda do que xa se quere, senón incrementar a oferta do que non hai". "E, sobre todo, contar historias", como resume Xosé Manuel Pereiro o obxectivo destas Luzes.

Capa no número 0 de 'Luzes' Dominio Público Luzes
Manifesto fundacional de 'Luzes' Dominio Público Luzes
Presentación de 'Luzes' na Feira do Libro da Coruña © kikonovoa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.