Nigrán loita contra unha autovía que derrubaría medio cento de casas

Simulación do trazado da vía de alta capacidade en Nigrán © Consello Sectorial Nigrán

Unha morea de familias loita contra o derrubamento das súas casas en Nigrán. O trazado dunha nova autovía -"sen pés nin cabeza", como din os veciños- é a causa de que estes cidadáns vexan agora perigar as súas vivendas pola construción dunha infraestrutura que, segundo aseguran, nin conta con dotación autonómica nin ten xustificación ningunha. Todas as formacións políticas do consistorio así o consideraron tamén, pero anos despois os acordos racháronse. O actual alcalde, o popular Alberto Valverde, que daquela votara en contra, apostou por un vial que está a mobilizar o pobo.

O Concello de Nigrán atópase agora na fase de aprobación inicial do seu documento de ordenación urbanística, que decidirá o futuro do municipio para as vindeiras décadas. Na fase previa da redacción do texto, colectivos sociais e veciñais achegaron ideas ata que a Xunta promoveu un plan sectorial -o Vigo Integra- no que se incluía para a localidade un vial de alta capacidade que "polo e medio e medio de Nigrán", tal e como denuncian os opositores á autovía na súa petición de sinaturas en Change.org. O próximo sábado varios colectivos organizan unha caravana de protesta para facer visible o problema e reclamar a paralización do vial.

"O vial leva por diante medio cento de casas sen que se xustifique a necesidade do trazado", din os colectivos contrarios á autovía

"Un vial pechado que levaba por diante a medio cento de casas sen facer achega dun só dato técnico que xustificase a necesidade de dito trazado, agás o gasto en investimento público necesario para a realización do mesmo", lembran. O trazado foi rexeitado polos veciños, pero tamén por toda a corporación municipal, tanto polo PSdeG e o BNG, que daquela gobernaban, como por PP e UCN, na oposición. O grupo popular presentara alegacións e advertía dos perigos dunha autovía urbana "que non soluciona os problemas".

O traballo do Consello Sectorial culminou  nun documento que foi aprobado nun pleno municipal o día 29 de xullo de 2010 asinado por unanimidade. Pero tres anos despois, o novo goberno de Nigrán decidiu rachar os acordos alcanzados naquel pleno e que o actual alcalde asinara.

Os veciños solicitaron que calquera novo trazado viario "debería estar debidamente xustificado e estudado a través da creación dun informe técnico de mobilidade que estudase pormenorizadamente as necesidades do concello coa fin de atopar solucións concretas cos medios dispoñibles de transporte públicos, estradas provinciais e autonómicas así como a autoestrada que nestes momentos está infrautilizada e a punto de ser rescatada con cartos públicos".

O alcalde votou en contra e xustificou o seu rexeitamento ao vial cando estaba na oposición, pero agora ponse do lado da Xunta

Os veciños lembran agora que o Concello de Nigrán e a Xunta "non só rexeitan facer este estudo, senón que seguen teimando en trasladar aos cidadáns a idea da necesidade desta infrastrutura sen achegar até hoxe un só dato que xustifique a súa necesidade e cun trazado que nin sequera ten continuidade co municipio de Vigo, rematando nun calello no medio do monte de Saiáns". O vial cruza o municpio, párteo en dous e pasa por riba de zonas de alto valor ecolóxico e forestal e con xacementos arqueolóxicos.

Pero o máis grave aínda é que a infraestrutura provocaría un importante dano económico a varias familias. "Serán expulsadas das súas casas, que serán derrubadas e expropiadas para o trazado, deixándoas nunha situación de total indefensión e xerando un grave problema social e económico nun momento de crise como o actual", denuncian.

Así, afectados e veciños piden na Rede á Xunta e ao Concello a "retirada do trazado deste vial de alta capacidade e o estudo de alternativas de transporte e mobilidade para o municipio enfocadas á mellora do transporte público e o aproveitamento das infraestruturas existentes". Ademais, exixen tamén "o obrigado cumprimiento dos acordos alcanzados no pleno extraordinario do 29 de xullo de 2010".

Curiosamente, vense de coñecer que o número dous do PP de Nigrán, e até o pasado luns tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, abandona o seu carga, marcha ao grupo mixto e deixa o goberno de dereitas en minoría.

Simulación do trazado da vía de alta capacidade en Nigrán © Consello Sectorial Nigrán

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.