Os máis veteranos calculaban, nada máis chegar, que se dispuñan a participar na manifestación máis multitudinaria na defensa do sector leiteiro galego dos últimos dez anos. A fin das cotas lácteas ditaminada polas autoridades da Unión Europea e as presións da industria e mais da distribución provoca que unha das verbas máis repetidas o mediodía deste venres na explanada compostelá de Salgueiriños fose "desesperación". Familias enteiras, case un cento de alcaldes e alcaldesas e líderes das principais formacións políticas agás o PP marcharon ao carón para darlle forma a un multitudinario berro pola dignidade do sector leiteiro.
"Xa está ben de tanto roubar o noso leite haino que pagar", repetían moitas das persoas que marcharon polas rúas da capital baixo unha estrita vixilancia policial na que os chalesques antibalas contrastaban coa imaxe de nenas e nenos collidos das mans dos seus pais ou amosando globos con lemas a prol dunhas condicións xustas para o leite do país. Á fronte da enorme comitiva os representantes das centrais sindicais agrarias explicaban os motivos polos que se botan á rúa: "O gandeiro que cobra 20 céntimos non pode agardar a setembro, á próxima reunión da Unión Europea, como propón a ministra", explica Roberto García, de Unións Agrarias.
A esixencia xenérica de dignidade e prezos xustos concrétase nunha máis concreta. "Dado que a conselleira non se sente capaz de sentar na mesma mesa" a industria, produción e distribución "que sexa o presidente da Xunta quen lidere a solución", piden. Sobre a mesa, destacan, está o futuro de "máis de 10.000 familias e 50.000 empregos" no rural galego. Se as solucións non chegan e o limiar dos prezos mínimos non sobe "veríamonos obrigados non só a continuar as mobilizacións", senón a darlles "outra volta", advirte García. Sobre a mesa están xa posibilidades como a folga de entregas ou a tractorada masiva.
"Dado que a conselleira non se sente capaz, que sexa o presidente da Xunta quen lidere a solución"
As gandeiras e gandeiros amosaron durante os últimos meses "responsabilidade ilimitada", mesmo renunciando a convocar mobilizacións "durante a campaña electoral. Pero agora, dadas as circunstancias, "estamos dispostos a poñer todo o peso político que faga falta para esixir unha solución política". "O sector -conclúen- ten futuro e non podemos permitir que a inacción da Administración e o ataque da industria e da distribución peche as explotacións en Galicia.
Remate da marcha, na Praza da Quintana / Gz Contrainfo
Apoio dos concellos
"Isto supón secar, matar ou vender vacas nun mercado saturado, é unha hecatombe moito máis seria do que se pensa"
Tras a faixa dos sindicatos agrarios alcaldes e alcaldesas de diversas cores políticas, tamén do PP, expresaban o sentimento dos concellos gandeiros do país. Poñéndolles voz o rexedor de Boimorto, Xosé Luís Rivas, Mini (BNG), relataba ante a prensa a "xente descorazonada" coa que se está a atopar nas últimas semanas por mor da situación do sector. "Saben que se aproveitan deles, están desesperados e non entenden o que está pasando". O único que teñen claro é que "están diminuíndo a produción nun 30 % ou 40%", pasando de 2.000 a 500 ou 600 litros de leite. "E isto supón secar, matar ou vender vacas nun mercado saturado", unha "hecatombe moito máis seria do que se pensa". "Hoxe é o principio", advirte Mini, porque "se é o final, estamos mortos".
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, o portavoz nacional do Bloque, Xavier Vence, os deputados de AGE Antón Sánchez (Anova) e Xabier Ron (EU), o secretario xeral de Compromiso por Galicia, Xoán Bascuas, a eurodeputada Lidia Senra ou a voceira do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, foron outros dos dirixentes políticos que se uniron á multitudinaria manifestación ata a Praza da Quintana, onde o xornalista Xabier Fortes leu o manifesto final no nome das persoas que ateigaban o lugar.