Mulleres, labregas e "decididas a loitar"

Participantes nunha mobilización do SLG CC-BY-SA SLG

Levan lustros, décadas traballando para sacar adiante as súas explotacións, soas ou en compaña, exercendo de labregas, gandeiras, administradoras, nais... E agora escoitan como os gobernos "falan, día si e día tamén, de débeda pública, prima de risco, recortes, políticas de axuste, rescates e adelgazamento da administración". Pero "por tras destas palabras" as mulleres do Sindicato Labrego Galego, reunidas esta fin de semana en Teo, non ven máis ca "políticas activas para traspasar o diñeiro públcio aos grandes grupos de poder que constitúen o capital financeiro". "Co pretexto de saír da crise" ven como os seus postos de traballo se "precarizan" de maneira "tremenda" mentres os prezos dos seus produtos non deixan de baixar. Pero elas están "decididas a loitar".

Así o manifestaron durante o encontro anual de mulleres celebrado no concello teense e, este domingo, nunha concentración simbólica ante o Parlamento de Galicia. As traballadoras do agro observan cada vez máis próximas situacións que crían afastadas, algunhas "nos anos 70", como a "obriga" de "decidir", en máis dunha ocasión, "se pagamos a Seguridade Social" ou "estudamos as fillas e os fillos" ou "facemos fronte a outras prioridades". A precariedade económica fai, ademais, que "planee" sobre elas "a pantasma da expulsión das labregas da Seguridade Social, co que conleva de perda de dereitos". Isto, explican, acontecen mentres "as nosas explotacións están ao bordo do abismo", cun "aumento da presión e da carga de traballo sobre as mulleres que nos enferma, até o punto de ver incrementada dunha maneira importante" o número de "enfermidades como a ansiedade ou as depresións".

"O aumento da presión e da carga de traballo sobre as mulleres enférmanos, até o punto de ver incrementadas enfermidades como a ansiedade ou as depresións"

E os problemas non son só delas. "Constatamos horrorizadas como as nosas fillas e fillos" volven estar "obrigados a coller o camiño da emigración" mentres, en Galicia, a sanidade ou a educación sofren o seu particular "desmantelamento". No caso sanitario a "perda do carácter universal da sanidade, o repagamento" ten "especial incidencia nas labregas e na poboación do medio rural", advirten, máis aínda tendo en conta a elevada idade media da poboación e que "no medio rural as pensión son das máis baixas". "O horizonte que se nos presenta fainos lembrar a beneficencia e a pobreza dos anos duros do franquismo.

Pero neste contexto advirten que non van ficar paradas. "Estamos firmemente decididas a non consentir que a fenda entre ricos e pobres siga aumentando", explicaron nunha concentración encabezada pola secretaria xeral do sindicato, Isabel Vilalba, e pola súa substituta á fronte da Secretaría das Mulleres, María Ferreiro, gandeira procedente de Teixeiro. Para isto as súas reivindicacións son sectoriais pero tamén se estenden a ámbitos que transcenden o agropecuario. Reclaman, por exemplo, "prezos dignos que remuneren o noso traballo" e a "aplicación, xa, da Lei de Titularidade Compartida", pero tamén "o mantemento da actual lei do aborto" e a "declaración da débeda pública como ilexítima, porque para salvagardar os intereses do capital especulativo atenta contra os do benestar dos pobos". "Esiximos que se suprima da Constitución a prioridade de pagar a débeda; nós non debemos nóns non pagamos", resumen.

Do mesmo xeito, explican, a súa "loita" centrarase tamén na oposición ao "abandono das políticas públicas" e "contra a privatización dos servizos públicos e dos recursos naturais, como a auga e as sementes". Todas estas reivindicacións desenvolveranas en solitario pero tamén conxuntamente con outras organizacións, a comezar pola folga xeral do 14 de novembro, que as mulleres do SLG "apoian" e por iso "participaremos nas mobilizacións convocadas na Galiza para ese día", anuncian. "Globalicemos a loita e a esperanza!", proclaman, a xeito de conclusión.

María Ferreiro, á dereita CC-BY-SA SLG
Concentración ante o Parlamento CC-BY-SA SLG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.