Navantia fracasa no intento de ilegalizar a folga na industria naval auxiliar de Ferrol

Mobilización do persoal das auxiliares do naval ferrolán en outubro de 2017 CC-BY-NC-SA CIG

Pau xudicial á empresa pública Navantia no seu intento de declarar ilegal a folga que, impulsada pola CIG, se desenvolveu durante 22 días de outubro de 2017 na industria auxiliar do naval de Ferrol. O Xulgado do Social número 2 de Ferrol vén de desestimar o procedemento emprendido pola compañía estatal contra a central sindical e mais contra o comité de folga, que desenvolveu o paro "ante o incumprimento das condicións sociolaborais" como xornadas e salarios en Navantia Fene e na demanda "dun acordo para a regulación das subcontratacións das empresas auxiliares que prestan os seus servizos" nos estaleiros ferroláns.

A xuízo do xulgado Navantia "pretendeu a declaración de ilegalidade" dunha folga "convocada e seguida por persoal que non é o seu", intento para o que "carece de acción". O paro, afirma a sentenza, "non se desenvolveu polos sus traballadores" e "non foi impugnada" polas empresas ás que si atinxía, as cales "non son máis que contratistas súas" e coas que "só mantén unha relación mercantil".

A empresa pública "pretendeu a declaración de ilegalidade" dunha folga "convocada e seguida por persoal que non é o seu", afirma a sentenza, que salienta que nas protestas ante os estaleiros non existiu "violencia"

A empresa pública argumentaba que "os efectos da folga repercutiron na súa produción" e que o persoal mobilizado "impedira ou dificultara a entrada aos seus estaleiros", de xeito que "en realidade, a folga se dirixía contra a propia Navantia. No entanto, a xuíza considera este razoamento como "rexeitable", porque "non hai constancia de que os fins buscados pola CIG fosen obrigar a Navantia" a negociar coas súas auxiliares e o feito de que existisen protestas "sen violencia" por parte de "piquetes de traballadores no acceso ás instalacións" non implica a "ilegalidade" dunha folga "regularmente convocada" nin lle dá a Navantia "unha lexitimación da que carece".

Paulo Carril, secretario xeral da CIG: "Queda demostrado que a demanda carecía de fundamentao legal e que o seu obxectivo era amedrentar o persoal"

A CIG recibiu con satisfacción a sentenza, xa que coida que "fica demostrado que a demanda carecía de fundamento legal" e "queda en evidencia que o verdadeiro obxectivo de Navantia non era conseguir a declaración de folga ilegal ou abusiva", senón "amedrentar, desactivar e coaccionar" o persoal. "Navantia deberí pedir perdón", di o secretario xeral do sindicato, Paulo Carril, tras o que ve como "un burdo intento de deslexitimar a CIG e criminalizar o dereito á folga", así como por "manipular os motivos que levaron á convocatoria" da propia mobilización laboral.

Neste sentido, o secretario nacional de Industria da central sindical soberanista, Xoán Xosé Bouzas, resalta que o ditame xudicial vén recoñecer a folga como "ferramenta fundamental que como clase traballadora temos para defender os nosos dereitos". "Navantia tomou a decisión de demandar como unha medida de forza para rematar co conflito nas auxiliares, coartar a liberdade sindical e amedrentar o persal para que deixase de secundar a folga".

Mobilización da CIG ante os xulgados de Ferrol durante o proceso xudicial CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.