Máis dun millón de persoas viven nos concellos galegos que prohibiron os circos con animais

Tigres de Siberia no Circo Wonderland en Nigrán © Circo Wonderland

1.141.737 galegos e galegos residen en concellos que xa aprobaron declaracións que prohíben a instalación na superficie municipal de circos que inclúen espectáculos con animais salvaxes. Son un total de 30 localidades, que nos últimos anos foron aprobando mocións, impulsadas sobre todo pola Asociación Animalista Libera e, posteriormente, tamén por outras entidades sociais (Ecologistas en Acción, Vox Ánima, Touradas fóra de Pontevedra) e por forzas políticas (BNG, PSOE, Compostela Aberta). O vindeiro 30 de decembro Narón converterase no concello número 31 en facelo, co que a suma total de poboación se elevará ata os 1.181.311.

O vindeiro 30 de decembro Narón converterase no concello número 31 en facelo, co que a suma total de poboación se elevará ata os 1.181.311

Trátase de Vigo, Ourense, Betanzos, Ares, Fene, Viveiro, Teo, Lugo, Foz, Sada, Cangas do Morrazo, Sanxenxo, Tomiño, Ribadeo, Poio, Nigrán, Lalín, Ames, Mugardos, Cabanas, Redondela, Moaña, Vilagarcía de Arousa, Rianxo, A Pobra do Caramiñal, Santiago de Compostela, Pontevedra, Cuntis, Ponteareas e Ferrol. Están polo tanto seis das sete cidades de Galicia, faltando unicamente A Coruña, aínda que dende Libera salientan que a moción, que xa foi proposta este verán pola entidade, se aprobará proximamente. A mesma moción foi rexeitada na pasada lexislatura por un pleno -daquela- dominado pola maioría absoluta do PP. Coa incorporación da cidade herculina, a suma total de poboación residente en Concellos que rexeitan os circo con animais superará os 1,4 millón de persoas, máis da metade dos habitantes de Galicia.

Ares, Cangas, Teo, Bentanzos ou Viveiro estiveron entre os primeiros concellos que aprobaron este tipo de mocións, xa hai uns anos. O avance foi de vagar pero nunca se detivo e entre 2014 e 2015 o movemento estendeuse rapidamente. O espello no que se mira Galicia neste tema é Cataluña, que xa en outubro de 2013 prohibiu os circos con animais en todo o territorio, grazas aos votos de CiU, ERC, PSC, ICV-EUiA e CUP. Pero en Cataluña o proceso tamén comezara de xeito municipalista e na década anterior un cento de concellos (nos que vivía un 70% da poboación) xa foran adoptndo a medida.

Están polo tanto seis das sete cidades de Galicia, faltando unicamente A Coruña, aínda que dende Libera salientan que a moción, que xa foi proposta este verán pola entidade, se aprobará proximamente

Canda a estas mocións, específicas sobre os circos que teñen animais salvaxes, un total de 16 concellos galegos tamén aprobaron mocións pola abolición dos espectáculos taurinos, touradas e outros eventos populares. Ferrol, Fene, Ares, Betanzos, Dodro, Vedra, Teo, Padrón, Cuntis, Poio, Bueu, Cangas, Moaña, Ponteareas, Ourense e A Pobra do Brollón forman esta Rede de Municipios Galegos pola Abolición.

 

Polo ben dos animais e polo ben da sociedade

Un total de 16 concellos galegos tamén aprobaron mocións pola abolición dos espectáculos taurinos

As mocións que se van aprobando son moi semellantes entre si e parten do modelo impulsado por Libera, que lembra que "a vida destes animais nos circos caracterízase polo illamento, o castigo, o medo e o cativerio" e que "aínda que os espectáculos circenses non amosen conductas de violencia explícita á vista dos espectadores, os actos que os animais teñen que realizar durante toda a súa vida son antinaturais e para obligarlles a comportarse deste xeito contrario á súa natureza sométense a violentos métodos de adestramento baseados no castigo físico, a privación de alimento e ao illamento do resto dos seus conxéneres". A entidade sinala, igualmente, que "as exhibicións de animais nos circos ofrecen tamén unha mensaxe educativa negativa", pois "os circos usan aos animais como reclamo do público infantil", facendo fincapé en que "os pequenos e pequenas deste país, a sociedade do futuro, merecen unha educación baseada en valores que inclúan o respeto cara os seres vivos e o entorno".

"Os pequenos e pequenas deste país, a sociedade do futuro, merecen unha educación baseada en valores que inclúan o respeto cara os seres vivos e o entorno"

As análises do sufrimento que experimentan os animais nestes espazos teñen que ver en boa medida co seu estado de reclusión case permanente, pois permanencen pechados en pequenos espazos máis do 90% do tempo, calculándose que só entre o 1% e o 9% do tempo o dedican a actuar ou adestrar. Por outra banda, os duros adestramentos aos que son sometidos para levar a cabo actividades repetitivas e formularias, moi afastadas dos seus comportamentos naturais, adoitan provocarlles prexuízos moi importantes, e xerando unhas condicións de vida insoportables. Os expertos seguen nas súas recomendacións para que os animais gozen dunhas condicións vitais mínimas os estándares do Farm Animal Welfare Council (1992) que están baseados en "cinco liberdades": libres de fame e sede, libres de incomodidade, libres de dor, feridas e enfermidades, libres para expresar comportamentos normais e libres de medo e angustia. A maior parte delas non se cumpren nos circos.

Tigres de Siberia no Circo Wonderland en Nigrán © Circo Wonderland

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.