Mutilada pola policía e humillada por Citroën

Cartel da planta de Citroën de Vigo Dominio Público Praza Pública

"Síntoo moito". "Máis o sinto eu". Este foi o breve intercambio de palabras entre o director xeral dos Mossos d'Esquadra, Manel Prat, e Ester Quintana, ferida presuntamente por unha pelota de goma da policía catalá durante a folga xeral de novembro de 2012. Foi este mércores a primeira vez que ambos os dous coincidían desde que a muller sufrira unha lesión que provocou unha masiva reacción solidaria en Cataluña e o Estado. A impactante imaxe do seu rostro sen un ollo tras o incidente deu a volta ao mundo. A mesma imaxe que a semana pasada tornou en actualidade e polémica ao descubrirse que fora empregada pola planta de Citroën en Vigo para unha campaña interna contra os riscos laborais. Agora, a factoría galega enfróntase a unha posible denuncia por uso indebido e sen autorización da fotografía, así como de vulneración do dereito ao honor.

A planta viguesa de Citroën usou a imaxe do rostro mutilado de Quintana para advertir da necesidade de previr os accidentes laborais

O cartel empregaba unha foto de Ester Quintana co seu ollo esquerdo mutilado co obxectivo de concienciar os traballadores da planta da necesidade de previr os accidentes laborais. "Los ojos son una de las partes más delicadas del cuerpo humano", pódese ler no deseño, que engade unha recomendación aos operarios: "Tú eres consciente. Identifica los riesgos y evítalos con comportamientos seguros". Foi retirado tras o requirimento das avogadas da afectada e en canto á polémica saltou ás redes sociais e diversos colectivos concienciados co caso desta muller e en loita contra uso de bólas de goma por parte da policía difundiron o caso.

A planta de Citroën de Vigo emitiu un comunicado -sen citar a Ester Quintana- no que aclaraba que o cartel formaba parte dunha campaña dirixida aos traballadores do centro de produción "co obxectivo de conciencialos sobre as consecuencias dos accidentes para promover actitudes que eviten os riscos" e "realizada exclusivamente no interior das súas instalacións", aínda que testemuñas aseguraban telo visto nalgún concesionario. PSA Peugeot Citroën lamentou "o malestar que puidese provocar" e confirmou "que os carteis foran retirados das instalacións".

Citroën alegou "que non se decataron de quen era a protagonista da foto ata a metade da campaña" de prevención

Jesús Sahún, voceiro da plataforma OjocontuOjo de amigos de Ester Quintana, e que exerce como portavoz da afectada, sabe que "a campaña existiu e que se realizou sen permiso" e aclara que o director de comunicación de Citroën contactou con el para pedirlle desculpas e que lle recoñeceu que foi "a metade da campaña cando se decataron de quen era a protagonista da fotografía". "Estou convencido de que os carteis xa non están colgados, pero non sei se foron retirados cando se deron conta de quen os ilustraba ou cando se denunciou o tema", insiste. Quintana, como lembra este colectivo a Praza, enterouse enseguida da campaña e "xusto cando acudía a unha sesión do psicólogo porque, evidentemente, a súa situación non é fácil".

O voceiro da plataforma aclara que o caso está en mans das avogadas de Ester Quintana, que xa advertiron da posibilidade de emprender accións legais contra a planta viguesa de Citroën. Amosaron a súa indignación ante o feito de que se empregase a imaxe sen pedir permiso nin comunicar a iniciativa e advertiron do dano que esta campaña provocou a afectada ao dar o cartel a impresión de que perdeu o ollo por unha imprudencia e non por ser vítima dunha agresión.

As avogadas de Quintana estudan denunciar a factoría por uso indebido da imaxe e vulneración do dereito ao honor

A asistencia, este mesmo mércores, das avogadas e da propia Ester Quintana á comisión dos modelos de orde público e sobre as pelotas de goma no Parlament de Cataluña demorou a decisión sobre o caso do cartel de Citroën, empresa que podería agora enfrontarse a unha denuncia por uso indebido e sen autorización da imaxe e por vulneración do dereito ao honor. Nas redes sociais difundiuse unha campaña de boicot á marca francesa de automóbiles.

Cartel da planta de Citroën de Vigo Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.