Moitos detidos por corrupción? Que non se vexan demasiado

Momento da detención de Rodrigo Rato © El Diario

"A detención e a prisión provisional deberán practicarse na forma que menos prexudique ao detido ou preso na súa persoa, reputación e patrimonio. Deberán adoptarse as medidas necesarias para asegurar o respecto aos seus dereitos constitucionais ao honor, intimidade e imaxe no momento de practicarse, así coma nos traslados ulteriores". A reforma da Lei de Enxuizamento Criminal introduce no seu artigo 520 esta disposición, que pode levar, entre outras cousas á prohibición da publicación por parte dos medios de comunicación de imaxes de persoas detidas. Dende o primeiro momento considerouse que a modificación deste artigo estaba motivada pola proliferación de casos de corrupción, a súa visibilidade informativa e evitar as denominadas "penas de telexornal" que sofren moitas persoas antes de ser xulgadas.

Dende o primeiro momento considerouse que a modificación deste artigo estaba motivada pola proliferación de casos de corrupción, a súa visibilidade informativa e evitar as denominadas "penas de telexornal"

A modificación deste artigo, que reforzou na súa tramitación no Congreso as limitacións impostas aos xornalistas, foi moi criticada polas forzas da oposición e entidades profesionais. De feito, a Federación de Asociaciones de Periodistas de España, a AEDE e os colexios profesionais de xornalistas, entre eles o galego difundiron este martes un documento crítico coa reforma, no que lles piden aos grupos parlamentarios que rexeiten no Senado o engadido ao artigo 520.1 (a referencia aos dereitos ao honor, intimidade e imaxe) aprobado polo Congreso dos Deputados o pasado 2 de xuño.

As organizacións xornalísticas alertan da "previsible inconstitucionalidade da futura lei"

O texto alerta de que a modificación "pon en perigo o dereito constitucional á información", que "non só é aplicable aos profesionais e medios de comunicación que a elaboran e transmiten, senón tamén aos cidadáns". Lembran que "a lexislación vigente xa contempla medidas e penas se se desen casos de lesionar dereitos ao honor, a intimidade ou a imaxe das persoas" e que "os profesionais da información observamos medidas de autorregulación, a través das nosas normas e códigos, co fin de que non se produzan lesións de dereitos fundamentais".

A consecuencia última pode ser que "os cidadáns reciban unha información sesgada e incompleta" obstaculizando o seu dereito a recibir unha información veraz

Alertan igualmente da "previsible inconstitucionalidade da futura lei", ao chocar co dereito á información recollido no artigo 20 da Constitución. "Non sería a primeira vez que o Tribunal Constitucional, cando se produce unha colisión entre dereitos fundamentais, vén argumentando nas súas sentenzas que, en asuntos de interese público e con veracidade informativa, ten que prevalecer o dereito colectivo á información fronte ao dereito individual ao honor, a intimidade e a propia imaxe", destacan. Critican, asi mesmo, a "imprecisión dalgúns aspectos" da norma e a "inseguridade xurídica" que pode conlevar, "por non existir definición en canto á forma de poñer en práctica a medida de protección proposta por parte da autoridade xudicial ou policial".

A consecuencia, ademais das novas dificultades impostas aos xornalistas e medios de comunicación no exercicio do seu labor, pode ser que "os cidadáns reciban unha información sesgada e incompleta", obstaculizando o seu dereito a recibir unha información veraz, alertan as organizacións asinantes do documento.

De aprobarse o texto, o fiscal podería pedirlles ao procesado, testemuñas, peritos profesionais, ou a calquera terceiro, absterse de revelar a información que se considere "reservada"

Ademais destas referencias aos dereitos á intimidade, honor ou imaxe dos detidos e detidas, a reforma da lei inclúe outras disposicións que atacan o dereito colectivo á información. De aprobarse o texto, o fiscal podería pedirlles ao procesado, testemuñas, peritos profesionais, ou a calquera terceiro, absterse de revelar a información que se considere "reservada". Ademais, o texto contempla que a difusión pública da información reservada podería incorrer en responsabilidades penais.

Momento da detención de Rodrigo Rato © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.