"Máis aló de Lampedusa, a exclusión de dereitos é unha fronteira invisible"

Cartaz da Semana Galega de Loita contra as Fronteiras Dominio Público Foro Galego de Inmigración

"O noso obxectivo é denunciar a situación que permanece máis invisible, desas fronteiras que están no cotián. Máis aló de Lampedusa, para nós a exclusión de dereitos é unha fronteira invisible". A vindeira semana unha serie de colectivos sociais (Foro Galego da Inmigración, Raias Traveseiras, Grupo de Axitación Social, ODS-Coia e Liga Estudantil Galega) organizan a Semana Galega de Loita contra as Fronteiras, con actos en Vigo, Compostela, Ourense, A Coruña e Ferrol, e que contará coa participación de Eduardo Romero, integrante do colectivo asturiano Cambalache, autor de diferentes textos sobre políticas migratorias e co-autor do libro ¿Qué hacemos con las fronteras?, que presentará en todas as cidades.

As dramáticas imaxes das últimas semanas en Lampedusa, os centos de corpos sen vida aboiando nas augas e chegando á praia, puxeron ao descuberto unha realidade moito máis terrible e moitas veces invisible, até que os medios de comunicación dirixen os seus focos cara a ela. Nas últimas dúas décadas máis de 20 mil persoas morreron no Mediterráneo tentando chegar a Europa, e outras seis mil continúan desaparecidas. "Sucesos coma os de Lampedusa, as mortes nas fronteiras, os temas das vallas en Ceuta e Melilla..., de súpeto irrompen nos medios, pero son punta de lanza de situacións que pasan todos os días, tanto na chamada 'fronteira sur' coma noutros lugares", denuncia Mari Fidalgo, do Foro Galego da Inmigración.

Nas últimas dúas décadas máis de 20 mil persoas morreron no Mediterráneo tentando chegar a Europa, e outras seis mil continúan desaparecidas

"Eses casos son os máis espectaculares, pero tamén nos preocupan os sistemas de control de fronteiras que a UE leva tempo poñendo en marcha, a devolución de persoas migrantes a pleno deserto sen comida nin auga, deportacións forzosas que acaban en morte, ou os centros de detención que hai en África", engade.

"O noso obxectivo nesta Semana é denunciar a situación que permanece máis invisible, desas fronteiras que están no cotián. Para nós a exclusión de dereitos é unha fronteira invisible"

Porén, Fidalgo explica que "o noso obxectivo nesta Semana é denunciar a situación que permanece máis invisible, desas fronteiras que están no cotián. Para nós a exclusión de dereitos é unha fronteira invisible". Subliña que "estes son casos de extrema truculencia, pero hai outras situacións que podemos chamar de baixa intensidade, aínda que para min non é un bo calificativo, porque a intensidade na perda de calidade de vida e de dereitos é básica. Hai dereitos, á saúde, á protección da saúde, que se ven ameazados coa entrada en vigor dese dereito, o mesmo que o dereito ao uso do espazo público, o dereito a unha vida digna".

Para o Foro Galego da Inmigración, "o acceso diferencial ao sistema de dereitos, como é o caso do fundamental dereito á saúde, representa un elemento máis do armazón de fronteiras interiores arquitectado polo poder estatal, coa complicidade doutros niveis administrativos". Engaden que "o obxectivo non é outros que apuntalar a situación de subordinación e explotación das persoas migrantes e promover a división entre diferentes grupos sociais, empregando a competencia por recursos escasos e a creación dun inimigo interno como método de control e disciplinamento social".

Pasou xa un ano da entrada en vigor do Real Decreto 16/2012, que retira o dereito á asistencia sanitaria ás persoas migrantes en situación irregular. Tamén pasou un ano dende que a Xunta aprobou "un parche", en palabras de Marí Fidalgo, o Programa Galego de Atención á Saúde Pública, para acceso á asistencia sanitaria das persoas migrantes. O martes pola mañá os colectivos organizadores desta Semana realizarán un acto reivindicativo ante a sede da Xunta en San Caetano para denunciar a retirada deste dereito a estas persoas e a "falta de eficacia" da solución aprobada polo Goberno galego, "un simulacro", en palabras de Fidalgo, sobre o que ofrecerán datos e experiencias recollidas nos últimos meses.

"Durante este primeiro ano de aplicación do decreto, os datos amosan que as persoas que foron incluídas neste programa da Xunta foron moi escasas, en relación co total de poboación que podería entrar"

Sinala que "durante este primeiro ano de aplicación do decreto, os datos amosan que as persoas que foron incluídas neste programa da Xunta foron moi escasas, en relación co total de poboación que podería entrar". Ademais, engade, "hai vulneración dos dereitos neste programa da Xunta, mesmo en circunstancias moi delicadas, coma no que respecta á atención de menores ou de mulleres embarazadas. Hai moi pouca información e percibimos cada vez máis medo nas persoas migrantes á hora de acceder a ese servizo". O martes pola tarde, na Facultade de Medicina da USC, María Mateo (Médicos do Mundo), tratará tamén esta cuestión nunha palestra que ofrecerá xunto con Eduardo Romero. 

O libro ¿Qué hacemos con las fronteras?, que se presentará a vindeira semana en Vigo, Compostela, Ourense, A Coruña e Ferrol, é un traballo de autoría colectiva, no que se fai unha análise de como articular a crítica á mobilidade no capitalismo, que non garante o dereito á permanencia das persoas e que leva a situacións de explotación laboral, coa defensa dos dereitos das persoas migrantes e contra as políticas de fronteiras.

"Traballos coma o que presenta Eduardo veñen falar da necesidade de reconstruír as traxectorias migrantes. Por que a xente abandona un país?"

Marí Fidalgo desta que imaxes coma as de Lampedusa "teñen un impacto sobre a forma en que vemos as persoas migrantes. A idea que se transmite é a de unhas persoas que non teñen nada que perder, que xogan a vida cruzando un mar. E todos os procesos de cambio político, de loita, fican totalmente diluídos". E salienta que "traballos coma o que presenta Eduardo veñen falar da necesidade de reconstruír as traxectorias migrantes. Por que a xente abandona un país? Esas historias dannos información sobre os procesos de implantación de intereses empresariais europeos neses países. Eduardo ten varios relatos sobre como as empresas petrolíferas, para garantir a seguridade enerxética de Europa, desprazan poboacións, acaban con todo o entramado agroecolóxico e de sobrevivencia, rompen mercados, etcétera".

"A manta como unha fronteira: persoas coas que compartimos territorio, pero que por carecer dun documento están completamente excluídas das súas condicións de cidadáns"

Marí Fidalgo salienta finalmente que "en Galicia a percepción que temos é que as políticas de fronteiras fican moi lonxe, porque non vemos as embarcacións chegando ás praias, as operacións de axuda humanitaria de Cruz Vermella...". Por ese motivo destaca a importancia "de ligar todo iso ao que sucede día a día nas rúas de Galicia, a manta como unha fronteira: persoas coas que compartimos territorio, pero que por carecer dun documento están completamente excluídas das súas condicións de cidadáns".

Fidalgo conclúe que "hai situacións de racismo no día a día que cremos que é necesario denunciar" e lembra que "a última agresión aos dereitos das persoas migrantes vivímolo en Lugo no San Froilán, contra os vendedores ambulantes". E engade: "nun momento no que en Compostela están imputados case todos os concelleiros do Goberno municipal, as autoridades dirixen a súa presión contra unhas persoas que só buscan sobrevivir”.

Programa da Semana Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.