Marcha nas rúas de Compostela por unha "igualdade real" entre homes e mulleres

Manifestación feminista en Praterías Dominio Público @obloque

Centos de persoas saíron este domingo ás rúas de Compostela na manifestación unitaria que o feminismo galego celebrou co gallo do Día Internacional da Muller deste 8 de marzo. "Rebelión, desobediencia contra a súa violencia" ou "Contra o patriarcado, feminismo organizado" foron algúns dos lemas que os asistentes berraron nunha marcha que exixiu "igualdade real" entre homes e mulleres. 

A Marcha Mundial das Mulleres denuncia o "retroceso global" que na súa situación laboral sofren as mulleres

Así o asegurou Pilar Estévez, da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto e a Marcha Mundial das Mulleres, que censurou a situación laboral de "retroceso global" que sofren as mulleres. "Temos moita xornada laboral sen salario", asegurou ante os medios, logo de denunciar o paso atrás "nas políticas sociais" en ámbitos como o laboral, a educación sexual e reprodutiva ou o sanitario. Así, citou a "discriminación en mamografías, o peche dos COF (Centros de Orientación Familiar)" ou a falta de "orzamentos". 

Tamén incidiu nas críticas a deputada de AGE, Eva Solla, que criticou o Executivo central por "ameazar" con "retirar os dereitos" ás menores de idade para "abortar sen o acompañamento dos pais". A responsable de Igualdade do PSdeG, Eva Martínez, tamén denunciou que estas mulleres de 16 e 17 anos poidan decidir sobre "tratamentos médicos ou operacións de cirurxía estética sen o permiso dos pais" pero non sobre ese dereito.

"Pretenden utilizarnos ás mulleres como moeda de cambio cando na realidade, o único que fan, é pór en práctica políticas como a propia reforma laboral, que o que fan é incidir na feminización da pobreza", insistiu Solla. "Se queremos apoiar que as mulleres sexamos cidadáns de primeira, ten que reflectirse nos programas electorais, de verdade", defendeu Estévez.

PSdeG, AGE, BNG e Podemos coinciden en criticar as políticas da Xunta en materia de igualdade

Preguntada polas políticas da Xunta en materia de igualdade, Estévez criticou o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo. "Di que ama as mulleres e resulta que a ama mal", remarcou, para logo denunciar que "non incrementa" os "orzamentos en sanidade". Do mesmo xeito, sostén que non hai gardarías públicas "suficientes", do mesmo xeito que, ao seu xuízo, "non se fai incidencia real" na violencia de xénero. "Non temos presupostos para que estas mulleres poidan decidir da súa vida", aseguro. Por todo iso, cualificou o presidente da Xunta "queda ben" porque "todo o que está detrás das súas políticas está baleiro".

Tamén o PSdeG, AGE, o Bloque e Podemos coincidiron en criticar as políticas da Xunta en materia de igualdade. De feito, o BNG demandou "medidas concretas" á Xunta, como a creación dun plan de emprego "específico", ademais de "desenvolver leis" para "avanzar cara á igualdade real". "Estamos fartas da hipocrisía do PP", denunciou a secretaria de Acción Feminista do BNG, Saleta Chao. "Parece que as mulleres só cobramos un 17% menos que os homes o 8 de marzo, ou que só sufrimos violencia de xénero o 25 de novembro", subliñou. Tamén desde Podemos cren que "hai que estar todos os días" cos dereitos da muller, non só o 8 de marzo. "Creo que en Galicia temos moito traballo que facer por diante", destacou Ángela Rodríguez, responsable da área de feminismos e diversidade en Podemos Galicia. Deste xeito, cidadáns, partidos, sindicatos e outros colectivos reivindicaron este domingo en Santiago "igualdade real" entre mulleres e homes.

Manifestación feminista en Compostela Dominio Público @obloque
Manifestación feminista en Praterías Dominio Público @obloque

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.