Mapunto: atopa a túa alternativa

Captura de pantalla de Mapunto Dominio Público Mapunto

Mapunto é un proxecto de mapeo de movementos ecosociais que pretende "facer un catálogo o máis exhaustivo posible de todo este tipo de proxectos, e visualizalo en forma de mapa accesible abertamente dende Internet". Trátase de facer visible "este tecido alternativo que até agora permanecera relativamente oculto, permitindolle a cualquera persoa ver que se coce no seu barrio, conectar colectivos con outros semellantes para intercambiar experiencias" e de amosar "que hai moitas outras maneiras de vivir máis aló do capitalismo actual". A coordinación é resposabilidade do grupo de trabalo Mapa de movimientos sociales da rede social libre N-1.

O mapa quere amosar "que hai moitas outras maneiras de vivir máis aló do capitalismo actual"

Na páxina destácase que "hai milleiros de proxectos aí fóra, persoas coma ti e coma min que se puxeron mans á obra para crear outras formas de vivir. Neste espazo queremos que os atopes! Saliéntase que "moitas persoas levan aos creando proxectos sociais e económicos alternativos" e que "o movemento 15m ofreceu un enorme empurrón de moral a este tipo de colectivos, que hoxe se atopan en efervescencia". E coméntase que "mentres que a enerxía e entusiasmo dedicados a estes proxectos é digna de remarcar, tamén o é o feito de que a súa capacidade de difusión e comunicación foi bastante limitada. Adoitamos atopar, mesmo nunha mesma rexión, centos de proxectos diminutos aos que lles custa bastante coordinarse en redes meirandes, e son difíciles de atopar para as persoas que non están á distancia do boca a boca".

"Adoitamos atopar, mesmo nunha mesma rexión, centos de proxectos diminutos aos que lles custa bastante coordinarse en redes meirandes, e son difíciles de atopar para as persoas que non están á distancia do boca a boca"

O mapa aglutina varios mapas xestionados de manera autónoma, pois Mapunto procura "coordinar e aunar as forzas de todos os demais proxectos de mapeo existentes na península ibérica". Mapunto recolle por exemplo os datos do mapa galego de Arkipelagos. Redes de troco, bancos de tempo, grupos de consumo, cooperativas, centros sociais autoxestionados, proxectos de reciclaxe, enerxías renovables, agricultura ecolóxica, bioconstrución… Ao redor de 700 entidades e proxectos, dos que uns 80 son galegos, sobre todo das provincias de Pontevedra e Lugo.

Captura de pantalla de Mapunto Dominio Público Mapunto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.