"Nesta manifestación xogámonos meter na axenda política o problema da sanidade de Vigo"

Publicidade do novo hospital de Vigo © Xunta

A Plataforma SOS Sanidade Pública chama a manifestarse este mércores "contra os recortes, os atrasos e a privatización do novo hospital de Vigo". A marcha, que tamén convocan a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área de Vigo e a Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Vigo, partirá ás oito da tarde da Praza de España (a dos cabalos) e rematará na Porta do Sol. Protéstase contra o proxecto de construción do novo hospital da cidade, moi necesitada de novas infraestruturas despois de que o Hospital Xeral ficase moi pequeno e de que o parche interesado do concerto con Povisa dese como resultado un custe moi elevado e longas listas de espera.

A pesar do brutal aumento do custo o proxecto do hospital sufriu importantes recortes para facelo máis atractivo como negocio aos adxudicatarios privados, polo que as camas pasaron de 1.460 a 900

O proxecto do novo hospital naceu co goberno PSdeG-BNG pero cando o PP accedeu á Xunta en 2009 substituíuno por outro que utiliza o modelo PFI (Iniciativa de Financiamento Privado). A pesar do brutal aumento do custo o proxecto do hospital sufriu importantes recortes para facelo máis atractivo como negocio aos adxudicatarios privados, polo que as camas pasaron de 1.460 a 900. A parte financeira do consorcio empresarial (Concessia Cartera, integrada por Ribera Salud, CAM e Bancaja), que financiará, construirá e xestionará o novo hospital de Vigo está en situación de quebra económica. Esta situación de insolvencia económica era coñecida pola Xunta no momento da adxudicación. Ademais, o informe técnico necesario para a adxudicación da obra elaborouno a consultora PwC (onde traballou De Guindos). O Sergas pagoulle por este traballo 220.000 euros.

Manuel Martín é voceiro da Plataforma SOS Sanidade Pública. Martín denuncia que "neste momento o hospital está parado, aínda que é evidente que o goberno está facendo esforzos importantes para maquillar a parálise das obras. Pero nestes momentos carecen do financiamento necesario. Os que terían que ter posto os cartos eran Bankia e a CAM e tiveron os problemas que todos coñecen". A conclusión é que "o proxecto do hospital sufriu un recorte tremendo tanto nas súas dimensións coma nos servizos. Desapareceron as unidades de agudos e tamén maxilofacial e a área de queimados. Desapareceu a área oncolóxica que ía ser referencia en toda Galicia. O proxecto redúcese nun 30% e o hospital resultante é dunha calidade ínfima. E ao final ademais todos os cartos os ten que poñer o Estado". Engade que "os poucos centros de saúde que se van construír tamén van ter un recorte do 30% na súa dimensión e equipamento. Se a iso lle sumas o copago dos medicamentos pago polo transporte non urxente en ambulancia máis os recortes na carteira de servizos a sanidade en Vigo está nunha situación critica".

"Xogámonos que os partidos se posicionen. Xogámonos ter un hospital pequeno e custosisimo ou que teñamos un novo hospital que haberá que renegociar"

SOS Sanidade Pública considera que nesta manifestación "xogámonos meter na axenda política o problema da sanidade de Vigo. E xogámonos que os partidos se posicionen. Xogámonos ter un hospital pequeno e custosisimo ou que teñamos un novo hospital que haberá que renegociar. E haberá que facelo con cartos públicos porque vaise facer con cartos públicos si ou si. A cousa é que ademais de pagar nós o canon o leven unhas empresas privadas por poñer a cara". Salientan que "afortunadamente todos os partidos menos o PP levan no seu programa a recuperación do hospital e a denuncia da situación. Esperemos que destas eleccións saia outro goberno que acabe con esta loucura". 

"Recórtanse dereitos: comezouse polas persoas máis débiles: polos inmigrantes e polos usuarios de ambulancias. Pero agora, se gaña as eleccións, o señor Núñez Feijoo vai romper a carteira de servizos"

A manifestación toma o conflito de Vigo como centro pero estende as denuncias e as reivindicacións a toda a problemática da sanidade pública en Galicia: "Estase desmantelando o sistema público de saúde porque se está dando a xestión dos novos hospitais a empresas privadas cuns custes brutais. Recórtanse dereitos: comezouse polas persoas máis débiles: polos inmigrantes e polos usuarios de ambulancias. Pero agora, se gaña as eleccións, o señor Núñez Feijoo vai romper a carteira de servizos. Iso supón abrir ese espazo ás aseguradoras privadas que son as que están detrás desa política para que fagan negocio coa sanidade pública".

Publicidade do novo hospital de Vigo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.