Máis denuncias por violencia machista en Galicia, pero tamén máis retiradas

Acción da Marcha Mundial das Mulleres contra a violencia machista CC-BY-SA Marcha Mundial das Mulleres

Violencia machista sen tregua. As primeiras semanas do 2014 foron especialmente duras para o que a Marcha Mundial das Mulleres define como "mortes de segunda clase", isto é, os asasinatos de mulleres ás que, censuran, se segue considerando "cidadás de segunda". As agresións machistas levaran por diante a vida de sete mulleres en apenas catro días nun contexto no que a crise económica se revela como un obstáculo máis para saír do círculo da violencia, máis aínda cando as recortadas axudas para axudar á independencia económica deixan fóra a sete de cada dez vítimas. Neste contexto, os datos máis recentes indican que Galicia vai no sentido contrario ao resto do Estado e aumentan as denuncias por violencia machista, pero tamén as renuncias a culminar o proceso legal contra os maltratadores.

O Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, órgano dependente do Consello Xeral do Poder Xudicial, vén de facer públicos os datos correspondentes ao terceiro trimestre de 2013 e deles tírase que as denuncias por agresións machistas se incrementaron un 5% a respecto do mesmo período do 2012, chegando a 1.379. Non obstante, o que puidera ser interpretado como un aumento das vítimas que queren ou poden dar o paso de tentar frear os seus agresores pola vía legal vai parello a outro dato que preocupa especialmente no Observatorio: as renuncias. Nese trimestre 93 vítimas decidiron paralizar o procedemento contra o maltratador, son un 10,7% máis que doce meses antes.

As renuncias a culminar o proceso legal contra o maltratador medraron case un 11%

Nese terceiro trimestre do ano que vén de rematar en Galicia ditáronse 246 ordes de protección, exactamente as mesmas que un ano antes, se ben foron solicitadas 9 máis. A maioría, 216, foron solicitadas polas propias vítimas, 22 pola Fiscalía e 8 foron adoptadas de oficio. Estes datos prodúcense nun contexto no que Galicia segue por baixo da media estatal na taxa de denuncias por violencia machista: son 4,99 por cada 10.000 mulleres fronte ao 7,02 da media estatal. No entanto, o país está por riba da media na ratio de ordes de protección en relación ás denuncias: un 27,27% fronte ao 25,87% do Estado.

Violencia machista no terceiro trimestre de 2013
Denuncias
Total Renuncias Denuncias por cada 10.000 mulleres Ratio denuncias/renuncias Ratio ordes/denuncias
1.379 93 4,99 6,74% 27,27%
Ordes de protección
Incoadas Adoptadas % Denegadas %
376 246 65% 130 35%

Indicadores como o aumento das renuncias aos procedementos iniciados por violencia machista fan que dende o Observatorio se vexa a situación como "especialmente preocupante" e insista na "implementación de medidas e ferramentas xudiciais" para combatir o maltrato por razón de xénero. As institucións públicas, reiteran, deben coordinarse para "facer máis eficaces as medidas de protección das vítimas e, particularmente, dos seus fillos e fillas" nun contexto no que, tan só nos tres meses analizados, se rexistraron en Galicia 1.552 delitos relacionados con agresións contra mulleres; un deles foi un homicidio e máis de 1.000, lesións.

Acción da Marcha Mundial das Mulleres contra a violencia machista CC-BY-SA Marcha Mundial das Mulleres

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.