Na madrugada do pasado sábado 19 ao domingo 20, Asturias sufriu unha importante vaga de incendios. Centos de focos que afectaron varias comarcas nos últimos días de outono, favorecidos polas elevadas temperaturas para a época do ano e a ausencia de chuvias. Neste luns, foi Cantabria quen espertou con preto de 80 focos logo de activarse de madrugada o nivel 2 de alerta máxima e de mobilizacións de máis medios externos para intentar deter as lapas. Tamén Galicia sufriu os incendios durante este Nadal e mesmo en todo o mes de decembro. Nos últimos dez días, máis de 200 hectáreas arderon no país en diferentes localidades. No que vai de mes, máis de 330.
Máis de 200 hectáreas arderon en Galicia nos últimos dez días e unhas 330 no que vai de mes de decembro
O último foi o declarado no concello ourensán da Merca, na parroquia de Corvillón, que foi extinguido na mañá deste luns. A suferficie afectada, segundo as estimacións provisionais, foi de 23 hectáreas, 15 de monte arborado e 8 rasas, e nos traballos de extinción traballaron 4 axentes, 8 brigadas, 3 motobombas, 1 pa e 1 helicóptero. Unha das áreas que sufriu as consecuencias das lapas sitúase en Rede Natura.
Tan só unhas horas antes, quedou controlado outro incendio en Triacastela. Aínda non extinguido, o lume afecta a parroquia do Monte e a superficie afectada xa supera as 20 hectáreas. Desde que se declarara o lume, pasada a unha da madrugada, traballan na súa extinción 1 axente, 1 brigada e 1 motobomba.
Triacastela e A Merca sufriron esta fin de semana as lapas, que queimaron 23 e máis de 20 hectáreas respectivamente
A escaseza de chuvias, o forte vento e as elevadas temperaturas nestas datas seguen a provocar incendios nunhas épocas tan pouco dadas ás lapas. O peor tivo lugar hai unha semana, na parroquia de Soutadoiro do concello ourensán de Carballeda de Valdeorras. As lapas arrasaron durante unhas doce horas unhas 150 hectáreas de monte raso tras os traballos de ata dez brigadas.
Entre o día 17 e 18 de decembro foi a parroquia de Ribeiras do Sor, no concello coruñés de Mañón, o que sufriu un incendio que queimou unhas 19 hectáreas de monte arborado. Nas mesmas datas, en Xove as lapas arrasaron unhas 33 hectáreas. Porque neste mes de decembro non houbo unha área máis afectada polo lume, xa que houbo casos en comarcas achegadas á fronteira con Portugal, así como na Mariña lucense.
Xa o 7 de decembro, un lume rexistrado en Chandrexa de Queixa afectou 50 hectáreas de monte raso, mentres que tres días antes, na parroquia de Chaguazoso de Vilariño de Conso, as lapas queimaron 40 hectáreas, tamén de monte raso.