Monedero: "Non hai solución á tensión entre partidos e movementos: amplifiquémola"

Juan Carlos Monedero, no inicio da súa conferencia CC-BY-SA Praza Pública

Os dirixentes de Podemos adoitan repetir a frase de "o paso curto e a mirada longa" para definir a estratexia da formación. Juan Carlos Monedero atopou sempre máis satisfacción nese segundo labor de construción de alternativas. Dende que en abril do pasado ano, tras meses de acoso mediático, abandonou a dirección do partido, Monedero regresou a un papel no que se sente máis cómodo, menos institucional e máis intelectual, no que con frecuencia se despraza por todo o Estado ofrecendo conferencias que, como sucedeu este venres en Ferrol, confirman o enorme poder de convocatoria do politólogo.

O Auditorio Carvalho Calero encheuse por completo moitos minutos antes do inicio da intervención de Monedero, convidado pola asociación Fuco Buxán, nun ciclo que nas vindeiras semanas achegará á cidade naval ao ex tenente Luís Gonzalo Segura (17 de marzo) e á alcaldesa de Madrid, Manuela Carmena (2 de abril).

"Xa non se trata só de cambiar o mundo, senón que hai que pensalo de forma diferente"

Monedero partiu da Tese XI sobre Feuerbach de Marx ("Ata agora os filósofos limitáronse a interpretar o mundo; do que se trata agora é de transformalo") para rebatela, sinalando que "xa non se trata só de cambiar o mundo, senón que hai que pensalo de forma diferente". Fixo un chamamento, neste senso, a "pensar alternativas", un "novo senso común" que combata á "mercantilización de todo" e ao consumismo que define a sociedade, unha alternativa ao capitalismo baseada, sobre todo, nos "comúns" e na acción colectiva. "Todo é mercadoría. O mundo convértese nun supermercado e iso fai que os canallas se envalentonen porque saben que poden comprar o que queiran co seu diñeiro. E, mentres, as persoas decentes viven con medo, medo a non ter cartos, a non ser competitivos, a perder o pouco que teñen", dixo.

"Hai que construír algo que supere ese medo. Sen sentimentos e sen esperanza non imos a ningures. O maior éxito do capitalismo foi o de convencernos de que non hai alternativa", dixo. Sinalou que para transformar a sociedade é imprescindible entendela, comprender "como é posible que as vítimas abracen os seus verdugos. Hai que entender por que sete millóns de españois votan aínda o Partido Popular". "Sen unha boa análise es como unha mosca golpeando o cristal", dixo. "Hai que partir dunha derrota, asumir que os valores da esquerda foron completamente derrotados. O neoliberalismo levou a cabo un proceso decidido de modificación do senso común. Lévanos 60 anos de vantaxe", subliñou.

"Non hai solucións pechadas, vai haber que experimentar" -dixo- "non podemos ir cara atrás e o futuro non está claro. A única solución é dialogar entre as contradicións". O politólogo reivindicou así mesmo, nunha sociedade definida polas identidades múltiples, sexan nacionais, sexuais ou doutro tipo o valor da "empatía, da capacidade de entender e de poñerte no lugar do outro, e da túa valentía para apoiar o outro na defensa dos seus dereitos". Igualmente, reivindicou a "alegría" dos movementos colectivos, a política como verdadeira "autoaxuda" e a satisfacción de "xuntarnos os fragmentos que somos os distintos integrantes da sociedade".

"O 15M foi unha gran conversa e hoxe esa conversa está xa no Congreso e nos gobernos municipais do cambio. Non esquezamos que os parlamentos son esencialmente prazas ás que nalgún momento se lles puxo un teito"

Monedero defendeu na súa intervención o labor dos círculos de Podemos e o traballo de base, fronte a outras formulacións máis verticais. "Este proceso non o pode impoñer un partido. Debe ser pensado e discutido entre todos", salientou, engadindo que "non hai solución á tensión entre partidos e movementos, pois amplifiquémola". "Fan falla liderados, porque os liderados rebaixan a incertidume, pero os liderados -en plural- deben ser dialogados, e o máis importante é a xente. Ningún partido debe substituír o diálogo entre a xente. Ou confiamos na xente ou non haberá opción de cambiar nada. Debemos confiar en que a xente ordinaria é capaz de cousas extraordinarias, esa debe ser a diferenza entre nós e o conservadurismo", dixo.

"Podemos non pode ser a muleta do PSOE", salientou, ao tempo que acusou á dirección socialista de "faltar ao respecto" aos seus votantes e militantes co seu pacto con Ciudadanos

Neste senso, volveu reivindicar o efecto do 15M na sociedade española: "o 15M foi unha gran conversa e hoxe esa conversa está xa no Congreso e nos gobernos municipais do cambio". "Non esquezamos que os parlamentos son esencialmente prazas ás que nalgún momento se lles puxo un teito". Monedero destacou, finalmente, que "un dos maiores éxitos de Podemos foi saír dicindo que ía a gañar. Esa foi a diferenza coas alternativas previas". "Podemos non pode ser a muleta do PSOE", salientou, ao tempo que acusou á dirección socialista de "faltar ao respecto" aos seu votantes e militantes co seu pacto con Ciudadanos. "Iso é facer trampas e a xente xa cansou das mentiras e trampas. O PSOE debe sacar a cera da vella política, ten dificultades para avanzar", engadiu.

 

Cheo absoluto no Auditorio Carvalho Calero para escoitar a Juan Carlos Monedero © A.C. Fuco Buxán
Monedero, cos traballadores de Electrorayma © A.C. Fuco Buxán
Imaxe do auditorio no inicio da conferencia © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.