Mobilización e alegacións contra o proxecto da planta de metanol en Viana do Bolo

Macizo central de Ourense © Adega

Implantación de una planta de producción de combustible industrial mediante gasificación de carbón utilizando como energía la producida por radiación solar”. Ese é o proxecto promovido por Paratermo Energía SL nun terreo rústico de 188 hectáreas en Viana do Bolo, nas parroquias de Fornelos de Filloás e Fradelos. Sería unha planta destinada á produción de combustibles, metanol (75.000 toneladas ao ano) e hidróxeno (375 Tm/ano), a través da gasificación de carbón en cantidades de entre 75.000 Tm/carbón e o emprego de case 40.000 metros cúbicos de auga ao ano, ademais da captación de elevada cantidade de enerxía solar (4.500 Mwh/ano de enerxía, con 3 paraboloides solares de 83 metros de diámetro cada un e que xeraría 18.750 toneladas de cinzas anualmente). 

SGHN, Adega ou Salvemos Cabana presentan alegacións contra un proxecto "fantasioso, faraónico, prexudicial e delirante"

Ese é o resumo que a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e Adega fan na súa advertencia sobre un proxecto que consideran "fantasioso, faraónico e ambientalmente moi prexudicial" ou "delirante". Ambas os dous colectivos -xunto con outros como Salvemos Cabana- presentaron xa alegacións a unha iniciativa en pleno Macizo Central "que pretende transformar para sempre a vida no despoboado rural ourensán". 

Todos os colectivos alegantes advirten dos elevados fondos necesarios para os investimentos do proxecto, uns 54 millóns de euros, que a empresa pretende cubrir maioritariamente mediante créditos (35 millóns) e subvencións e axudas públicas (2,8 millóns), así como co propio capital social, que é tan só de 3.000 euros, segundo datos do Rexistro Mercantil. Os seus promotores son os mesmos que buscaron poñer en marcha unha polémica planta de batata na Costa da Morte con métodos semellantes a outros proxectos de produción de biocombustibles, metanol e hidróxeno que intentaron en Tenerife ou Almería, onde foron paralizados polas administracións, que gañaron recursos xudiciais cos que as empresas reclamaban indemnizacións de ata 620 millóns de euros. Daniel González González, quen achega a metade do capital social, era o empresario implicado en todas aquelas iniciativas a través de compañías como Guradoor ou Lisply. A "caza de subvencións de administracións incautas" é o obxectivo destes enguedellos empresariais, segundo denuncian Adega e SGHN. 

Os promotores son os que impulsaron a polémica planta de batata da Costa da Morte; diversos colectivos advirten do intento de "cazar subvencións de administracións incautas"

Desde logo, o modus operandi é sempre o mesmo. Polo momento, e ao igual que no caso de Almería, os impulsores xa obtiveron un informe favorable do arquitecto asesor do Concello, neste caso de Viana do Bolo, a través dunha discutida interpretación da da Lei 2/2010 de ordenación urbanística e proteción do medio rural de Galicia, "pretendendo facer un subterfuxio legal en total ignorancia e incumprimento do establecido ao respecto na Lei de minas e na Lei de ordenación da minería de Galicia". 

Salvemos Cabana advirte nas súas alegacións que o plan de Paratermo Enerxía "necesitaría do preceptivo permiso da administración autonómica e/ou estatal con competencias en materia mineira". Segundo di, tal e como está formulado, a concesión dunha licenza en base ao informe do arquitecto municipal "sería nula de pleno dereito"

Varias organizacións advirten do enorme "impacto paisaxístico e medioambiental" da planta de metanol

SGHN, Adega ou Salvemos Cabana advirten tamén do enorme "impacto paisaxístico e medioambiental" que tería esta planta, cunha actividade industrial que supón "o transporte de substancias perigosas de alto risco por estradas secundarias". "a esplanación de preto de 200 hectáreas de solo rústico nun espazo de alta calidade visual resulta manifestamente incompatíbel coas determinacións da Lei 7/2008 de proteción da paisaxe de Galicia", aseguran, ademais de alertar do perigo para a aguia real, en perigo de extinción e que conta cunha das escasas parellas reprodutras no país moi preto da zona. 

As organizacións reclaman da Xunta a denegación da Autorización Ambiental Integrada para a actividade e alertan ás administracións públicas implicadas para que non se deixen enganar "por estes proxectos miragre" e que "rexeiten dedicar un só euro público a negocios coma este". Malia a intensa defensa que os promotores da iniciativa fan do proxecto, diferentes colectivos desvelaron xa os vínculos entre este proxecto, o paralizado de batata na Costa da Morte e outros rexeitados, non sen problemas e preitos xudiciais, noutras zonas do Estado.

Planta de metanol © solcanblog.wordpress.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.