Mais de dúas mil persoas apoian as Marchas da Dignidade en Galicia

Marcha da Dignidade en Vigo CC-BY CUT

Máis de dúas mil persoas, segundo os convocantes, manifestáronse no serán deste mércores 26 nas rúas das principais cidades galegas para reclamar un futuro digno, o seu rexeitamento ás políticas neoliberais agresivas do Estado e da Unión Europea e en apoio das Marchas da Dignidade que confluirán en Madrid o vindeiro 22 de marzo.

Os convocantes cren cumpridos os obxectivos: dar a coñecer as Marchas e protestar contra as "políticas antiobreiras da UE, a troika e o Goberno"

A Plataforma Galega pola Marcha da Dignidade -nucleada arredor dos sindicatos alternativos CUT, CGT, CNG, SF-IN, S. Elevación, STEG ou SLG- cre cumpridos os obxectivos marcados para estas mobilizacións, coas que pretendían "dar a coñecer na rúa" a convocatoria das Marchas do 22M, á que tamén acudirá unha columna desde o país, así como os propósitos dunha iniciativa que protestará contra as "políticas antiobreiras da UE, da troika e do Goberno español" e que pretende ser o xermolo dun "movemento subvertivo que pretende aglutinar todo o mundo do ámbito social, cultural, político ou sindical antisistema".

As manifestacións de onte tiveron lugar á tardiña en Vigo, A Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo, Ourense e Vilagarcía e contaron co apoio de formacións políticas como a FPG, Anova ou EU. Na urbe coruñesa, Stop Desafuizamentos fixo un acto simbólico na rúa Pai Feijoó, onde se produciu o desafiuzamento de Aurelia, un caso ben coñecido na cidade, e cambiaron a praca do nome da rúa por outra: Rúa da desobediencia.

"O único xeito de frear as políticas antiobreiras e regresivas no social do Goberno español e da troika será mediante a mobilización masiva da clase obreira na rúa", asegura a plataforma, que lembra as súas demandas a través dun manifesto claro. A Marcha da Dignidade galega pide que se restitúa ao pobo "dos millóns entregados ao poder financeiro, a derrogación da lexislación laboral e das pensións actuais e a reversión das medidas destrutoras dos servizos públicos". Ademais, reclama "contratos fixos e salarios suficientes, a redución da semana laboral a 30  horas para que todos e todas poidan traballar e a fixación de salarios e pensións mínimos suficientes". Do mesmo xeito, solicitan "a incautación das empresas de sectores esenciais para as vidas como a enerxía ou a auga" e o dereito á vivenda digna e ao aborto libre e gratuíto. Por último, agardan a "retirada" da lei mordaza e a "promulgación de políticas racionais para a agricultura e o medio ambiente".

A Alianza Social Galega chama a saír hoxe á rúá "por outra saída da crise"

Por outra banda, a Alianza Social Galega, que agrupa os tres principais sindicatos (CIG, CCOO e UGT), así como uns 60 colectivos, chama a saír á rúa hoxe xoves Por outra saída da crise. Apoiada tamén por plataformas a prol da sanidade pública ou de emigrantes retornados, entre outras organizacións, o colectivo pide á cidadanía que amose o seu rexeitamento ás políticas do PP, tanto na Xunta como no Goberno central, nas manifestacións e concentracións que comezarán entre 19.30 e 20 horas nas sete cidades galegas, ademais de en Vilagarcía, Burela, Ribeira, Monforte, Vilalba e Cangas.

Marcha da Dignidade na Coruña CC-BY Plataforma galega pola Marcha da Dignidade
Marcha da Dignidade en Vigo CC-BY CUT

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.