Na rúa contra a lei que achega o lume ás casas

Táboa reivindicativa da manifestación © ORGACCMM

Galicia vai contar antes do verán cunha nova Lei de Montes. Concretamente, coa primeira Lei de Montes da súa historia. Era unha reivindicación histórica de todos os axentes implicados, o bipartito quedou ás portas de culminala e o actual Goberno vaino facer. O que podería ser a fin satisfactoria para o camiño emprendido hai lustros polo ámbito agrario e forestal e polos colectivos ecoloxistas é dende hai meses unha sucesión de reivindicacións contra nova norma, que na recta final do seu trámite parlamentario ten enfronte á práctica totalidade do sector ao que lle afecta. Tras meses de explicacións e actos reivindicativos este sábado o rexeitamento facíase aínda máis tanxible nas rúas de Santiago, a través da manifestación convocada pola Organización Galega de Comunidades de Montes e apoiada pola Alianza por un Rural Galego Vivo, na que se integran a CIG, Adega e a Fruga.

Co PP como único valedor da totalidade deste texto legal -tanto PSdeG como BNG tamén esixiron a súa retirada no Parlamento- no sector preocupa especialmente a "perda de capacidade de xestión e de decisión" por parte das comunidades de montes, explica Charo Sánchez, do Sindicato Labrego Galego, en cuxa opinión a Administración autonómica ten "moitas ganas de botar para atrás" os veciños que teñen montes en común para aplicar unha visión "produtivista, ao servizo do capital" do xestor forestal. Nesta liña incide tamén un dos voceiros de Adega en materia de medio rural, Xabier Bruña, en cuxa opinión a lei "non só debera regular cuestións relacionadas cun único aproveitamento", o da madeira, senón todo o relacionado "coa ordenación do territorio e da base rural do noso país".

"A Xunta lexisla dende unha óptica continuísta, propia dos anos 40 do século pasado"

O monte, explica Bruña, é "multifuncional" en produtos e servizos pero o Goberno galego, lamenta, só lexisla dende unha óptica "continuísta, propia dos aos 40 do século pasado", centrándose "exlcusivamente no aproveitamento da madeira" e pasando por riba de aspectos que o colectivo ecoloxista ve esenciais, tales como "os servizos ambientais" ou o papel dos montes como "sumidoiros de dióxido de carbono", "reguladores de cuncas e das bacías eléctricas" ou "reserva da nosa paisaxe, da nosa biodiversidade e da nosa cultura". Se a Xunta tivese en conta todo isto, explica, debería equilibrar "a riqueza ambiental coa económica", tendo en conta ademais que a aposta polo sector madeireiro non se completa "pechando o ciclo, xerando valor engadido" en Galicia. "Cortamos aquí máis da metade da madeira do estado, pero as transformacións de valor engadido, os mobles, realízanse en Valencia ou en Castela".

Sen saír do aproveitamento do monte Charo Sánchez chama a atención sobre outro artigo da lei, o que regula os contratos de xestión pública e que, alerta, permite que a Administración poida ceder espazos a empresas de cultivo de agromasa. "Este artigo fai que a maioría de comunidades de montes, que non poderán saldar as débedas que teñen coa Administración, se vexan obrigadas a entrar nun contrato de xestión pública, que porán o monte e a veciñanza ao servizo dunha empresa privada”. Con esta opinión coincide tamén a Federación Ecoloxista Galega, convencida de que a Xunta completará a lei cunha orde que permitirá a plantación de até 100 hectáreas continuas de especies alóctonas, por exemplo eucaliptos, para queimar nas plantas de biomasa. A FEG denuncia que "nos últimos meses, a Xunta está a acelerar a máquina lexislativa coa modificación, estratexicamente estudada, de multitude de leis relacionadas cos montes, ao que hai que engadir esta orde para regular os cultivos enerxéticos".

O lume, de 100 a 50 metros das casas

A Xunta debe "ordenar o territorio" pero nesta lei "impera o deixar facer", di Xabier Bruña, de Adega

Pero a vertente produtiva da lei non foi a única contra a que se berrou na marcha de Compostela. Tamén estivo moi presente a reforma da Lei de Prevención e Defensa contra Incendios que deriva da nova normativa. En esencia, o Goberno galego reduce de 100 a 50 metros a faixa de protección en torno ás vivendas e instalacións semellantes, e de 50 a 30 o espazo arredor destas mesmas construcións que ten que estar libre de especies especialmente perigosas en caso de incendio, caso por exemplo de eucaliptos, piñeiros ou uces, entre outras. "É necesario ordenar o territorio, poñer cada cousa no seu sitio", di Xabier Bruña, e "nesta lei impera o deixar facer", tamén no que atinxe a unha redución das faixas de protección que xa foi criticada polo Consello Económico e Social no seu informe sobre a lei.

"Non ten sentido reducir as distancias de seguridade a menos que exista unha base técnica que o xustifique", evidencia. "Como non a hai, o CES é moi rotundo e di que se deben manter". Ademais, detalla, a lei que está a piques de entrar en vigor deixa vía libre a plantacións excesivamente extensas de especieis iguais, cando non deberan superar "as 25 ou 50 hectáreas contínuas". Serán "extensións enormes de monocultivos" que non só son perigosas porque favorecen a propagación das lapas, senón que tamén son propicias para o espallamento de plagas. "Despois -lamenta- a solución é fumigar" segundo a Xunta, "pero a solución é a diversificación". Sobre esta medida incidía tamén durante a manifestación a voceira parlamentaria do BNG, Ana Pontón, convencida de que a lei, cuxa retirada esixe, "claramente vai provocar desprotección" á veciñanza do medio rural. "O BNT ten claro que o monte galego é unha fonte de riqueza moi importante para o país, que ten potencialidae e capacidade para xerar emprego, pero para iso precisa duotra política forestal", sintetiza.

Fernández-Couto considera a protesta "estraña e contraditoria"

Estas e outras reflexións foron as que confluíron nunha mobilización sintetizada nunha táboa reivindicativa dirixida a Medio Rural. O departamento que dirixe Rosa Quintana, din, debe recuar e "recoñecer os montes veciñais como titularidade comunitaria", "non usurpar a xestión dos montes para entregarlla ás empresas privadas" e, ao tempo, "protexer os montes veciñais dos intereses especulativos". No mesmo sentido, o Goberno galego debe "impedir a privatización da loita contra os lumes forestais" e non modificar as distancias de seguridade, non "converter o monte galego nunha inmensa leira de cultivos enerxéticos" e permitir, en definitiva, que o patrimonio forestal galego sexa "multifuncional e sustentable".

Fronte a todas estas críticas o secretario xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto, aproveitaba a súa presenza na Feira da Sidra da Estrada para criticar a propia manifestación, por "estraña e contraditoria". A nova norma, asegura, xorde do "consenso" co sector e ademais, di, mantense a natureza "xurídica" dos montes veciñais sen ningún tipo de variación.

 

HABEŔA AMPLIACIÓN CON IMAXES DA MANIFESTACIÓN

 

 

Táboa reivindicativa da manifestación © ORGACCMM

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.