"Mediante as depuracións, o franquismo controlou completamente a Administración"

As xornadas celébranse no Paraninfo da UDC CC-BY-SA Praza Pública

O Paraninfo da UDC acolle esta semana as xornadas Memoria e Democracia, organizadas polo Concello da Coruña e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH). Os debates pecharanse este sábado cun roteiro por distintas localizacións da represión exercida polo franquismo da cidade, dende o Campo da Rata ata o propio cárcere provincial, onde se poñerá fin a tres días de actividades.

Nos vindeiros meses A Coruña contará coa súa propia Oficina Municipal de Atención ás Vítimas, unha iniciativa aprobada polo pleno e que conta co apoio da CRMH

Este venres pola tarde unha mesa de debate ofrecerá as experiencias das oficinas municipais de atención ás vítimas do Franquismo en Pamplona, Álava e a Comunidade Valenciana. Nos vindeiros meses A Coruña contará coa súa propia Oficina Municipal de Atención ás Vítimas, unha iniciativa aprobada polo pleno e que conta co apoio da CRMH. O novo organismo recibirá tamén soporte intelectual a través dunha nova Cátedra Universitaria de Memoria Histórica, na que colaboran Concello e UDC. O goberno local vén de impulsar tamén a creación do Consello da Memoria Democrática, órgano consultivo e de participación en relación coas políticas municipais de recuperación da memoria persoal e familiar das vítimas da ditadura.

Nas primeiras sesións da xornada, celebradas este xoves, destacou a intervención do avogado Máximo Castex, que participa na querela arxentina contra a violación de dereitos humanos por parte da ditadura franquista, e senllas mesas redondas que exploraron distintos aspectos da represión exercida a partir de 1936, tanto no referido á represión económica (coa participación de Julio Prada e de investigadores e docentes de Zaragoza ou Madrid) coma á depuración de mestres, funcionarios e profesorado universitario (coa intervención de Lourenzo Fernández Prieto e de expertos de universidades de Euskadi, Madrid e Bacelona).

 

A depuración como represión

Nas súas intervencións todos incidiron na importancia cuantitativa destas "depuracións" e nos seus grandes efectos cualitativos durante os case 40 anos que durou a ditadura franquista. Salientaron o seu dobre carácter "punitivo" (para castigar aquelas persoas contrarias ao novo réxime) e "preventivo", castigando a aqueles dos que se podía sospeitar unha posible desafección co franquismo. Tamén o seu efecto directo (sobre os profesionais que eran apartados dos seus postos) e indirecto, sementando o medo no resto da poboación e naqueles que podían adoptar posicións máis "mornas" de apoio á ditadura. "Un aviso para navegantes que levaba a un sometemento de por vida a grandes capas da poboación", destacou José Luis Ledesma (Universidade Complutense de Madrid).

Fernández Prieto (USC) subliñou o grande impacto que estas depuracións e outro tipo de represións físicas e económicas tiveron en Galicia, nun "proceso de destrución capilar da sociedade civil non ponderada aínda suficientemente"

Ledesma fixo fincapé nos importantes efectos que en distintos ámbitos (universitario, ensino básico, administración, xustiza...) tivo "este dobre proceso de desposesión [perden os seus postos de traballo, sofren marxinación social, vense obrigados á emigración ou ao exilio...] e apropiación [como recompensa para os participantes do golpe]". Uns efectos que se deron tanto nos niveis "macro" coma "micro", alterándose "os equilibrios a nivel local", ou "xerándose lealdades persoais de por vida". Neste senso Lourenzo Fernández Prieto (USC) subliñou o grande impacto que estas depuracións e outro tipo de represións físicas e económicas tiveron en Galicia nas décadas seguintes a 1936, nun "proceso de destrución capilar da sociedade civil non ponderada aínda suficientemente". "No sitio onde estaba o avó de Rajoy ou Parga Pondal colocáronse dous falanxistas con moitos menos méritos, e así tivemos a universidade que tivemos durante 40 anos", exemplificou.

Para Javier Rodrigo (Universidade Autónoma de Barcelona) "a violencia e a represión en 1936 non aparecen da nada, senón nun contexto histórico en que os seus responsables aprenderan do fracaso de golpe de Sanjurjo de 1932". "En 1936 non hai folga xeral porque se ocupan de matar os líderes sindicais e políticos", destaca. E o mesmo sucedeu coa "violencia simbólica" exercida a través das depuracións. "Lévase a cabo unha identificación esóxena do outro, do inimigo desa Antiespaña. Ou se lle asasina, ou se lle expulsa", explicou. Ledesma salientou a este respecto que as expulsións de profesionais "non se improvisaron" e citou un artigo do xornal El Debate de outubro de 1934 que alertaba de que "os centros escolares foran convertidos en núcleos de propaganda das posicións revolucionarias" e instaba á súa limpeza e "depuración".

 

A importacia do recoñecemento aos profesionais destituídos

O investigador vasco salientou que só nos concellos de Biscaia máis de 2000 funcionarios foron destituídos (máis do 52% do total) e outros 500 (un 13%) recibiron algún tipo de sanción. "Con estes números podes ter controlada totalmente a poboación", dixo

Finalmente, Aritz Ipiña (Universidade do País Vasco) debullou a represión exercida en Euskadi e sobre todo en Biscaia unha vez que o territorio foi conquistado polo exército nacional. O investigador explicou que as depuracións alongándose durante toda a ditadura, aínda que tiveron distintos ritmos de aplicación e foron máis ou menos sitemáticas en cada ámbito. "As depuracións estaban contempladas como parte dun programa de acción global destinado a impoñer a nova orde política, económica e social. Mediante as depuracións o franquismo controlou completamente a Administración, factor de grande importancia para a consolidación e perduración da ditadura. Ti podes proclamar o que queiras, que mentres non teñan empregados públicos non vas conseguir nada", subliñou.

"Sería bo que houbese acordos plenarios que rehabiliten a súa imaxe, deixando constancia nos libros de actas, de maneira que o seu derradeiro rastro escrito non sexa a sanción franquista senón a homenaxe tributada por autoridades democráticas"

O investigador vasco salientou que só nos concellos de Biscaia máis de 2000 funcionarios foron destituídos (máis do 52% do total) e outros 500 (un 13%) recibiron algún tipo de sanción. "Con estes números podes ter controlada totalmente a poboación", dixo. Ipiña chamou a atención sobre a importancia das delacións, tanto nos espazos de traballo como nas localidade nas que vivían os depurados e as súas familias e incidiu na maneira en que estas "depuracións" condicionaron a vida destes profesionais "e sobre todo os das súas familias". Destacou tamén os mecanismos polos que as autoridades franquistas difundían publicamente (por exemplo a través da prensa) as expulsións e expedientes abertos, como unha forma de intimidación ao resto da poboación (sobre todo aos "mornos") e, ao tempo, de "satisfacer as ansias de represión e de sangue" da poboación máis afecta ao novo réxime.

Finalmente, Ipiña fixo un chamamento a "investigar para coñecer a verdade" do sucedido, "definir quen sufriu a represión e por que motivos" como un acto de "xustiza e reparación", e tamén de "recoñecemento" a persoas que foron "destituídas por un réxime totalitario debido a razóns políticas". E propuxo que esta reparación se realice a través de actos de identificación e homenaxe como os que xa se comezaron a realizar en Euskadi, "e que se podían levar a cabo tamén nos concellos galegos", dixo. "Sería bo que houbese acordos plenarios que rehabiliten a súa imaxe, deixando constancia diso nos libros de actas das corporacións, de maneira que o seu derradeiro rastro escrito non sexa a sanción franquista senón a homenaxe tributada por autoridades democráticas", concluíu.

 

As xornadas celébranse no Paraninfo da UDC CC-BY-SA Praza Pública
Cartel das xornadas © CRMH

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.