Máis crise, menos xornalismo e menos liberdade

Intervención de Rajoy, a través dunha pantalla, nun comité do PP © eldiario.es

Outro Día Mundial da Liberdade de Prensa e outra xornada reivindicativa que volve evidenciar a precaria situación do xornalismo -con altas taxas de paro e despidos continuos-, así como as presións, represalias, ameazas e incluso violencia (cada semana morre un profesional da información no mundo) que sofren os periodistas de todo o mundo. Tamén no Estado e en Galicia, onde este venres se celebraron varias concentracións de traballadores que volveron lembrar que "sen xornalistas non hai xornalismo" e que "sen xornalismo non hai democracia". Case 5.000 postos de traballo de periodistas se destruíron no conxunto do Estado no pasado 2012, continuando cunha xeira que vén de lonxe.

A FAPE censura o "atallo do silencio" escollido polos políticos que intentan evitar a prensa ou que fan roldas sen preguntas

A Federación de Asociaciones de Periodistas de España (FAPE), na que se inclúen varias agrupacións galegas, censurou este ano as súas críticas nos políticos que collen "o atallo do silencio" para evitar a prensa e non ter que sufrir as críticas polas súas comparecencias sen preguntas (ou a través dunha pantalla de televisión), outra das eivas que os xornalistas denuncian desde hai anos. "Os políticos buscaron o atallo do silencia para vetar o dereito á palabra e á pregunta e furtar o cidadán a resposta aos graves problemas que sofren", lembra.

"Os xornalistas están atopando serios atrancos no exercicio da súa profesión por parte dos representantes públicos, como se a crise avivara neles a necesidade de levantar barreiras, xusto nunha época na que a xente aspira a non ter ningunha para acceder á información", insiste a FAPE, que denuncia o aumento das "presións" cara aos medios e os periodistas que "investigan os abusos de poder, especialmente os ligados á corrupción".

Os xornalistas denuncian a reforma lexislativa que pon "serios límites aos dereitos de información e liberdade de expresión"

Ademais, censuran a reforma da Lei de Enxuizamento Criminal promovida polo ministro Gallardón e que presenta "serios límtes aos dereitos de información e liberdade de expresión". "Na nosa decidida aposta pola autorregulación, opoñerémonos a calquera proxecto do Goberno que trate de impoñer límites aos dereitos de información e á liberdade de expresión", di a FAPE, que tamén chama aos xornalistas para que exerzan a súa profesión "con responsabilidade, verificando as fontes e fuxindo do xornalismo de mercadoría barata".

Por suposto, reclaman "condicións dignas de traballo e de igualdade salarial entre homes e mulleres", ademais de reforzar a campaña Gratis non traballo contra empresarios e editores que "explotan os xornalistas con salarios humillantes ou sen remuneración ningunha", tal e como se pode comprobar acotío nas ofertas de traballo que aparecen en España e Galicia.

Do mesmo xeito, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) fixo público un manifesto elaborado polo seu ex decano, Xosé María García Palmeiro, que destaca que o lema escollido pola ONU e a Unesco para este ano -Falar sen risco. Polo exercicio seguro da liberdade de expresión en todos os medios- é "revelador de que algo vai mal".

"Imos atrasados na defensa destes dereitos fundamentais -conquistas esforzadas e non concesións graciosas- sempre sometidos, condicionados e ameazados, aínda nos espazos máis formalmente garantistas", continúa, tras advertir do "longo e ben adverso camiño" que se vive nunha profesión "imprescindible".  "Un camiño rodeado por unha incompleta cobertura legal e sacudido por unha crise económica que tampouco non deixa de servir como pretexto para agravar ata límites case insoportables a precariedade realmente existente tamén nos anos de bonanza", asegura.

"Na era da aparente opulencia informativa, os efectos e a xestión da crise ameazan as conquistas sociais e especialmente a liberdade de expresión", denuncia o CPXG

"Na era da aparente opulencia informativa, do desenvolvemento do Cuarto Medio e da multiplicación das redes sociais, os efectos e a xestión da crise económica ameazan de facto o desenvolvemento de conquistas sociais en forma de dereitos e liberdades e, de xeito moi directo, a liberdade de expresión", di o CPXG, que advirte do "impacto do paro que non cesa e cun horizonte de inestabilidade e incertezas, do que derivan preocupantes efectos paralizadores".

"Todo fará falta desde os compromisos individuais e colectivos libre e responsablemente asumidos, e coa imprescindible tutela dos poderes públicos, para garantir o exercicio seguro da liberdade de expresión en todos os medios", continúa, tras pedir que se garantan "aceptables e dignas condicións de traballo necesarias para a independencia de xornalistas e medios", manifesta.

"Teño a certeza de que eses xornalistas, consciente, responsable e libremente, han contribuír a corrixir, sequera en parte, tan negativo estado de cousas. Han ser capaces de facer que as cousas poidan ir un pouco menos mal", remata confiado.

Concentración de xornalistas na Coruña Dominio Público @Lucia_Casanova
Intervención de Rajoy, a través dunha pantalla, nun comité do PP © eldiario.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.