Milleiros de peticións de amparo ao Valedor ante a reforma do aborto

As mulleres rexistran as peticións de amparo ao Valedor Dominio Público @feminismogalego

Un grupo de cidadás acudiu este sábado ao Parlamento de Galicia para rexistrar unha morea de peticións de amparo ao Valedor do Pobo ante a prevista reforma da lei do aborto promovida polo ministro Gallardón. Este "acto simbólico", ao que acudiron representantes de BNG, EU ou PSdeG, serve para denunciar a contrarreforma por "non respectar dereitos fundamentais das mulleres".

Rexistráronse así máis de 1.500 de textos difundidos pola Plataforma Galega pola Defensa do Dereito ao Aborto -convocante da acción- e asinados por outras tantas mulleres que acompañarán á morea de trámites que outras moitas enviaron por correo electrónico. En todos eles, as que se decidiron a cubrir a documentación piden que o Valedor admita a trámite o escrito e as "ampare na protección dos dereitos democráticos que son inherentes á condición de muller galega". "Para iso solicito a esta institución proceda emitir o informe correspondente para que o Goberno da Xunta de Galicia esixa, de forma urxente, a retirada inmediata deste anteproxecto de lei e, caso de prosperar a súa aprobación, interpoña recurso de inconstitucionalidade, por afectar e vulnerar os meus Dereitos Fundamentais e que constitucionalmente se me recoñecen", reclaman.

Así, a Plataforma encheu de peticións o correo de José Julio Fernández Rodríguez, o Valedor ao que reclaman amparo as mulleres ante a prevista refoma da lei do aborto prevista polo Goberno central, esa que volveu ser apoiada pola maioría absoluta do PP no Congreso e no propio Parlamento galego e que, de saír adiante, tan só permitirá a interrupción voluntaria do embarazo só en casos de violación ou risco grave para a saúde da muller. Entre as asistentes ao acto atopábanse as deputadas Yolanda Díaz (AGE), Carme Adán (BNG) ou Carme Acuña (PSdeG).

As mulleres denuncian que o anteproxecto ten "vicios de inconstitucionalidade e afecta os principios de igualdade e non discriminación"

A coordinadora da Platafor, Pilar Estévez, dixo que as mulleres esperan que o Valedor "vele polos dereitos de todas as persoas". "Todas temos que estar protexidas nos nosos deretios e cando os nosos dereitos se incumpren, supoñemos que esta institución ten que facer o seu traballo", engadiu quen aclarou que as peticións "son simbólicas" pero "cun valor transcendental".

"Negar ás mulleres o dereito ao aborto é mater sobre elas unha actitude de crueldade"

"Negar ás mulleres o dereito ao aborto é mater sobre elas unha actitude de crueldade; as mulleres sentímonos totalmente desamparadas con esta contrarreforma de Gallardón, que supón saír do contexto europeo que contemplan os dereitos humanos", asegurou Estévez, que formou parte da concentración que se levou a cabo ante o Parlamento e na que se corearon lemas contra a reforma do Executivo central.

O texto repasa os antecedentes e inclúe a denuncia dun anteproxecto que "adoece de vicios de inconstitucionalidade claros e manifestos xa que afectan fundamentalmente o principio de igualdade e non discriminación do artigo 14 da vixente Constitución Española". Enn cada unha das peticións que cheguen ao Valedor, as mulleres lembrarán a súa "preocupación polas consecuencias que para a saúde e a vida das mulleres galegas tería a modificación da Lei Orgánica 2/2010".

Ademais, alertan de que comprobaron tamén "con preocupación como o Goberno da Xunta de Galicia negouse en reiteradas ocasións a defender o meu dereito á igualdade e aos Dereitos Humanos que me asisten como muller galega por medio da solicitude da retirada de forma inmediata da proposta para modificar a Lei Orgánica 2/2010, de 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo".

    As mulleres censuran que a Xunta "se negase retiradamente" a defender os seus dereitos e pídenlle ao Valedor que exixa á Xunta que reclame a retirada do anteproxeco

Por iso, explica cada unha das mulleres, acoden ao Valedor e demandan que as "ampare na protección dos dereitos democráticos que son inherentes" á súa "condición de muller galega". Por todo iso, solicitan que o defensor do pobo emita un informe para que o Executivo galego exixa "de maneira urxente" a retirada inmediata do anteproxecto. Ademais, solicitan tamén que, no caso de que se aprobe a reforma, a Xunta "interpoña un recurso de inconstitucionalidade" ao considerar que afectaría os seus dereitos fundamentais e recoñecidos constitucionalmente. Do mesmo xeito, recordan que a aprobación do proxecto "suporía o incumprimento flagrante dos tratados internacionais asinados polo Reino de España".

As mulleres rexistran as peticións de amparo ao Valedor Dominio Público @feminismogalego

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.