Nicanor Acosta, de 76 anos, advirte ante os xulgados que loitará "ata o final da vida"

Concentración de apoio a Nicanor Acosta © Stop Desahucios Coruña

Medio cento de persoas participaron este martes na concentración de apoio a Nicanor Acosta. O coñecido activista, de 76 anos, foi multado con 600 euros por participar na protesta contra o intento de desaloxo da anciá Aurelia Rey en febreiro de 2013. O home foi sancionado por, segundo a policía, "provación de reaccións no público que alteran ou poden alterar a seguridade cidadá" e recorreu este expediente, motivo polo cal se celebrou a vista no xulgado do contencioso-administrativo número 4 da Coruña. 

Tres concelleiros do goberno da Marea Atlántica e a edil do BNG apoiaron a Nicanor Acosta ante os xulgados

Nas portas, membros de Stop Desafiuzamentos da Coruña e de Ferrolterra, representantes das plataformas de preferentistas e numerosos veciños participaron nunha protesta á que acudiron tres concelleiros do goberno local da Coruña da Marea Atlántica (Rocío Fraga, Daniel Díaz e María García), a edil do BNG, Avia Veira; o ex concelleiro de EU, César Santiso; os deputados de AGE, Yolanda Díaz e Antón Sánchez; a responsable local de Podemos, Isabel Faraldo; ou o bombeiro Roberto Rivas, que se negara a facilitar o desaloxo de Aurelia Rey na mesma acción e que tamén fora sancionado por "provocar reaccións" na cidadanía presente

Ese mesmo cargo foi o que lle imputou o Estado a Nicanor Acosta, que cualificou de "totalmente inxusta" a súa sanción "e as de todos" os que loitan polo cumprimento "dun dereito básico como é a vivenda". "Sinxelamente, ía relatando o que psaba co meu megáfono", explicou o afectado, que cre que "os desafiuzamentos non teñen sentido, e menos o dunha anciá". Tras a vista asegurou "confiar na xustiza" e prometeu seguir na loita social. "Ata o final da miña vida dedicareime a que se faga xustiza", insistiu, logo de que, tanto antes como despois do xuízo, volveu coller o megáfono para, como adoita facer en cada mobilización, berrar as súas consignas. "Nin casas sen xente, nin xente sen casa", "o pobo ten dereito a pan, traballo e teito" ou "vivir é un dereito, ter casa tamén" foron algunhas das frases que repetiron os alí presentes. 

"Os desafiuzamentos non teñen sentido, e menos o dunha anciá", dixo Nicanor, que volveu coller o megáfono para protestar contra os desafiuzamentos

O avogado de Nicanor Acosta, Antonio Vázquez, destacou a "ambigüidade" dun atestado policial que foi redactado varias semanas despois dos sucesos e que foi matizado en agosto, segundo os axentes, tras as alegacións do propio activista. E mesmo destacou as semellanzas deste caso co de Francisco Jorquera, voceiro do BNG no Parlamento, que "foi absolto" e en cuxo atestado tamén había "incongruencias" ao non aclararse en ningún dos casos nin a hora exacto do ocorrido nin as expresións levadas a cabo polo veterano activista. 

Á saída da vista por apelación, na que declararon tres testemuñas, a avogada presente aclarou que o seu defendido pide que se anule a sanción. A letrada cre que o xuízo "foi ben" e confía en que se lle sexa retirada a multa, que non é a única que tivo que afrontar Acosta, que acumula máis de 2.700 euros en máis dunha ducia de multas, que tamén chegaron a moitos máis activistas da cidade que participaron naquela mobilización, tras a que tamén foron expedientados varios cargos públicos do BNG e de EU. Para a letrada, a actuación do activista entra dentro do dereito fundamental da manifestación, xunto coa liberdade de expresión, aínda que o avogado do Estado alegou que pode entenderse como "alteración da orde pública". 

No caso de Nicanor Acosta, e de moitos outros activistas, a "solidariedade de moita xente", como aclara Stop Desafiuzamentos, permitiulles garantir a cobertura económica para sufragar as sancións tras a campaña Múltannos a nós para asustarte a ti que a plataforma realiza desde 2013. "Un éxito do compromiso colectivo fronte ás ameazas e a persecución que vén realizando o Goberno contra os movementos sociais a través da policía nacional e demais organismos estatais de represión", di o colectivo, que denuncia a "inxustiza e acoso que está a sufrir o noso compañeiro".

Nicanor Acosta é un coñecido activista, que colabora con varios movementos sociais e foi declarado Republicano de Honra en 2015

Nicanor Acosta é un coñecido activista da Coruña, presente en todas as manifestacións, concentracións e loitas sociais da cidade. Sempre co seu megáfono, lanzando proclamas ou cedéndoo para que outros se expresen. Comprometido politicamente cos máis desfavorecidos desde a ditadura, mantén ese compromiso e colabora con múltiples colectivos, desde Stop Desafiuzamentos ata as plataformas dos preferentistas ou a Marea Atlántica, cuxa lista electoral integrou nas pasadas eleccións municipais. É, ademais, Republicano de Honra de 2015, galardón concedido pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica. "Amosa o camiño a seguir", dixo sobre el Yolanda Díaz, vicevoceira de AGE, que cre que Nicanor "é un exemplo de dignidade". 

Nicanor Acosta, ante os xulgados CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.