"Nas cirurxías oculares en España aplicáronse técnicas sen experiencia clínica"

Cartel da asociación © Asacir

Hai dúas semanas a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) condenou a Radio Televisión Española a pagar 154.477 euros por incluír "publicidade encuberta" da Clínica oftalmolóxica Baviera no programa La Mañana de La 1. A nova tivo unha gran significación por ser o infractor a televisión pública -que ademais optou hai anos por renunciar ás insercións publicitarias- pero ademais puxo de manifesto o poder e a forza que teñen as clínicas privadas que levan a cabo cirurxías oculares. Non hai cifras exactas, pero nos últimos anos centos de milleiros de persoas sometéronse a estas operacións en España, unhas intervencións que -segundo denuncian as entidades de afectados e afectadas- teñen máis efectos secundarios, secuelas e riscos que os que as empresas anuncian.

A Asociación Española de Afectados por Intervencións de Cirurxía Refractiva (ASACIR) leva anos traballando para concienciar sobre os perigos deste tipo de intervencións, asesorando ás vítimas, creando redes de apoio mutuo, loitando pola paralización destas cirurxías (ou cando menos pedindo unha maior regulación) e polo recoñecemento como vítimas dunha estafa xeneralizada. O seu presidente é o lucense Alejandro Vila, que fai fincapé ademais na publicidade enganosa e na escasa información ofrecida polas clínicas que as realizan.

Hai uns días os integrantes de Asacir mantiveron unha xuntanza con representantes do Ministerio de Sanidade e da Axencia Española do Medicamento para esixir "unha moratoria da cirurxía refractiva en calquera das súas técnicas debido á impredecibilidade a longo prazo e o dano ocasionado" en miles de pacientes por un tipo de cirurxías "que xamais están xustificadas medicamente". Tamén pediron "supervisión e controis máis exhaustivos, actuar contra a publicidade enganosa, crear un centro de datos para coñecer o número real de afectados e afectadas e mellorar a información dada ao cliente que, actualmente, resulta non só deficiente senón enganosa". Destacan que nos EE.UU. "o doutor Morris Waxler, que aprobou no seu día a técnica láser máis usada -Lasik- pide hoxe a súa paralización polo custe que está a ter na saúde e denuncia a manipulación dos estudos por parte da Industria". Falamos con Alejandro Vila.

Cando comezaron a practicarse estas técnicas en España?

A cirurxía refractiva leva realizándose en España dende os anos 80. Comezou a través dun barco ruso, instalado preto de Gibraltar, que practicaba este tipo de operacións, cunha técnica que case non tiña experiencia clínica, con resultados bastante desastrosos. O boom destas intervencións comeza a finais da década dos 90 e a inicios dos 2000, coas técnicas PRK e Lasik, que se seguen ofrecendo hoxe en día.

Tedes datos sobre cantas persoas se someteron a estas operacións nos últimos anos?

Non, non hai datos fiables. De feito, una das cousas que lle pedimos ao Ministerio foron datos exactos do número de operacións que se levan a cabo cada ano en España. Manexamos un dato de 2010 que falaba naquel momento dunhas 250 mil operacións ao ano, pero sabemos que esta cifra se reduciu dende entón. Á vista deses datos resulta que en España se realizan o triplo de operacións que nos países da nosa contorna.

Que riscos e problemas xeran estas operacións?

Hai cirurxías láser e hai lentes intraoculares e presentan problemas semellantes. Eles chámanlles 'efectos secundarios', pero en realidade son secuelas, algunhas moi graves. A curto prazo é moi frecuente o ollo seco, a mala visión nocturna e tamén a deformación corneal e a neuralxia corneal; as persoas que as sofren din que a dor é moi importante. Os estudos que temos falan dun 30% de persoas con halos, un 30% de persoas con ollo seco... O peor é que a evolución destes problemas é moi impredicible. As técnicas láser o que fan é queimar tecido corneal, reducilo, eliminando a cuarta para da córnea, e por iso hai un gran risco de provocar ectasias corneais. Nos Estados Unidos, por exemplo, hai 160 mil casos rexistrados desta doenza. En España puxéronse en práctica técnicas sobre as que aínda non existe experiencia clínica. A técnica Relex Smile comezou a aplicarse en España hai xa seis anos, mentres que nos Estados Unidos acaba de aprobarse.

"En España puxéronse en práctica técnicas sobre as que aínda non existe experiencia clínica. A técnica Relex Smile comezou a aplicarse en España hai xa seis anos, mentres que nos Estados Unidos acaba de aprobarse"

Noutros países a situación é comparable á española? Fálase máis deste tema? Hai máis controis?

Fálase máis, iso seguro. Controis, dependendo dos países. Hai un par de meses o Colexio de Oftalmólogos do Reino Unido lanzou unha recollida de ideas, polo que cando menos están en contacto con profesionais e pacientes. Alí a regulación tamén deixa moito que desexar, pero o tema estivo xa no Parlamento, e os medios públicos tratárono con detalle, o mesmo que en Francia. Aquí, en cambio, TVE dedícase a facer publicidade encuberta destas clínicas. En Irlanda chegouse á conclusión de que estes procedementos tiñan unha serie de riscos e aprobáronse unhas normas e un protocolo que afectaba ás propias operacións, á obriga de facilitar información sobre as súas características e efectos, e tamén para o control da publicidade. Aquí, en cambio, as veces que nos diriximos á Sociedade Española de Oftalmoloxía, case non recibimos resposta. Se cadra nisto ten que ver que o 78% dos membros da actual directiva da Sociedade Española de Oftalmoloxía ten implicación directa ou indirecta con centros nos que se aplica a cirurxía refractiva.

Cal foi a resposta dos representantes do Ministerio de Sanidade na xuntanza que tivestes a semana pasada?

Vimos bastante interese por parte do Ministerio, que se comprometeu a estudar o tema. En principio amosaron boa disposición en mellorar a información que se lles dá aos pacientes, en todo o que ten que ver co consentimento informado e na loita contra a publicidade enganosa.

"Utilizan frases directamente enganosas, como por exemplo 'xa nunca volverás necesitar gafas'. Aseguran éxitos do 100% cando unha parte importante dos pacientes volven sufrir a medio prazo de miopía e hipermetropía"

Que tipo de publicidade enganosa realizan estas clínicas?

Eles por exemplo sempre argumentan que é un tratamento non ambulatorio, é dicir, que non necesita hospitalización, pero iso non significa que non sexa unha técnica moi agresiva. Non deixa de ser unha incisión, ben cunha coitela, ben cun láser, na zona do corpo humano que ten máis nervios. Utilizan frases directamente enganosas, como por exemplo “xa nunca volverás necesitar gafas”. Din que non afecta a futuras cirurxías, o que é falso, porque as operacións con láser complican unha posible operación posterior de cataratas. Aseguran éxitos do 100% cando unha parte importante dos pacientes volven sufrir a medio prazo de miopía e hipermetropía e outras secuelas que non son corrixibles. Finalmente, o consentimento informado é totalmente enganoso, sobre todo á hora de falar da frecuencia destas secuelas; din que son moi pouco frecuentes, cando se producen no 20 ou no 30 por cento dos casos. Temos na asociación xente que foi operada de presbicia, que se está poñendo moi de moda agora, e que non sabía que lle quitaran o cristalino -que estaba san, porque a presbicia non é unha enfermidade, é unha disfunción- para poñer no seu lugar unha lente. Así de nula é a información que dan.

"As persoas que acoden a estas clínicas vense a si mesmas como pacientes, e á persoa que os atende como un médico, cando en realidade o que se está dando é unha relación comercial"

Con todo, a xente segue acudindo a estas clínicas...

As persoas que acoden a estas clínicas vense a si mesmas como pacientes, e á persoa que os atende como un médico, cando en realidade o que se está dando é unha relación comercial. Nos médicos confíase, non pensas que poida haber neles un conflito de intereses, a diferenza de se vas mercar un coche, onde seguramente podes desconfiar do vendedor.

Na asociación recibimos moita xente que recibiu presións por contar e denunciar o seu caso, por exemplo por describilo nun foro de Internet

Como reaccionan estas empresas ás críticas e denuncias de antigos pacientes ou de asociacións coma a vosa?

Na asociación recibimos moita xente que recibiu presións por contar e denunciar o seu caso, por exemplo por describilo nun foro de Internet. Moita xente chega con verdadeiro medo a que o seu nome figure nunha denuncia ou mesmo a asociarse. Sentimos que existe unha persecución aos afectados, que busca atrasar a caída deste negocio, que cremos que é inevitable, a medida que este tema sexa máis coñecido.

O representante da Clínica Baviera que participou no programa de TVE, dando lugar á multa © El Diario
Cartel da asociación © Asacir
A asociación alerta dos efectos a medio e longo prazo destas operacións © Asacir
A sequedade ocular é unha das secuelas máis habituais © Asacir
Alejandro Vila participou hai dúas semanas nunha xornada celebrada no Parlamento británico para tratar este tema © Asacir

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.