Mugardos é unha potencia... E aínda non o sabe

César Pena e Silvia Pérez, presentando o proxecto en Radio Fene © Radiofusion.eu

Juan Fernández, Tomás Monteagudo, Yuyi Bastida, Rebeca Fontenla, Alicia Remelgado, Nicole Maroño, a Comunidade O Zulo... Son persoas e colectivos de Mugardos que destacan nos seus ámbitos, dende a arquitectura ao remo, da repostería á fotografía ou á defensa da tecnoloxía e a cultura libres, dez potencias de carne e óso cuxa actividade e talento en moitos casos nin sequera son coñecidos polos seus propios veciños. Para reverter esta situación César Pena e Silvia Pérez botaron a andar Mugardos 10 potencias, unha iniciativa sociocultural e dinamizadora na que este vindeiro sábado 22 dez mugardeses e mugardesas exporán publicamente os seus proxectos para os seus veciños e veciñas. O evento, presentado por María José Martínez, celebrarase na Sociedade do Seixo, con entradas a dous euros.

"Ao longo dos anos vas sabendo deste veciño que ten catalogados os xogos populares coas regras e denominacións da vila, destoutro que toca e compón para contrabaixo desde México ata Tokio, a que gañou varios campionatos de España de remo, o que traballa no mesmo Helimer Galicia, a que vende peixe por whatsapp... digamos que vas facendo unha colección mental de xente ilustre", destaca César Pena.

"O obxectivo é facer que vexan as capacidades ocultas da vila e, se cadra, facéndose a eles e elas mesmas a pregunta de que é o que saben facer ben achen que tamén teñen cousas interesantes que achegarlle ao conxunto"

O obxectivo, sinala, "é que a xente de Mugardos descubra o que se está a facer ao seu arredor. Darlles un toque de atención. Un 'Eh, que ese que tes ao lado fai isto! E aquela de alá fai estoutro!'. Facer que vexan as capacidades ocultas da vila e, se cadra, facéndose a eles e elas mesmas a pregunta de que é o que saben facer ben (iso que dicía Einstein de que todos somos bos nalgo) achen que tamén teñen cousas interesantes que achegarlle ao conxunto". A continuidade do proxecto de Mugardos 10 potencias vai depender da resposta da xente este sábado. En calquera caso, César Pena e Silvia Pérez elaboraron unha lista de até 32 veciños e veciñas con cousas que contar e con actividades que poden servir de exemplo para todos e todas, abondo para varias edicións deste evento.

César Pena subliña "o mérito" destas persoas, "a iniciativa que tiveron para dalgún xeito, romper inercias, facer fronte ás adversidades, investir anos das súas vidas en proxectos persoais sen ningunha aspiración de recoñecemento". Destaca, por exemplo, o caso de Juan Fernández, "un home moi coñecido na comarca polo seu paso por diferentes equipos de fútbol como adestrador, pero poucos imaxinarían que ten catalogadas tódalas fontes e lavadoiros da vila, e as historias e lendas que os rodean". Ou o de Rebeca Fontenla, "unha rapaza que, de primeiras, só sabiamos que facía repostería artística para familiares e amigos e que o facía moi ben. Dirixímonos a ela só sabendo iso, pero é que descubrimos que tiñamos diante unha licenciada en Belas Artes con moitísimo máis que contar do que nos pensabamos, tanto sobre o mundo da repostería como do patrimonio material e inmaterial mugardés. E así todos".

César Pena subliña "o mérito" destas persoas, "a iniciativa que tiveron para dalgún xeito, romper inercias, facer fronte ás adversidades, investir anos das súas vidas en proxectos persoais sen ningunha aspiración de recoñecemento"

Ou, por suposto, O Zulo, único colectivo participante nesta primeira edición de M10, "é o caso dunha asociación que pon a Mugardos no mapa continuamente con proxectos de cultura libre que son referencia no país, pero que no concello, entendemos nós, non goza do merecido recoñecemento", sinala César Pena.

"A iniciativa perfectamente podería facerse expansiva porque todos os concellos agochan xente cun mérito insuficientemente recoñecido. Estamos convencidos"

O illamento, o excesivo individualismo, a falta de coñecemento sobre o que un veciño ou veciña está a facer a poucos metros de nós, supón moitas veces un obstáculo para o nacemento de grandes proxectos colaborativos, de sinerxías. "Do simple feito de xuntar a toda esta xente e o público cremos que poden saír proxectos moi interesantes" -explica César Pena- "Da simple suma de Tomás G. Monteagudo (arquitecto moi sensibilizado coa rehabilitación do casco vello) con Miguel Rodríguez (un fotógrafo afecionado moi bo centrado nas fotos de paisaxes de longa exposición) podería saír un catálogo dun nivel altísimo e interesante para editoriais ou a nivel de promoción turística da vila e a comarca. E como esa tantas outras sumas".

Mugardos, como calquera outra vila galega, ten potencias desproveitadas. "Iso é o que queremos desvelar a nivel local con este Mugardos: 10 potencias", conclúe: "Como aquí, en calquera localidade do país. A iniciativa perfectamente podería facerse expansiva porque todos os concellos agochan xente cun mérito insuficientemente recoñecido. Estamos convencidos".

César Pena e Silvia Pérez, presentando o proxecto en Radio Fene © Radiofusion.eu
Os dez relatorios que conforman 'Mugardos 10 potencias' Dominio Público M10

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.