'Mantenlos fuera de juego', proxecto gañador do concurso de SOS Racismo Galicia

Unha das imaxes gañadoras do concurso © Víctor Carro

Este sábado 21 de marzo celébrase o Día Internacional para a Eliminación da Discriminación Racial. SOS Racismo Galicia desenvolveu nos últimos días varias actividades ligadas a esta data, escollida pola ONU en lembranza da Matanza de Sharpeville, que tivo lugar en 1960 cando a policía sudafricana asasinou 69 manifestantes que protestaban pola aplicación do Apartheid.

SOS Racismo Galicia lanzou a campaña Galegas coma tianimando a toda a xente a publicar nas redes sociais un selfie "cun carteliño que poña Galeg@s coma ti” e a despois compartir esa foto nas páxinas de Facebook da entidade e da ONGD Viraventos ou en twitter empregando o hashtag #‎galegascomati‬. "Porque Galicia é xa unha sociedade multirracial. Porque tod@s somos e nos sentimos igual de galeg@s. Porque lamentablemente, aínda temos moito que loitar. Imos mostrar que Galicia se suma á riqueza da diversidade", destacan.

Así mesmo, a asociación anunciou o proxecto gañador do concurso lanzado hai unhas semana e que buscaba escoller unha ou varias imaxes para lanzar nos vindeiros meses unha campaña publicitaria "contra o racismo e a xenofobia, pola promoción da diversidade e a igualdade de dereitos", coa intención de promover na sociedade galega "unha actitude de acollida e respecto pola diversidade, fundamentada na comprensión do fenómeno migratorio". 

O traballo gañador corresponde a Victor Carro Tojo, de Cambre (A Coruña), co proxecto #mantenlosfueradejuego, composto por tres cartaces e un spot. No concurso participaron 20 proxectos, dos cales os e as internautas seleccionaron os 10 traballos finalistas, sendo elixidos os tres primeiros postos por un xurado formado por Pancho Casal (productor audiovisual), Jorge Bravo (ilustrador e consultor Web), e pola Asociación de Prensa da Coruña.

Unha das imaxes gañadoras do concurso © Víctor Carro
Imaxe da campaña 'Galegas coma ti' © SOS Racismo Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.