Mónica García Prieto reivindica o traballo dos freelance ao recoller o Premio José Couso

Acto de entrega do Premio José Couso © CPXG

Mónica García Prieto recolle este xoves en Ferrol o IX Premio José Couso de Liberdade de Prensa, que organizan o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol. A xornalista reivindicou o importante labor dos freelance para informar do que acontece. De feito, declarou que entende o galardón como "un recoñecemento xeral á cobertura da crise de Siria", onde só traballan xornalistas freelance que "non atoparon cabida en medios convencionais". A xornalista lembrou que ela mesma tomou en 2005 a decisión persoal de deixar un medio convencional e pasar a un dixital "porque quería contar cousas que no medio no que estaba non podía contar".

García Prieto defendeu o labor dos profesionais da comunicación para "informar do que acontece nos países en conflito, para que non se repita noutras partes do mundo, e denunciar situacións potencialmente similares"

García Prieto afirmou que "o xornalista non ten que ser o protagonista, senon contar o que pasa", e defendeu o labor dos profesionais da comunicación para "informar do que acontece nos países en conflito, para que non se repita noutras partes do mundo, e denunciar situacións potencialmente similares". En relación ás condicións do xornalismo no noso entorno, García Prieto expresou a súa "perplexidade" por certos aspectos do exercicio do xornalismo, e declarou neste sentido que "son inadmisibles as roldas de prensa sen preguntas e comparecencias por monitor".

A presidenta do Club de Prensa de Ferrol, María Ares Sanmartín, recordou que se veñen de facer 10 anos da morte de José Couso, e que seguen se se esclarecer os culpables

O decano do CPXG, Xosé Manuel Pereiro, salientou que o mérito da premiada está en que "ademais de realizar o seu traballo nunha zona en conflito, ten que enfrentarse ás críticas da xente que está ao seu redor, que a xulgan por posicionarse cun bando ou outro, cando ela o que fai é simplemente contar unha realidade". Pola súa banda, a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, María Ares Sanmartín, recordou que se veñen de facer 10 anos da morte de José Couso, e que seguen se se esclarecer os culpables.

 

Mónica García Prieto

Mónica García Prieto naceu en Badaxoz en 1974 e é licenciada en Xornalismo. Con só 19 anos, cubriu a revolta zapatista de Chiapas (México), e desde 1995 traballou para o diario El Mundo conflitos como os de Chechenia, Irak, Afganistán, Macedonia, Gaza ou Líbano. En 2005 Prieto pediu un período sabático para centrarse en temas de Oriente Medio, converténdose en xornalista independente con sé en Xerusalén. En 2007 trasladouse a Beirut, onde vive desde entón, e desde donde cubriu amplamente os conflitos da zona, e de forma moi activa a "primavera árabe".

Acto de entrega do Premio José Couso © CPXG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.