"Na Costa da Morte, tan marcada pola emigración, nunca se fixo unha reflexión colectiva sobre ela"

Castelo de Vimianzo © Turgalicia

Vimianzo acollerá a vindeira semana (do 4 ao 6 de outubro) o congreso internacional "Emigración e inmigración por razóns laborais no rural da Unión Europea", en colaboración co Equipo de Socioloxía das Migracións Internacionais da Universidade da Coruña (ESOMI).

"Cando aquí hai un bar que se chama Zurich, outro que se chama Hilton, outro que se chama Frankfurt, outro Montevideo..., ves que o tema está moi metido na sociedade. Todas as casas teñen algún familiar emigrado, é moi común"

O congreso enmárcase no proxecto europeo ERN4mob, impulsado polo propio Concello de Vimianzo no que participan localidades de Portugal, Italia, Polonia, Reino Unido e Eslovaquia, que a través del poñen en común as súas experiencias relacionadas coas migracións, buscando sensibilizar sobre os seus valores e necesidades comúns, así como promover o empoderamento das súas diferenzas sociais e multiculturais. O encontro da vindeira semana servirá para expor os resultados do proxecto e as experiencias desenvolvidas por cada concello, pero tamén se quixo aproveitar para facer un congreso científico e afondar da temática das migracións.

"Xa viña sendo hora de que na Costa da Morte un evento reflexionase sobre a emigración. Cando aquí hai un bar que se chama Zurich, outro que se chama Hilton, outro que se chama Frankfurt, outro Montevideo..., ves que o tema está moi metido na sociedade. Todas as casas teñen algún familiar emigrado, é moi común. Nunha comarca tan marcada por este fenómeno nunca se fixo unha reflexión colectiva sobre o tema", destaca Manuel Antelo, alcalde de Vimianzo.

No congreso haberá un panel de experiencias no que varios veciños e veciñas da Costa da Morte ofrecerán o seu relato sobre a emigración que eles ou elas mesmas realizaron, ou a súa familia

En certa maneira chama a atención que un congreso internacional se celebre nunha pequena localidade, pois o habitual é que aínda que os encontros científicos traten temas vencellados coas zonas rurais, estes se organicen en cidades. É unha das singularidades deste congreso, que ademais tentará compensar a falta de estudo ou reflexión, como lembraba Antelo, sobre os procesos migratorios actuais na zona rural. "Hai un gran traballo a nivel histórico, pero falta investigación e reflexión sobre os procesos migratorios actuais", destaca a investigadora Laura Oso (ESOMI), organizadora do congreso, que explica que o encontro busca tamén "poñer en contacto os diferentes actores sociais" implicados nesta cuestión, dende as administacións á propia universidade, pasando polas entidades sociais do terceiro sector (participarán, por exemplo, Acnur, Cruz Vermella ou a Plataforma de Emigrantes Retornados).

No congreso haberá un panel de experiencias no que varios veciños e veciñas da Costa da Morte ofrecerán o seu relato sobre a emigración que eles ou elas mesmas realizaron, ou a súa familia. De igual xeito, Montserrat Golías (ESOMI) impartirá a conferencia "Galicia coa maleta na man. Historia das emigracións". Así mesmo, unha decena de comunicacións afondarán en distintos aspectos relacionados coa emigración ou a inmigración, centradas en boa medida no caso galego. Destacan, por exemplo, "A emigración feminina cara a Suíza dende a Terra de Soneira: Unha aproximación comarcal á emigración laboral no rural galego" (Carmen Marina Vidal Valiña) e "Maletas de ida y vuelta. Análisis cualitativo de los flujos migratorios entre A Coruña y Suiza" (Pablo Porto Nogareda).

"Hai unhas décadas foron moitos os pescadores galegos que marcharon a Perú, moitos da Costa da Morte. E agora están chegando a Galicia moitos peruanos, precisamente desas mesmas rexións ás que foran os galegos a pescar"

Ou tamén outra ("Marineros gallegos en el Perú", de José Antonio Valverde Elera), sobre as migracións que historicamente se produciron entre Galicia e Perú, en ambas as dúas direccións. Laura Oso salienta neste senso que as migracións en Galicia danse habitualmente “nun contexto de ida e volta, con moita circularidade”. “Aquí a inmigración está moi asociada á característica de Galicia como terra de emigración, por iso esa idea de viaxes de ida e volta. Moitas veces os inmigrantes que chegan son fillos ou netos de emigrantes anteriores, ou teceuse unha rede de contactos que fan que flúan os movementos migratorios dun lugar a outro”, explica. "Hai unhas décadas foron moitos os pescadores galegos que marcharon a Perú, moitos da Costa da Morte. E agora están chegando a Galicia moitos peruanos, precisamente desas mesmas rexións ás que foran os galegos a pescar. Construíronse unhas pontes entre uns lugares e outros, a través das relacións sociais", engade.

 

Castelo de Vimianzo © Turgalicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.