Máis de 150 colectivos fan fronte común xunto aos concellos contra o novo copago

Protesta contra a privatización da sanidade pública en Narón Dominio Público @CxGFerrolterra

A rebelión que comezou en Riotorto e se estendeu xa por máis de vinte concellos galegos espállase agora á sociedade civil. O rexeitamento ao novo copago farmacéutico e aos continuos repagos aplicados á atención sanitaria pública artéllase agora a través da Iniciativa Galega pola Gratuidade na Sanidade, na que se unen máis de 150 colectivos "representativos da sociedade do país" e que foi presentada este mércores en rolda de prensa.

O colectivo xorde da asemblea convocada polo alcalde de Riotorto o pasado sábado

Foi o propio alcalde de Riotorto, Federico Gutiérrez Estoa, que hai xa varias semanas anunciara que o seu Concello asumiría o copago farmacéutico que afectase os seus veciños, exerceu de voceiro deste colectivo que inclúe varios dos municipios que se rebelaron contra este copago pero que xunta tamén plataformas como as de afectados polas preferentes, a de emigrantes retornados ou organizacións como Fruga, cuxo algún dos seus voceiros acudiron á presentación. Esta Iniciativa Galega xorde da asemblea celebrada o pasado día 26 en Riotorto, onde se sentaron as bases desta unión pola sanidade pública.

No manifesto conxunto aprobado naquela asemblea, os diversos colectivos e alcaldes exixen que a Xunta se opoña á aplicación do decreto que establece o repagamento do transporte sanitario non urxente ou o material ortoprotésico e tamén á resolución da Dirección Xeral da carteira báisca de servizos do sistema español de saúde e farmacia e que obriga a que os doentes crónicos paguen polos fármacos. Así, solicitan que o Goberno galego -que asumiu estas medidas malia destacar o seu escaso aforro- inste o Ministerio de Sanidade a que derrogue ambas as dúas normas.

A Iniciativa exixe á Xunta que se opoña ao repago no transporte sanitario e ao copago para os fármacos de enfermos crónicos

Con estas medidas, tal e como lembrou Gutiérrez Estoa, os pacientes terían que pagar por fármacos como o Afinitor ou o Tyverb, usados contra o cancro de mama, o Votrient, indicado para o cancro de ril, ou o Temodal, para os danos cerebrais. Son 157 prestacións farmacolóxicas e 47 medicamentos os que estarían afectados.

Para a Iniciativa Galega, as iniciativas levadas a cabo polo Estado son "ideolóxicas" e forman parte dunha "cruzada contra a sanidade pública", á que se quere converter "nun luxo" e non nun dereito básico. Por iso, quere dar "a batalla social" e márcase un prazo para deter as medidas: as semanas que van ata o vindeiro 1 de xaneiro de 2014, cando a medida entrará en vigor. Será ata daquela cando se intensifiquen as mobilizacións e conseguir así que o Goberno dea marcha atrás. Ese é o obxectivo, antes incluso de que os concellos asuman un copago, o que non sería doado para moitos municipios con dificultades económicas.

A plataforma intensificará as mobilizacións ata final de ano, data na que se prevé que o copago entre en vigor

Por iso, convocaron mobilizacions en 13 concentracións ante outros tantos hospitais galegos para o vindeiro 8 de novembro. Serán entre as 20 e as 20.30 horas na Coruña, Ferrol, Compostela, Costa da Morte (Cee), Lugo, Monforte, Barbanza (en Ribeira), A Mariña (Burela), Ourense, O Barco de Valdeorras, Vigo, Pontevedra e O Salnés (Vilagarcía de Arousa). Serán mobilizacións para denunciar o copago da medicación para os doentes crónicos que padecen cancro. A protesta non se deterá ata que a Xunta se comprometa a non aplicar o repagamento en Galicia, segundo aclarou o alcalde de Riotorto, que lembra que noutros territorios, como Castela e León -"onde tamén goberna o PP"- non se vai "aplicar unha multa por padecer un cancro".

Os concellos en contra actuarán "como trincheiras" para deter as intencións do PP

Gutiérrez Estoa xa advertiu que os concellos adheridos ao manifesto, e á espera de moitos máis que se unan, serán "como trincheiras" coas que deter a ofensiva do PP desde a Xunta e o Goberno do Estado. "Está en xogo a gratuidade e a universalidade da sanidade", di. Polo momento, os municipios que xa se rebelaron contra o copago son Riotorto, Mondoñedo, San Sadurniño, Allariz, Zas, Vimianzo, Ribadeo, A Pobra do Brollón ou Monforte (gobernados polo Bloque); Teo e Manzaneda (Anova); Maceda e Vilar de Santos (Compromiso por Galicia); Cervantes, A Pastoriza, O Valadouro Pedrafita, Monterroso, A Fonsagrada, Betanzos e Lugo (PSdG); e tamén Boborás, Cerdido e Vilanova de Arousa (PP).

Xa máis adiante, o 17 de novembro hai convocada outra protesta, esta a nivel nacional, e baixo o lema O copago mata. Pola defensa da gratuidade da sanidade en Galiza. Será unha gran marcha en Compostela.

Concello de Riotorto CC-BY-NC-SA Xas
SOS Sanidade Pública, no exterior do Parlamento CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.