Medio milleiro de persoas reclaman en Ordes "aire, auga e terra limpas" para a comarca

Manifestación en Ordes © En Marea

Sobre medio milleiro de persoas xuntáronse este domingo en Ordes para reclamar "aire, auga e terra limpas" para a comarca. A maioría dos presentes ergueron espigas de millo "como símbolo e fortaleza do rural que loita por sobrevivir con dignidade" nunha marcha convocada por varios colectivos e apoiada por numerosas entidades sociais, políticas e ecoloxistas de toda Galicia. 

"A comarca está sendo gravemente agredida ambiental, social, sanitaria e economicamente", din os convocantes

A mobilización serviu para sinalar os problemas dunha comarca que "está sendo gravemente agredida ambiental, social, sanitaria e economicamente", segundo expresaron os convocantes nun manifesto lido ao final da marcha. O seu obxectivo era "denunciar publicamente esta situación para que a veciñanza tome conciencia dos danos que se están a producir e se levante contra cada actuación da que teña coñecemento que ocasione danos que afecten ao medio" no que viven, "a terra" que cultivan, "o aire" que respiran ou "a auga que lle dá vida a todo o que os rodea".

A manifestación sinala "a falta de sentido do país" como orixe dos problemas

Para os convocantes, a orixe dos problemas é "a falta de sentido do país que se manifesta nunha ausencia de planificación do territorio, na rapiña predadora de empresas propias ou foráneas sobre os nosos recursos naturais, no empobrecemento económico, na perda de poboación no rural, no aumento da contaminación ambiental, e en situacións que prexudican a calidade de vida e a saúde". 

Ademais, advirten de que todo o anterior é posible "porque a lexislación é laxa en cuestións de medio ambiente e favorecedora dos poderes económicos fronte aos cidadáns". "Cada cambio lexislativo que se fai afonda contra os intereses de Galicia, vaia de exemplo a Lei de fomento de implantación de iniciativas empresariais de Galicia que desprotexeu a poboación en materia de minas, montes, enerxía eólica, etc. reducindo os prazos de resposta da poboación afectada para a defensa dos seus intereses e facilitando os tramites ás empresas", denuncian. 

Veciñanza da comarca de Ordes na mobilización deste domingo 

Así, critican tamén as facilidades que a Xunta dá ás empresas "obviando a propia lexislación nas concesións de autorizacións", que permiten "incumprimentos flagrantes" das normativas. Os convocantes sinalan o gran vertedoiro da Areosa, vencellado a Sogama, o o de Lesta, ao que se lle acaba e aprobar o permiso ambiental. "Esta aprobación fíxose sen ter en conta o informe urbanístico desfavorable do Concello de Ordes, nin os informes sobre a existencia de varias especies protexidas dentro dos terreos do vertedoiro". 

A marcha sinalou a "lexislación laxa" e as "facilidades" da Xunta como unha das causas da proliferación de polémicos proxectos industriais

Tamén fixeron alusión ás novas liñas eléctricas previstas para evacuar os parques eólicos nun proceso "no que non se están a seguir nas normativas" e non se "ten en consideración o impacto na saúde humana da contaminación electromagnética". A construción dun gran parque eólico é outro dos impactos que denuncian. "Resulta cando menos chocante que se promova este parque por canto na comarca non existe vento dabondo que xustifique a súa explotación. Pola contra, o seu impacto sobre o medio e a poboación é previsible e importante", denuncian. 

Ao tempo, destacan que tamén teñen que "soportar as campañas de presión de Erimsa diante da Xunta alegando a perda de postos de traballo, as penas vinte, aínda que a empresa diga sesenta, xa que a súa maneira de explotar o seixo resulta incompatible cos centos de postos de traballo vencellados ao sector gandeiro nos concello de Mesía e Frades". 

A mobilización advirte do risco e afectación do proxecto eólico, das liñas de alta tensión, do novo vertedoiro de Lesta ou da actividade mineira de Erimsa

"É límte a situación na que se atopa o medio ambiente nestas terras", engadnen, polo que din que "non cabe quedar cos brazos cruzados e é preciso crear a conciencia de que no é só un problema do rural". "Pedimos que se reforme o corpo lexislativo relativo as autorizacións ambientais e a ordenación do territorio, que se cumpra coa lexislación tanto no proceso de outorgamento de autorizacións como no seguimento das actividades autorizadas, que non se poñan trabas artificiais e mesmo ilegais aos cidadás que denunciamos os abusos e, sobre todo, esiximos", rematan. 

Na mobilización estiveron presentes representantes de diferentes grupos municipais da comarca de Ordes pertencentes ao PP, ao PSOE e ao BNG e independentes, así como deputados no Parlamento Galego, como Antón Sánchez (En Marea), Xosé Luis Rivas Cruz (BNG) ou Paula Quinteiro (En Marea), a deputada no Parlamento Europeo Lidia Senra (GUE/NGL), e tamén o responsable da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega), Fins Eirexas, representantes do Sindicato Labrego Galego (SLG),  o alcalde de Teo, concelleiros de Santiago como Jorge Duarte e membros de numerosas asociacións da comarca e arredores e a nivel galego como Asociación Cultural Amigos da Capela de Arxán, Asociación de Comerciantes de Ordes, Casino 1889, Asociación Senda Nova de Carballo, Asociación Petón do Lobo, Lacrar de Carral, Plataforma pola Defensa de Corcoeste e Bergantiños, Plataforma MIna de Touro-O Pino Non, Platforma de Afectados pola destilería de Contimunde (Rois), Plataforma pola recuperaicón do río Sar, Plataforma Casalonga Limpa de residuos, Plataforma contra o vertedoiro de Grixoa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.