Navarra garantirá a atención sanitaria ás persoas 'sen papeis'. E Galicia?

Un inmigrante é atendido nun centro sanitario © parainmigrantes.info

As persoas migrantes sen regularizar que acrediten un ano de residencia en Navarra terán garantido o seu acceso á atención sanitaria gratuíta a partir do 1 de setembro, data na que entrará entra en vigor o decreto polo que en toda España os sen papeis terán que pagar un seguro sanitario co sistema público para ter dereito á saúde. Outras comunidades autónomas, como Euskadi ou Asturias, tamén anunciaron que seguirán proporcionando esta atención, aínda que polo de agora non o puideron asegurar legalmente, polo que se atopan nunha disputa competencial co Goberno central, que resolverá o Tribunal Constitucional.

Porén, o Goberno Foral de Navarra atopou a maneira de facelo xa, mediante a actualización dun decreto de 1996 que establece as taxas de acceso ao réxime universal de saúde de Navarra, que se sitúan entre os 764 e os 2.675 euros anuais que, evidentemente, os cidadáns non teñen que pagar. As persoas que non teñan regularizada a súa situación tamén terán asegurado o abono desta taxa grazas a unha partida orzamentaria de 1,68 millóns de euros anuais aprobada polo Goberno navarro. 

CC.OO. valorou positivamente a medida, que entrará en vigor en outubro, porque "introduce elementos correctores al desvarío do Goberno de Rajoy", aínda que a cualificou de "insatisfactoria".

Unha campaña de Médicos do Mundo apoia a obxección de conciencia do persoal sanitario

Mentres, en Galicia comezará a aplicarse o 1 de setembro o decreto que deixa as persoas migrantes en situación irregular sen atención sanitaria gratuíta e que os obriga a pagar un mínimo de 700 euros anuais. A medida, que foi duramente criticada polo Foro Galego de Inmigración ou polo BNG, é o obxecto dunha campaña de Médicos do Mundo, que comezou esta semana, titulada Derecho a CurarA campaña apoia a obxección de conciencia do persoal sanitario, que a través da Sociedad Española de Medicina de Familia y Comunitaria (SEMFYC) xunta xa a milleiros de profesionais que se declararon contrarios á exclusión sanitaria e que aseguran que atenderán ás persoas que o necesiten, independentemente de que teñan un papel ou non.

A campaña da ONG busca, segundo os seus responsables, "suscitar un movemiento do mundo sanitario contra unha medida que choca contra a ética profesional". Ademais, a iniciativa tenta tamén "sensibilizar e mobilizar a cidadanía en apoio da profesión médica e a favor do dereito á saúde.

Manifestación do Foro Galego da Inmigración CC-BY-SA Foro Galego da Inmigración

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.