Eran man de obra barata. Nos barcos da mariña mercante de Noruega calcúlase que traballaron ata 12.000 españois, a inmensa maioría deles galegos. Por eles ninguén pagou cotizacións sociais. Manuel, un home de 70 anos, é un deles. Como todos os que traballaron ao servizo de embarcacións dese país nórdico ata 1994, pagou impostos en Noruega pero non ten unha pensión dese país.
Manuel, mariñeiro galego, fixo carreira nos barcos de Noruega e mesmo se xogou a vida en zona de guerra do Golfo Pérsico
Manuel fixo carreira neses barcos. Tamén se xogou a vida. Lembra traballar na sala de máquinas dunha embarcación petroleira norueguesa nunha zona de guerra do Golfo Pérsico. "Fíxeno só unha vez, preguntáronme pouco antes de que o barco se dirixise á zona en guerra. Fun, pero pedín que me pagasen o dobre", conta Manuel a este diario.
Despois daquela incursión a este home nado en Rianxo quitáronselle as ganas de repetir a experiencia. "En situacións así, o barco vai de noite con todo apagado, moi lentamente, ata chegar ao seu destino. Realmente non paga a pena", asegura. Naquela ocasión no Golfo Pérsico houbo que saír de improvisto. O petroleiro no que traballaba tivo que partir do porto a medio cargar. Chegoulles un aviso de que habería ataques. Manuel activou as máquinas e o barco puido emprender a marcha aquela mesma noite. Outros barcos que quedaron na zona acabaron ardendo.
Hai uns días, Manuel estaba en Berlín xunto a outro catro antigos empregados da mariña mercante de Noruega. Son membros da asociación que loita polo seu dereito a unha pensión tras anos de traballo ao servizo dos barcos do país nórdico. A asociación leva nome de embarcación: Long Hope."Chámase así por un barco noruegués que levaba ese nome, que significa longa esperanza, adoptámolo porque a esperanza é o último que se perde. Nós aínda non a perdemos", di Alberto Paz, portavoz da asociación.
Os mariñeiros xubilados pasaron xa por Oslo, Londres e Berlín e viaxarán a París, Roma, Bruxelas ou Atenas para denunciar a "inxustiza" que sofren
Proba de que manteñen esa esperanza é que a Alberto, Manuel e compañía estiveron por Berlín a despregar as súas pancartas na Porta de Brandemburgo, en pleno corazón da capital alemá. "Noruega é o país que premia co Premio Nobel, o premio que recoñece a outra coraxe e moralidade. Noruega é o país que rexeita a españois unha pensión de xubilación. Están a agocharse detrás do Premio Nobel?", líase nunha gran pancarta que, despregada, requiría os brazos dunha decena de persoas. Os integrantes da asociación tamén despregaron ese e outras mensaxes reivindicativas fronte ao edificio que, en Berlín, agrupa as representacións diplomáticas de Noruega, Suecia, Dinamarca e Islandia.
A visita a Berlín mostra ata que punto en Long Hope queren internacionalizar o seu conflito. Tamén pasaron por Oslo e Londres. Teñen previsto seguir manifestándose en capitais europeas, sempre para sinalar o que entenden que é unha inxustiza contra eles. Cidades como París, Roma, Bruxelas, ou Atenas figuran na súa axenda.
Manifestación dos mariñeiros xubilados de Long Hope / © Long Hope
Franco ofreceu man de obra sen custos sociais
"Nós nunca fomos a buscar traballo a Noruega. En 1959, a mariña mercante norueguesa levou uns cantos mariños españois, uns 800 ou 900. Pero logo veu o desenvolvemento da mariña mercantil norueguesa e non tiñan persoal cualificado. Pero onde si o había era en España", lembra Alberto, mariñeiro con quince anos de experiencia en barcos noruegueses. "En 1962 veu a España outra delegación norueguesa, con ministros e todo, falaron co Goberno de Franco e cedeuse máis xente, baixo a promesa de que terían as mesmas condicións que os noruegueses", afonda.
Alberto (Long Hope) ve na súa causa un claro caso de "racismo" contra españois por parte de Noruega
Con todo, non tiveron as mesmas condicións. Alberto ve na súa causa un claro caso de "racismo" contra os españois. Para el, "a mala fe de Noruega, o racismo e o nacionalismo noruegués" explican que as solucións ao conflito parezan encalladas.
Noruega entrou no Espazo Económico Europeo en 1994. Daquela, asinouse un acordo sen carácter retroactivo que recoñecía o pago das pensións dos traballadores. Antes, en 1964, a España de Franco e Noruega asinaron un convenio sobre dobre imposición. Con iso, segundo Alberto, "o que Noruega conseguiu foi facerse cos nosos impostos e, ademais, permitir que traballásemos sen custo social para eles".
Segundo as súas contas, os armadores noruegueses aforrábanse en cotizacións sociais da orde de 14 millóns de coroas anuais. "Iso, só polo grupo de españois", sostén o portavoz de Long Hope. A maioría dos 12.000 españois afectados son galegos, como Alberto e Manuel. Pero tamén hai 4.000 españois do resto de comunidades autónomas. Tamén existen outros colectivos de mariñeiros estranxeiros afectados.
"Descolgados" tras máis de oito semanas de baixa
En Long Hope estiman en 520 millóns de euros o que os españois achegaron ás arcas norueguesas durante os 40 anos de traballo sen que ninguén pagase cotizacións sociais para eles. "Temos dereito a que nos recoñezan os nosos méritos. Noruega creceu moito nos anos 60 e 70 grazas, entre outras cousas, a que os armadores non pagaron o 14% do noso soldo en cotizacións", sostén Manuel. Actualmente, a frota mercante de Noruega está entre as líderes mundiais.
Long Hope estima en 520 millóns de euros os que os mariñeiros achegaron a Noruega durante 40 anos sen que ninguén lles pagase as cotizacións sociais
Nalgúns casos, esa desprotección na que traballaron homes como Manuel ou Alberto tivo tráxicas consecuencias. "Se te puñas malo, tiñas oito semanas de baixa por enfermidade contraída a bordo. O mesmo tiñas por accidente laboral. Se che facían falta máis, quedabas colgado. Houbo moitos que quedaron inútiles e non quedou unha paga. Houbo casos de accidentes mortais e non houbo paga", conta o portavoz de Long Hope.
A asociación existe desde 2008, pero no últimos catro anos os afectados saíron á rúa para dar a coñecer a súa causa. Son incontables as mobilizacións levadas a cabo en diferentes localidades galegas. Actualmente manteñen un pulso xudicial coas autoridades norueguesas. Esperan que a xustiza acabe dándolles a razón. "A vía que hai aberta é a vía xudicial. Temos a Corte de Apelacións de Noruega, o Supremo en Noruega, e logo quédanos o Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo", expón Alberto. Outra saída ao conflito, segundo el, é que "España e Noruega teñan a decencia de arranxar isto politicamente, porque se pode facer", afirma.
A lentitude que leva asociada a vía xudicial implica que haxa afectados falecidos no proceso. "As autoridades norueguesas están por alongar o proceso xudicial e así, que vaiamos morrendo. E España, o mesmo. Esa é a sensación que temos", sostén Alberto. O portavoz e o presidente a asociación, Juan Manuel Lores, levan xa anos percorrendo despachos de sindicatos, políticos, ministros e responsables de ministerios.
Alberto Paz, voceiro de Long Hope / © Long Hope
Promesas incumpridas do Goberno de Rajoy
"Levamos o tema á comisión de peticións do Parlamento Europeo, ao Defensor do Pobo español e ao defensor do pobo noruegués. Tamén aos partidos políticos españois. E ata aos reis, o de Noruega e o de España", conta Alberto. Os seus esforzos polo momento foron en balde. "Recordo que un día me chamou ás tres da tarde unha secretaria por orde do rei noruegués Harald V. Dixéronme que a Casa Real de Noruega non podía interceder. En España, a Casa Real díxome que a miña petición era transmitida ao Ministerio de Traballo", lamenta o portavoz de Long Hope.
"Desde o Goberno de Rajoy non obtivemos máis que promesas incumpridas"
Na súa voz nótase especial decepción co actual Goberno central. Alberto chegou a entrevistarse co ministro de Asuntos Exteriores, Alfonso Dastis. "Desde o Goberno non obtivemos máis que promesas incumpridas. As do ministro Dastis están tan incumpridas como as do portavoz do PP no Congreso dos Deputados, Rafael Hernando, que en febreiro nos dixo que ía mediar, que faría isto e aquilo, e non fixo nada", apunta o representante de Long Hope. "No seu momento, tería que mandarse unha circular, informando da situación na que estabamos ao traballar para eses barcos, pero o Goberno de España e o de Noruega falláronnos", asegura.
Nunha das súas últimas iniciativas, a asociación logrou en España pór de acordo a todos os grupos parlamentarios, agás o do PP, para elaborar un proxecto de lei co obxectivo de que se tomen as medidas necesarias para resolver a situación dos mariñeiros afectados. Á espera de que iso ocorra, seguen o seu curso as citas nos xulgados ademais da xira europea que busca dar visibilidade internacional a Long Hope e os seus afectados.