"Na primeira Transición Galicia estaba ausente. E hoxe si que somos protagonistas"

Unha sesión do Foro Social Galego, en 2008 © Foro Social Galego

A pasada semana Xoán Hermida presentou na USC a súa tese de doutoramento, Movementos Sociais e Altermundismo en Galicia. De Nunca Máis a AGE (2002-2012), que recibiu a máxima cualificación. O traballo fai un percorrido pola conformación e crecemento do movemento social galego actual, dende Nunca Máis e a forza insuflada polo altermundismo e os foros sociais, ata o nacemento do 15M -"punto de arranque simbólico dun novo tempo político"- e a construción de novas estruturas políticas, como AGE e, posteriormente (aínda que a tese só as analiza nas súas conclusións) as mareas.

Hermida destaca que, tras un proceso de desafección cos contedores partidarios previos, o xurdimento de AGE foi "a primeira concreción de novos interfaces políticos construídos en boa medida pola incidencia dos novos movementos sociais", abrindo "un período de (re)construción dunha nova esquerda cívica, democrática e nacional”. O traballo achega, polo tanto, unha análise das bases ideolóxicas e sociais dun novo espazo político en Galicia, que permite entender o crecemento electoral experimentado por En Marea este domingo.

A tese, dirixida polos profesores Nieves Lagares e Ramón Máiz, inclúe máis dun cento de enquisas a activistas sociais, ademais de entrevistas persoais e grupos de enfoque. Contribúe a encher o baleiro existente no referente ao estudo teórico sobre os movementos sociais en Galicia e axuda a entendermos mellor a evolución política dos últimos anos.  

"Hai un primeiro episodio de desafección, un segundo de construción dese movementismo en Galicia e de traballo en rede, e que despois vai acabar por xerar concrecións no campo político"

A tese traza un relato sobre a construción, na última década, dun novo espazo político en Galicia, con raíces diversas e formulacións políticas cambiantes, pero no que o activismo social xoga un papel fundamental. Como foi este proceso?

Cando empecei a elaborar a tese, a finais do 2011 -cando aínda non chegara nin AGE, nin Podemos nin as Mareas-, xa se podían identificar moitos dos procesos que despois tiveron lugar. Moitas veces a ollada dos activistas ou dos xornalistas, que analizan o día a día, non é tan ampla. Quería analizar un proceso extenso, de cambio, que iniciamos con Nunca Máis, e que ten un primeiro episodio de desafección, un segundo de construción dese movementismo en Galicia e de traballo en rede, e que despois vai acabar por xerar concrecións no campo político. Hai todo un proceso de mobilización no que se demostra que os movementos sociais maduran ao longo de toda a década e adquiren independencia. Nesa maduración chégase ao convencemento da necesidade de contar con novos interfaces. Se observamos o que está a pasar no presente, vemos que seguimos aínda nun proceso, estamos aínda nun momento de tránsito.

"Se observamos o que está a pasar no presente, vemos que seguimos aínda nun proceso, estamos aínda nun momento de tránsito"

A construción deste novo tempo político non é só un problema metodolóxico ou de desafección con algúns mecanismos que tiñan os partidos clásicos, senón que había un cambio de paradigma. Este cambio de paradigma viuse en AGE, que foi transgresor por moitos motivos, comezando por propor a unidade do nacionalismo e do non nacionalismo, rompendo coa norma dominante na esquerda galegas. Posteriormente, Podemos introduce tamén unha cuestión ontolóxica, onde AGE non se atrevera a chegar; pregúntase quen é o suxeito de cambio e fai unha apelación a un novo suxeito social, que é a cidadanía -os de abaixo (en oposición aos de arriba)-, máis ampla que a clase obreira ou o nacionalismo, e desbotando os identitarismos previos. E as Mareas sitúan un terceiro elemento: sinalan que hai tamén un problema metodolóxico, que ten que ver coa radicalidade democrática e as novas formas de facer política.

"O altermundismo foi un cobertor cultural para que unha parte das vellas elites -podemos personificalas en Beiras- e os líderes dunha parte dos novos movementos emerxentes confluísen"

Na tese analizas polo miúdo o desenvolvemento do Foro Social Galego (2008). Que papel xoga no proceso? 

O Foro Social Galego foi un evento que hai que entender na dinámica do altermundismo deses anos. O altermundismo foi un cobertor cultural para que unha parte das vellas elites -podemos personificalas en Beiras- e os líderes dunha parte dos novos movementos emerxentes confluísen. Agora, mirando cara a atrás, vemos como un bo número dos líderes, deputados e deputadas de AGE e as Mareas, e unha boa parte dos candidatos de En Marea, participaron activamente nese movemento. En concreto, 21 dos 59 membros do Consello do Foro Social Galego son hoxe dirixentes da esquerda política rupturista. Hai unha importancia cuantitativa, pero tamén cualitativa. Non é que o altermundismo fose unha expresión hexemónica dentro da esquerda en Galicia, pero si que serviu para que se producise este tránsito. De novo, podemos personificalo en Beiras, que foi membro durante anos do Consello Permanente do Foro Social Mundial, empapouse dese movemento e da cultura altermundista e foi o catalizador desa primeira estrutura política que despois se creou. Neste senso, creo que o altermundismo foi clave para conformar unha nova cultura política, distinta ao nacionalismo tradicional e á esquerda tradicional en Galicia.

"A altermundismo foi clave para conformar unha nova cultura política, distinta ao nacionalismo tradicional e á esquerda tradicional en Galicia"

Que efectos ten sobre os movementos sociais a chegada ao goberno da Xunta de PSdeG e BNG e a posterior caída do Bipartito?

Hai que entender, primeiro, que cando se forma o Bipartito, un dos partidos que o formaban, o BNG, xa non chegaba no seu mellor momento. E isto era debido en parte á desafección que se produciu despois de Nunca Máis. E xa antes de Nunca Máis producírase esta desafección co estudantado que protagonizou as protestas contra a LOU. Digamos que ese corsé partidario xa lles quedaba pequeno. Despois, a propia xestión do Bipartito nalgúns aspectos e sobre todo a relación que estableceron os partidos do goberno coas súas bases sociais fixo que esta desafección aumentase. Tentaron reproducir a mesma relación subordinada que era habitual nas décadas anteriores, pero iso xa non era posible, a sociedade cambiara. Neste senso a mobilización de Galiza Non Se Vende foi moi importante, non porque fose un movemento de masas, senón porque conectou certos sectores que constituían a base social do nacionalismo con novos líderes sociais emerxentes.

"O 15M é o símbolo do inicio dunha nova etapa, marca un antes e un despois. A crise económica global ten moito máis impacto en España e Galicia porque ademais coincide co esgotamento do modelo político saído da Transición"

E, despois, chega o 15M...

O 15M son moitas cousas á vez, e é ante todo o símbolo do inicio dunha nova etapa, é o que marca un antes e un despois. A crise económica global ten moito máis impacto en España e Galicia porque ademais coincide co esgotamento do modelo político saído da Transición, que ten moitos sinais: corrupción, desgaste de líderes e partidos, crise do modelo territorial, moitos problema que o sistema é incapaz de resolver. E en Galicia coincide tamén coa crise do modelo da estrutura de partidos forxada durante o fraguismo. Aí está o grande acerto de Podemos: non é que non haxa xa esquerda e dereita, claro que as hai, pero o problema catalizador central é unha cuestión democrática: o que se pon enriba da mesa é "imos a un movemento de ruptura democrática" cara a un novo modelo.

Os partidos que tradicionalmente representaban a esquerda social, nomeadamente o BNG en Galicia ou Izquierda Unida noutros territorios do Estado, sufriron unha importante crise que coincidiu co crecemento dos novos movementos sociais. Eran un tapón para o seu desenvolvemento?

O BNG, como Izquierda Unida noutros lugares de España, teñen unha virtude que tamén pode ser un problema, que é que posúen un círculo militante moi fiel, pero cada vez é menor e ademais é moi endogámico. Esta masa militante pode darlles o mínimo necesario para obter representación, pero tamén pode ser un impedimento para avanzar. O problema é que o BNG (ou IU) non fixeron ese tránsito de paradigma, que si levaron a cabo líderes como Xosé Manuel Beiras, Lidia Senra ou Yolanda Díaz. Non hai nada máis marxista que isto: analizar a realidade e se ves que a realidade mudou, adaptar os teus principios a esa nova realidade. O malo é cando estes partidos da vella esquerda (sen ánimo pexorativo) realizan certos cambios pero non por convencemento, senón simplemente por un movemento táctico, ao ver que o seu espazo político está quedando afogado.

"AGE era unha coalición electoral, que respondeu a esa necesidade e a esa emerxencia social, pero nunca se quixo construír como instrumento da nova esquerda galega. Por iso caducou tan rápido"

En 2012 constitúese AGE, unha aposta política que sae ben, e que despois foi continuada por outras fórmulas distintas. O que caracteriza este tempo é a experimentación? Importa menos a forma ou a denominación concreta que adopten as estruturas politico-electorais?

AGE saíu ben electoralmente, como dis, pero saíu mal politicamente. Demóstrase que AGE é un instrumento de paso, que se esgotou moi rapidamente. Acertou en ver que a política xa non se podía seguir construíndo sobre o eixo nacionalismo-non nacionalismo nin sobre os patróns da esquerda tradicional, senón que hai uns colectivos sociais agredidos, unha maioría social agredida por unha series de políticas á que hai que representar. Pero non é quen de resolver outros problemas, seguramente porque AGE estaba formada tanto por vellos partidos coma por persoas procedentes dos novos movementos. Nas europeas do 2014, dous anos despois do nacemento de AGE, Podemos xa case a iguala en votos en Galicia. En realidade, AGE nunca se quixo construír, AGE era unha coalición electoral, que respondeu a esa necesidade e a esa emerxencia social, pero nunca se quixo construír como instrumento da nova esquerda galega. Por iso caducou tan rápido.

"En Marea ten unha boa parte do que era AGE, pero creo que xa se produciu un desborde e xa non é o mesmo modelo. Segue a experimentación, en todo caso, cara á construción dun novo interfaz político"

En Marea ten unha boa parte do que era AGE, pero creo que xa se produciu un desborde e xa non é o mesmo modelo. Segue a experimentación, en todo caso, cara á construción dun novo interfaz político. Dende o Nunca Máis ata o 15M hai unha desafección, un proceso no que a xente dos movementos sociais se afasta dos partidos, e fortalece ese espazo dos movementos. E despois do 15M comeza unha reincorporación. Chégase á conclusión de que é necesario construír novas ferramentas. Isto ten o perigo de que esta incorporación á política partidaria e institucional deixe debilitados os movementos. E iso provocaría que tivésemos un interfaz de cambio, pero non un músculo que acompañe a ese cambio.

Como se debe construír o futuro desa estrutura política?

O futuro vén determinado por dous eixos. Por unha banda, temos que ver se somos capaces de avanzar cara a un novo paradigma, diferente ao anterior, diferente do capitalismo fordista e dos modelos que dominaron o capitalismo das últimas décadas do século XX. Estamos nunha sociedade que culturalmente, economicamente, socialmente e comunicativamente non ten nada que ver co anterior e por iso necesitamos un novo paradigma. A outra coordenada é democrática e participativa: debemos construír os instrumentos de calidade democrática, de inclusión, de cooperación entre iguais. A articulación destas dúas coordenadas é o que vai determinar se os modelos se asentan. Hai que ter en conta outras cousas: primeiro, que a hexemonía corresponde aínda á dereita, a esquerda non está avanzando, e por exemplo en América Latina está sufrindo un retroceso. Ademais, cómpre ter en conta que moitas veces, nestas experimentacións que se están dando, certas formas de facer política teñen moi pouco de nova política. Imos vivir esta transición durante anos, e pode que as estruturas políticas e as fórmulas muden de elección en elección.

"Mentres o proceso siga avanzando, non vai fracasar, vai seguir acumulando forzas. Fracasaría se nalgún momento tivese a tentación de querer ollar cara atrás e quixese recuperar parte do vello discurso"

Mentres o proceso siga avanzando, non vai fracasar, vai seguir acumulando forzas. Fracasaría se nalgún momento tivese a tentación de querer ollar cara atrás e quixese recuperar parte do vello discurso. Para as autonómicas de 2016 sería un erro querer sumar fóra da renovación. Sumar sempre multiplica, mentres se sume tendo en conta a nova realidade política. Se sumas lastre, ou ao sumar retrocedes na interpretación da sociedade real, o que fas é restar.

"A esquerda galega está na vangarda do debate político, por primeira vez na historia"

Fronte ás voces que afirman que Galicia fica relegada ou desparecida, podemos dicir que no actual contexto político Galicia está máis presente e é máis protagonista do que o foi nunca?

En primeiro lugar, Galicia é unha abstracción. Pero Galicia entendida como concepto popular -o pobo galego, as clases populares galegas, a sociedade civil galega- está máis viva ca nunca, ten máis niveis de representación ca nunca. Non é só que vaia ter un grupo parlamentario no Congreso que nunca tivo e que aí están as tres alcaldías das mareas nas cidades. Pero hai algo máis importante: Eu sempre admirei o catalanismo cívico, e o catalanismo cívico chegou a ter a forza que tivo por ser pioneira cara a fóra en moitas cousas, como está sendo agora Galicia. A esquerda galega está na vangarda do debate político, por primeira vez na historia. Na primeira Transición, os núcleos dinámicos da esquerda estaban en Madrid e nas grandes periferias, como Barcelona, Euskadi ou Valencia. Galicia estaba ausente. E hoxe si que somos protagonistas.

"A maior parte dos grandes movementos sociais en Galicia son entidades novas e ademais son de ámbito galego en máis dun 70%, nin locais nin estatais. E son eses movementos os que están impulsando este cambio político"

Estase demostrando que o importante non era tanto agregar como renovar: renovar o discurso, renovar as mensaxes, renovar o paradigma. Podemos fai posible unha cousa que nunca conseguiu a esquerda tradicional, que é ser hexemónico electoralmente, cando menos abrir esa posibilidade de romper a hexemonía do bipartidismo, permitir imaxinar que iso é posible. Galicia está a nivel nacional no seu mellor momento. Outra cousa é que queiramos identificar nacional con nacionalismo, ou que identifiquemos nacional cun partido determinado.

Eu non son nacionalista, pero se o fose estaría moi orgulloso de que Galicia estivese en primeira fila desta nova Transición, e da man de novos espazos políticos. A maior parte dos grandes movementos sociais en Galicia, que analizo na tese, son entidades novas e ademais son de ámbito galego en máis dun 70%, nin locais nin estatais. E son eses movementos os que están impulsando este cambio político. 

Xoán Hermida, con Nieves Lagares e Ramón Máiz directores da tese Dominio Público Praza Pública
Imaxe dunha mobilización do 15M en Vigo CC-BY-NC-ND Imagen en Acción
Unha sesión do Foro Social Galego, en 2008 © Foro Social Galego

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.