Os Comités de Empresa da TVG e a RG veñen de entregarlles aos grupos políticos con representación parlamentaria (PPdeG, PsdeG, AGE e BNG) 345 sinaturas recollidas entre os seus profesionais en defensa dunha televisión e unha radio públicas, plurais e ao servizo da cidadanía. Os traballadores e traballadoras que asinan o documento denuncian a manipulación informativa que se practica na TVG e na RG e demandan a creación do Estatuto Profesional que establece o artigo 36 da Lei 9/2011 de 9 de novembro dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, que contempla tamén a creación dun Consello de Informativos para a Corporación RTVG. Máis do 60% dos xornalistas da televisión pública asinaron este documento que tamén se lle entregou ao Director Xeral e ao Consello de Administración da CRTVG, ademais de á presidencia da Comisión de Control Parlamentaria do ente.
Os traballadores e traballadoras que asinan o documento denuncian a manipulación informativa que se practica na TVG e na RG e demandan a creación do Estatuto Profesional
As asembleas de traballadores e traballadoras que promoveron esta iniciativa tamén veñen publicando un blog para denunciar prácticas concretas de manipulación informativa que se detectan a cotío na TVG. O blog eunonmanipulo.wordpress.com, que naceu o pasado 3 de abril, publicou nestes dous meses máis de 200 artigos e xa superou as 25.000 visitas.
A Lei establece tamén a creación dun Consello de Informativos como órgano interno de participación dos profesionais
Segundo os comités de empresa dos medios públicos, a mellor ferramenta para garantir a veracidade informativa é a aplicación da norma en vigor, que obriga á creación do Estatuto Profesional, un instrumento que, segundo a mesma lei indica, está “destinado a fortalecer a calidade, profesionalidade e independencia dos contidos informativos”. A Lei establece tamén a creación dun Consello de Informativos como órgano interno de participación dos profesionais da información da Corporación RTVG, que terá como obxectivos “velar pola independencia, pola veracidade e pola obxectividade dos contidos informativos difundidos por todas as súas canles”.